Se a partir deste luns 25 de maio Galicia entra na Fase 2, a cidadanía poderá acceder ás praias para tomar o sol ou bañarse (na actualidade xa pode pasear por elas). O regreso aos areais deberá cumprir unhas normas básicas, recollidas no BOE do pasado sábado 16 de maio, que pasan esencialmente polo respecto da distancia mínima de seguridade (cando menos dous metros) entre persoas que non convivan xuntas e, no caso de non poder asegurar esta separación, polo uso de máscaras de protección. E sempre en grupos dun máximo de 15 persoas.
A aplicación proposta pola Xunta xera un código QR que cada persoa debe presentar nos seus teléfonos móbiles no momento de ingresar na praia
O BOE non obriga ao establecemento de límites de capacidade para os areais, pero tanto a Xunta coma os Concellos comezaron xa a presentar propostas para asegurar o cumprimento das normas de seguridade, sobre todo naquelas praias que habitualmente rexistran unha densidade alta de persoas.
O Goberno galego propuxo este luns que os Concellos que así o desexen empreguen a súa plataforma Praias Seguras de Galicia para xestionar o acceso aos areais este verán. A ferramenta permite a cada persoa obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo semellante ao empregado na praias das Catedrais para controlar a afluencia de xente. A aplicación xera un código QR que cada persoa debe presentar nos seus teléfonos móbiles no momento de ingresar na praia.
Os concellos costeiros dubidan da súa viabilidade, alertan de que non contan con medios para asegurar o control de acceso mediante os códigos QR e advirten de perigos de privatización de espazos públicos
A ferramenta, ademais, compleméntase cos datos do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do
Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima. Este catálogo recolle preto dun milleiro de areais, en concreto 960, a maior parte na Coruña (454) e Pontevedra (414) e tamén en Lugo (92). En conxunto suman 18,75 millóns de metros cadrados, nos que poderían estar á vez algo menos dun millón de persoas (939.520), facendo unha reserva de varios metros para cada persoa, co obxectivo de gardar a distancia de seguridade e tendo en conta as zonas comúns e o espazo ocupado pola preamar.
Con todo, a proposta da Xunta non tivo en xeral un bo recibimento por parte dos concellos costeiros, que dubidan da súa viabilidade, alertan de que non contan con medios para asegurar o control de acceso mediante os códigos QR e advirten de perigos de privatización de espazos públicos asociados a esta limitación de acceso aos mesmos. A maior parte xa anunciou que non aplicarán a medida impulsada polo Goberno galego.
O Goberno galego comunicou a súa renuncia ao proxecto, trala mala acollida que tivo entre a maior parte dos concellos
De igual xeito, a Fegamp sinalou este mércores que considera "inviable" o sistema de citas telemáticas, "que deixaría fóra as persoas non familiarizadas coas novas tecnoloxías ou sen recursos tecnolóxicos". A entidade, que agrupa as administracións locais galegas, mantivo unha reunión coas consellerías de Cultura e Turismo e Medio Ambiente para coñecer a plataforma “Praias Seguras”. No marco dese encontro, o Goberno galego comunicou a súa renuncia ao proxecto, trala mala acollida que tivo entre a maior parte dos concellos.
A Fegamp traballará coa Amtega para ver como as novas tecnoloxías poden axudar aos concellos na xestión das praias coa COVID-19. A federación considera que o sucedido co programa da Xunta "é unha mostra de que é preciso que os concellos participen na toma de decisións e elaboración de plans estratéxicos, xa que como responsables da posta en práctica das medidas relacionadas coa crise do coronavirus, as entidades locais están a ser determinantes na crise sanitaria e socioeconómica".
Félix Juncal (Bueu): “Máis ben parece unha ocorrencia do momento ca unha proposta necesaria”
Félix Juncal: “máis ben parece unha ocorrencia do momento ca unha proposta necesaria”
Félix Juncal, alcalde de Bueu, criticou este martes unha medida que “máis ben parece unha ocorrencia do momento ca unha proposta necesaria”. O rexedor opina que nestas semanas estamos asistindo a un “afán desmedido de chegar antes non se sabe ben a que lugar; podería ter que ver coa necesidade de ter unha notoriedade por non dispoñer de medidas e solucións reais para garantir a seguridade e a saúde das persoas”.
Para o Concello de Bueu, a clave pasa primeiro polo "convencemento social, corresponsabilidade persoal e individual", e destaca que ningunha medida de restrición terá éxito se non funciona esa corresponsabilidade. Finalmente, Juncal alerta de que “comezamos parcelando ás praias ou establecendo un sistema de citas previas, e quen sabe se alguén poida incorrer na tentación de establecer taxas pola utilización das mesmas”.
Unha medida tamén rexeitada en Vigo e a Coruña
Vigo non terá obstáculos no acceso ás praias e na Coruña habilitarase unha app que informará da ocupación dos areais
A medida foi tamén rexeitada polos concellos de Vigo e A Coruña, onde os seus areais urbanos están entre os que rexistran unha maior ocupación no verán, ao estar situados en zonas moi poboadas. Na cidade olívica, Abel Caballero anunciou que o sábado se comunicará o sistema empregado para controlar o número de persoas que ocupan as praias en cada momento, pero adiantou que “o noso será un sistema sen obstáculos”, criticando a proposta realizada pola Xunta, que “vale para lugares de protección ambiental como Cíes”, pero non para praias de acceso aberto, sobre todo de gran tamaño. “Alguén imaxina cercar Samil ou todo o Vao para entrar con cita previa? Respecto as ideas de todo el mundo e en praias pequenas se podería facer ese esquema, pero non nas grandes", afirmou Caballero.
Na Coruña tamén o Goberno local rexeitou a proposta realizada pola Xunta, e anunciou que nuns días terá lista unha aplicación propia para dispositivos móbiles que informará en tempo real da capacidade autorizada para cada areal e do seu nivel de ocupación, uns datos que serán fornecidos en todo momento por persoal da Policía Local e de Protección Civil. O Concello de Coruña tamén valora a instalación de cámaras que permitirán comprobar en todo momento a través de Internet o estado das praias.
Críticas en Arteixo, Oleiros, Cangas, O Grove, Ribadeo ou Nigrán
Ángel Seoane: "Entre todos e todas temos que conseguir unha convivencia boa para seguir avanzando, pero non se pode ter un policía detrás de cada cidadán. Non poden impoñernos un Estado policial"
As críticas á proposta da Xunta para establecer unha cita previa para acceder ás praias reproducíronse en moitos outros concellos do litoral, independentemente da súa cor política. Así, a idea foi rexeitada polo rexedor de Arteixo, o popular Carlos Calvelo ou polos alcaldes de A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa ou do Grove. Neste caso, José Antonio Cacabelos afirmou que “quen propón esta idea non coñece como funcionan as praias” e preguntouse "cantas persoas teríamos que contratar para o control", reclamando da Xunta achegas económicas "para reforzar a limpeza das praias, montes e zonas publicas, desinfectar os baños públicos e reforzar a contratación de persoal de servizos e da Policía local”.
De igual xeito, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane (Alternativa dos Veciños) cualificou a proposta do Goberno galego como "a burrada máis grande que escoitei en moitos anos" e lembrou que en Galicia hai "praias inmensas nas que é imposible controlar os accesos". García Seoane apostou en cambio por "pedir responsabilidade a todos os cidadáns e respecto ás normas que se marquen". "Entre todos e todas temos que conseguir unha convivencia boa para seguir avanzando, pero non se pode ter un policía detrás de cada cidadán. Non poden impoñernos un Estado policial", destacou o alcalde de Oleiros.
Na Mariña lucense a medida foi xa rexeitada polos alcaldes e alcaldesas de Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo ou Viveiro ou Burela. A maior parte incide nas dificultades para a aplicar a a iniciativa e controlar todas as vías de acceso a areais que en xeral teñen un tamaño importante.
Nigrán non imporá restricións e levará a cabo unha campaña de concienciación para evitar aglomeracións e que a xente respecte a distancia social
Tamén Nigrán, Sanxenxo ou Baiona rexeitan a aplicación desta cita previa. Nigrán non imporá restricións e levará a cabo unha campaña de concienciación para evitar aglomeracións e que a xente respecte a distancia social. Baiona terá dispoñible un contador que informará da capacidade cos areais e do seu nivel de ocupación. Finalmente, en Sanxenxo, o Goberno municipal leva días anunciando que empregará outros métodos de control, como a utilización de drones que velarán polo mantemento da distancia fisica entre os distintos grupos de veraneantes.