Desde este luns, Galicia pasa á Fase 2 do proceso de desconfinamento, aplicándose a un novo conxunto de normas que estarán vixentes dúas semanas, sempre que non haxa rebrotes ou empeoramentos da situación da pandemia ou agás que o Ministerio de Sanidade decida adiantar o pase á seguinte fase.
O Goberno central aceptou a proposta realizada pola Xunta para que as catro provincias avanzasen ao seguinte estadio, no que se recuperan algunhas actividades permitidas, nomeadamente na hostalaría (que poderán servir no interior), no comercio (coa apertura das grandes superficies), na cultura (coa apertura de cinemas e o incremento da capacidade permitida en espectáculos e actuacións) ou no ocio (coa posibilidade de acudir ás praias aínda que con limitacións que deberán regular os concellos). Tamén á mobilidade, pois desaparecen en todos os municipios as franxas horarias para paseos e actividade deportiva, pero nas zonas urbanas manteranse unhas quendas (agora, de 10 a 12 e de 19 a 20 horas) reservadas ás persoas de máis de 70 anos.
As normas impulsadas polo Goberno central --e publicadas no BOE-- durante a fin de semana engaden algunhas novidades ás previstas inicialmente na Fase 2. Non se poderá, no entanto, moverse entre provincias, tal e como reclama a Xunta desde hai semanas. Nin tan sequera se permite a mobilidade entre concellos limítrofes pero pertencentes a diferentes territorios provinciais, unha decisión coa que o Goberno central di asumir a cautela necesaria para evitar dar "pasos atrás" na evolución do coronavirus.
As reunións sociais poderán ser de ata 15 persoas e desaparecen as franxas horarias agás para respectar a reservada para maiores de 70 anos
Velaquí as actividades que se poderán realizar desde este luns 25 e as mudanzas con respecto á Fase 1:
- Reunións sociais: Amplíanse de 10 a 15 persoas os grupos que se poden reunir na rúa, nun local de hostalaría ou nunha vivenda
- Mobilidade: Desaparecen as franxas horarias para paseos e actividade deportiva, agás nos núcleos de máis de 10.000 habitantes, onde se mantén unha queda horaria reservada para as persoas de máis de 70 anos (na actualidade é de 10 a 12 e de 19 a 20, pero cada comunidade autónoma pode modificala lixeiramente). A mobilidade é provincial e non municipal.
- Hostalaría: Bares e restaurantes poden servir no seu interior, pero cunha capacidade máxima do 40%, aínda que a Xunta ten potestade para aumentala un chisco e proporá que sexa do 50% dentro dunha semana. Deberán respectar, ademais, as mesmas normas que xa viñan cumprindo nas terrazas: unha distancia mínima de dous metros entre mesa e mesa. O consumo dentro do local non poderá ser en barra, senón sentado en mesa. As terrazas matneñen a limitación ao 50% das mesas, cunha ocupación máxima de dez persoas.
- Comercio: Poden abrir todos os establecementos comerciais e de servizos (ata agora só podían facelo os de menos de 400 metros cadrados). Con todo, non deberán superar o 40% da súa capacidade e deberán incluír un horario prioritario para as persoas maiores ou vulnerables. No caso de atoparse nun centro comercial, estes locais deben ter unha entrada directa e independente desde o exterior da gran superficie e ter unha superficie útil de exposición e venda ao público igual ou inferior a 400 metros cadrados ou limitada a esa superficie.
Poderase acceder ás praias na mesma provincia, mantendo a distancia e respectando as limitacións á capacidade e de tempo que implanten os concellos
- Hoteis e establecementos turísticos: Poden reabrirse ao público as zonas comúns se non se supera un terzo da súa capacidade. As actividades grupais non deben superar as 20 persoas.
- Praias: Pódese acceder aos areais da mesma provincia e neles deberase manter a distancia e poderanse practicar actividades deportivas "sempre que se poidan desenvolver individualmente e sen contacto físico". Os concellos poderán limitar a capacidade, o acceso e o tempo de permanencia nas praias. A capacidade de cada praia considerará que cada bañista ocupa 4 metros cadrados e descontaranse da superficie 6 metros desde a beira en pleamar. O Ministerio mesmo publicou unha serie de recomendacións para a apertura dos areais.
- Piscinas recreativas: Poderanse abrir cunha capacidade máxima do 30% da prevista e sempre que se poida manter a distancia de seguridade. Será necesario concertar cita previa para acceder.
- Ensino: Permítese o regreso do alumnado ás aulas presenciais, aínda que de momento só o fará o de 2º de Bacharelato e o dos últimos cursos dos ciclos medios e superiores de FP. Serán as autonomías as que decidan sobre esa posibilidade. As autoescolas ou academias tamén poderán reiniciar as clases presenciais sen superar un terzo da súa capacidade, aínda que deberán priorizar a modalidade a distancia e online.
- Cines: Poden reabrir, pero cunha asistencia máxima dun terzo da súa capacidade.
- Actividades culturais: Deberán acoller a menos de 50 persoas en lugares pechados e menos de 400 ao aire libre, sempre que sexa co público sentado e mantendo a distancia física recomendada.
- Bibliotecas: Pódense utilizar as salas de lectura (cunha capacidade máxima dun terzo) e os ordenadores de uso público. As salas infantís e as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas.
As actividades culturais poden acoller menos de 50 persoas en lugares pechados e menos de 400 ao aire libre, sempre sentadas e mantendo as distancias
- Salas de exposicións: Cun terzo da capacidade autorizada e sen eventos.
- Visitas a residencias: Permítense por primeira vez as visitas a residencias de maiores e centros de atención á discapacidade. Realizaranse, preferentemente, "en supostos excepcionais, tales como o final da vida ou o alivio da descompensación neurocgonitiva do residente", e deberase concertar previamente a visita.
- Vodas: Permítense, cun máximo de 50 persoas en espazos pechados e 100 persoas en lugares abertos
- Velorios: Permítense, cun máximo de 25 persoas ao aire libre e 15 en espazos pechados.
- Misas: Increméntase a capacidade permitida, ata o 50% da capacidade total dos templos (anteriormente era un terzo)
- Deporte: Permítese o reinicio das competicións profesionais, pero sen público. Nas competicións non profesionais permítense os adestramentos.Poden abrir as instalacións deportivas cubertas e as piscinas, cun máximo do 30% da súa capacidade e con cita previa. A Liga de fútbol volverá a partir do 8 de xuño.
- Turismo activo: En grupos de ata 20 persoas, "debend concertarse estas actividades preferentemente mediante cita previa".
- Congresos e reunións de traballo: Permítense conferencias e xuntanzas ata un máximo de 50 persoas
- Mercados: O Goberno central indica que se garantirá a limitación a un terzo dos postos habituais ou autorizados, limitando a afluencia para manter as distancias e asegurando que os produtos non sexan manipulados polos consumidores.
- No traballo: Recoméndase fomentar o teletraballo "sempre que sexa posible" e nas emrpesas, comercios e centros deben ser accesible o xel hidroalcólico ou desinfectates ou auga e xabón. Debe garantirse a distancia de seguridade entre empregados e, de non poderse, dispor de equipos de protección axeitados. As compañaís deben reorganizar os horarios para evitar aglomeracións en horas puntas.