Os pisos turísticos seguen a multiplicar a súa presenza en Galicia. O 3 de xuño figuraban na rexistro oficial da Xunta un total de 8.763, fronte aos 7.494 que había a comezos de ano, un incremento do 17%. En relación cos primeiros datos que facilitara o Goberno galego, en febreiro do pasado ano, o aumento achégase ao 90% (eran 4.360 naquela primeira medición). É dicir, os apartamentos turísticos legais practicamente duplicáronse no último ano e medio.
O número de prazas en pisos turísticos duplica xa ao que había en febreiro do pasado ano e achégase ao existente en hoteis
Estes establecementos suman 25.367 cuartos e un total de 44.364 prazas, unha cifra que máis que duplica á que había en febreiro do pasado ano. Como referencia, todos os establecementos hoteleiros de Galicia (hoteis, hostais, pensións, etc) suman algo menos de 67.000 prazas.
A cifra real pode ser aínda superior, se temos en conta que o pasado ano o Concello de Santiago detectara na cidade a existencia de 1.000 pisos turísticos, case catro veces máis que os que naquel momento tiña rexistrados legalmente a Xunta.
Domina, con gran diferenza, Sanxenxo (1.629), seguido de Santiago (569) e en terceiro lugar aparece xa Vigo (310), superando á Coruña (296)
As vilas litorais, ademais da cidade de Compostela, seguen a ser as que acumulan máis establecementos deste tipo. Domina, con gran diferenza, Sanxenxo (1.629), seguido de Santiago (569) e en terceiro lugar aparece xa Vigo (310), superando á Coruña (296), que ata agora ocupaba esa posición. O Grove (283), Barreiros (261), Foz (252), Cangas (238) e Poio (212) superan os douscentos apartamentos. E Carnota, Fisterra, Bueu, Baiona, Ribeira, Pontevedra, Porto do Son, Boiro, Nigrán, Ourense e Vilagarcía pasan dos 100.
Entre os concellos que aparecen a seguir, todos por riba dos 50 pisos turísticos, practicamente todos (agás a cidade de Lugo) pertencen a zonas litorais: Viveiro, Camariñas, A Illa de Arousa, Muxía, Ribadeo, Muros, Lugo, Miño, Vilanova de Arousa, Laxe, Malpica, Cedeira, Ortigueira, Cee, Cabana de Bergantiños, Marín, Oleiros, A Pobra do Caramiñal e Cambados.
Nos últimos meses algúns concellos, destacando especialmente Santiago de Compostela, puxeron en marcha medidas para evitar o funcionamento de pisos turísticos ilegais e para previr as situacións de saturación, que teñen efectos moi negativos sobre o prezo dos alugueiros e para a vida dos propios barrios. Dende o mes de xaneiro deste ano o número de apartamentos turísticos creceu un 17% en toda Galicia, pero houbo algunhas localidades, sobre todo costeiras, nas que este incremento foi moi superior, o mesmo que nalgunhas cidades.
Vigo (+32%), Baiona (+29%), Boiro (+29%), Ourense (+31%), Lugo (+27%), A Pobra (+26%), A Guarda (+26%), Cariño (+26%), Cedeira (+25%) ou Cee (+24%) foron os concellos nos que máis aumentaron os pisos dende xaneiro
O aumento en Compostela foi equivalente á media galega (+17%), unha evolución semellante á seguida por Vilagarcía (+17%), A Coruña (+15%) e O Grove (+15%), Cangas, Ribeira e Fisterra (+16%) ou Carnota (+19%). En Sanxenxo o incremento foi máis cativo (+7%), o mesmo que na Mariña Lucense, nos concellos de Barreiros, Foz, Viveiro ou Ribadeo, todos por debaixo do 10%.
Pola contra, localidades como Vigo (+32%), Baiona (+29%), Boiro (+29%), Ourense (+31%), Lugo (+27%), A Pobra do Caramiñal (+26%), A Guarda (+26%), Cariño (+26%), Cedeira (+25%) ou Cee (+24%) experimentaron aumentos moito máis importantes nos últimos seis meses. Capitulo aparte merecen os casos de Arzúa, Monforte, Moaña ou Rianxo, con incrementos superiores ao 40% dende o mes de xaneiro, aínda que estes concellos contan con cifras de establecementos máis reducidas.
En Barreiros, Foz, Cangas, Bueu, Fisterra, Carnota ou Poio hai máis do dobre de prazas en pisos turísticos que en establecementos hoteleiros
Sanxenxo é, por suposto, o concello con máis prazas nos pisos turísticos, superando xa as oito mil (8.171). A cifra achégase xa á das prazas hoteleiras coas que conta esta localidade (8.907). Cidades como Santiago (2.716), A Coruña (1.365) ou Vigo (1.132) contan cun número de prazas moito menor e, de igual xeito, moi inferior ás que suman os seus establecementos hoteleiros, máis do triple nos tres casos.
Noutras localidades costeiras sucede o mesmo que en Sanxenxo: o número de prazas nos pisos turísticos é xa moi semellante ao existente nos hoteis e pensións e mesmo o supera. En Barreiros, Foz, Cangas, Bueu, Fisterra, Carnota ou Poio hai máis do dobre de prazas en pisos turísticos que en establecementos hoteleiros.