Os concellos poderán limitar a capacidade e o tempo de permanencia nas praias

Praia de Santa Marta, en Baiona CC-BY-SA HombreDHojalata

A entrada na fase 2 de Galicia este vindeiro luns suporá tamén a posibilidade de acudir ás praias. As condicións, no entanto, serán estritas e os concellos poderán limitar tanto o faoramento como o tempo de estancia das persoas, así como regular o acceso aos aparcadoiros. 

A nova norma do Goberno central permite aos concellos "establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade", así como limitar o tempo de estancia

Así o establece o Goberno central na nova norma publicada no BOE, que dedica un artigo específico ao "uso das praias" e no que se establece que os concellos "poderán establecer limitacións tanto de acceso, que en todo caso será gratuíto, como de capacidade nas praias a fin de asegurar que se respecta a distancia interpersoal de, polo menos, dous metros entre bañistas"

Ademais, o Ministerio de Sanidade especifica que tamén, e co obxectivo de "garantir o desfrute das praias polo maior número de posible de persoas en condicións de seguridade sanitaria", os concellos poderán "establecer límites nos tempos de permanencia nas mesmas, así como no acceso aos aparcadoiros co fin de facilitar o control do capacidade dos areais". 

Praia de Silgar, en Sanxenxo © Turgalicia

A norma establece como se debe calcular a capacidade máxima permitida en cada praia, para o que "se considerará que a superficie a ocupar por cada bañista será de aproximadamente catro metros cadrados", un cálculo do que "se descontará da superficie útil da praia, como mínimo, unha franxa de seis metros a contar desde a beira en pleamar". 

A capacidade de cada praia considerará que cada bañista ocupa 4 metros cadrados e descontaranse da superficie 6 metros desde a beira en pleamar

Ademais, deberá sempre existir unha distancia de dous metros entre persoas e obxectos persoais, a non ser que sexan persoas convivintes, e os concellos deberán asegurar unha "limpeza e desinfección" das instalacións e bens dos areais, que deberá reforzarse. 

Esta normativa respecto do uso das praias a partir da fase 2 chega logo de que a Xunta recomendase un mecanismo para establecer cita previa á hora de acudir aos areais, unha medida que foi rexeitada polos concellos costeiros. 

Días despois, Feijóo asegurou que o Goberon galego non tivo "ánimo" de que as administracións locais "implementasen" o seu sistema. Tras o forte rexeitamento dos municipios a esta iniciativa, que a Xunta presentou como posible medida fronte ao coronavirus, subliñou que en realidade o Goberno galego non ten competencias ao respecto, porque son "exclusivas" do Estado e dos concellos.

Fin aos límites de acompañantes nos paseos cos nenos

Ademais, e respecto á orde publicada no BOE, nela o Ministerio de Sanidade elimina en toda España o límite que establecía que só un adulto podía saír a pasear cun máximo de tres nenos. Desde este luns, as "unidades de convivencia" poderán saír pasear xuntas. 

O Ministerio de Sanidade elimina os límites de acompañantes nos paseos de adultos coa rapazada

A orde deste sábado acaba tamén coa suspensión de obras en edificios, polo que desde o luns volven estar permitidas en vivendas habitadas, cando ao comezo do estado de alarma só eran posibles as reparacións e intervencións urxentes, aínda que logo permitíronse taménobras en edificios. Con todo, o texto especifica que terán que garantirse as medidas axeitadas de  hixiene e a distancia mínima de seguridade de dous metreos entre persoas. 

Pedro Sánchez e o ministro Salvador Illa, en videoconferencia con membros do comité científico do coronavirus © Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España

A nova orde do Ministerio permite tamén aliviar as medidas de contención e reanudar as actividades presenciais no ensino naqueles territorios que, como Galicia, estean na fase 2. Aínda así, serán as autonomías as que decidan sobre esa posibilidade. As autoescolas ou academias tamén poderán reiniciar as clases presenciais sen superar unt erzo do seu capacidade, aínda que deberán priorizar a modalidade a distancia e online. 

Por outra banda, poden abrir os establecementos de menos de 400 metros ou os que teñan máis capacidade pero a limiten a esa superficie. No caso de atoparse nun centro comercial, estes locais deben ter unha entreada directa e independente desde o exterior da gran superficie. 

Outra das medidas aprobadas este sábado permite a formación presencial de todo o persoal destinado a reforzar actividades de servizos esenciais que estean relacionados co transporte ferroviario. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.