Nais e pais denuncian que a Consellaría de Educación só enviou 22 dos 39 mestres e mestras de reforzo que foran solicitadas co obxectivo de garantir a presencialidade en todos os cursos
A comunidade educativa dos institutos pontevedreses Valle Inclán e Sánchez Cantón leva semanas mobilizada contra a solución adoptada pola Xunta para resolver a falta de espazo e profesorado nestes centros para poder impartir as clases cumprindo os protocolos sanitarios ante o coronavirus. A Consellaría de Educación acordou que o estudantado iniciase o curso nun réxime de semipresencialidade moi criticado, especialmente en Segundo de Bacharelato, ao interpretar que a redución de clases presencias supón deixa estes alumnos e alumnas en inferioridade de condicións con respecto a outros centros á hora de preparar as probas de acceso á universidade.
O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato está a recibir só 3 horas diarias de clases presenciais (menos da metade do que lles corresponde), nun modelo de semipresencialidade rotatoria que dende a Consellaría de Educación se defende que permite manter un contacto constante entre os e as estudantes e o profesorado.
O alumnado e as súas familias denuncian que esta semipresencialidade nin sequera é completa, pois non inclúe apenas contidos telemáticos
O alumnado e as súas familias denuncian que esta "semipresencialidade" nin sequera é completa, pois non inclúe apenas contidos telemáticos ou por streaming, máis aló dos deberes enviados polo profesorado para ser completados nas casas. A ausencia destas aulas virtuais implica que o estudantado está a recibir tan só a metade de horas lectivas que a maior parte do alumnos e alumnas dese curso no resto de centros galegos e nais e pais reclaman que se atopen solucións para que poidan acceder ás ao redor de 15 horas semanais de clases que están a perder.
Hai problemas de espazo para poder asegurar as distancias mínimas de seguridade e, ademais, de falta de profesorado. Nais e pais denuncian que este verán a Consellaría de Educación só enviou 22 dos 39 mestres e mestras de reforzo que foran solicitadas co obxectivo de garantir a presencialidade en todos os cursos.
Nais e pais impulsaron nas últimas semanas varias concentracións e convocaron unha nova mobilización para este mércores 7 de outubro. Nestas protestas o berro de "igualdade, presencialidade" foi o máis repetido
Nais e pais impulsaron nas últimas semanas varias concentracións e convocaron unha nova mobilización para este mércores 7 de outubro. Nestas protestas o berro de "igualdade, presencialidade" foi o máis repetido, poñendo de manifesto o medo a que o alumnos e alumnas destes centros sofran un agravio comparativo por non contar coa mesma cantidade de clases presenciais que o resto.
Este tipo de situacións foran xa denunciadas a comezos de setembro, antes do inicio do curso, cando grupos de docentes alertaban da "desvantaxe" que poderían sufrir os alumnos e alumnas de Segundo de Bacharelato: "Estarían en desvantaxe con respecto aos alumnos que teñen ensino presencial. Aqueles que teñen fenda dixital estarían en moitísima máis desvantaxe".
A Consellería de Educación autorizou este venres a instalación de mamparas nas aulas do Instituto Valle Inclán. Porén, de momento non hai solución á vista para o instituto Sánchez Cantón
Nos últimos días as familias mobilizadas conseguiron o primeiro dos seus obxectivos. A Consellería de Educación autorizou este venres a instalación de mamparas nas aulas do Instituto Valle Inclán, unha solución que en principio debería permitir o regreso de todo o alumnado ás clases presenciais. Porén, de momento non hai solución á vista para o instituto Sánchez Cantón, cuxas aulas teñen distintas características (disposición escalonada en desnivel e cadeiras fixadas con parafusos) que segundo a Consellería impiden a instalación de mamparas. En calquera caso, a comunidade educativa mantén o seu apoio á mobilización convocada para este mércores, en solidariedade coa situación que segue a vivir o Sánchez Cantón.
En resposta aos problemas que se están a producir en centros de distintos lugares, a Xunta anunciou un Plan de Continxencia para a Educación non presencial e semipresencialidade, que pasa polo reparto de 55.000 dispositivos electrónicos, 20.000 deles para emprestar ao alumnado con máis necesidades económicas. E, ademais, iniciativas de formación para o profesorado, así como a posta a disposición da comunidade educativa dun Banco de recursos educativos, para facilitar a semipresencialidade.