A praia das Catedrais terá un límite de visitantes por día

Fernando Suárez comproba os danos nas Catedrais © Concello de Ribadeo

A praia das Catedrais terá as visitas limitadas. Será dun máximo de entre 2.000 e 5.000 visitantes diarios para poder así compatibilizar a conservación "sustentable" dos seus valores medioambientais e a súa explotación turísticta, segundo o plan que vén de deseñar a Xunta e que foi avanzada este xoves por Alberto Núñez Feijóo.

O plan que deseña a Xunta prevé que só entre 2.000 e 5.000 persoas poidan visitar diariamente As Catedrais

O presidente do Goberno galego avanzou algo do contido deste plan que agora será presentado aos distintos colectivos implicados e ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, que leva ben tempo denunciando a situación do areal de Augas Santas, que alcanzou cifras record de visitantes durante este verán, o que causou non só problemas na propia praia, senón tamén nos accesos e nas zonas máis achegadas. A idea é que este límite definitivo de visitantes se sitúe entre os 2.000 e os 5.000 ao día.

Segundo avanzou Feijóo, espérase que o plan se aprobe definitivamente antes do verán de 2015, aínda que a Xunta aspira a que xa estea regulado na vindeira Semana Santa, data na que xa se esperan milleiros de turistas. O documento propón tamén actuacións para preservar o monumento natural fronte aos "riscos que comprometen o seu futuro". Ademais, incorporta tamén un protocolo para erradicar "especies invasoras que o ameazan".

No pasado mes de agosto pasaron polo areal máis de 270.000 persoas

No pasado mes de agosto pasaron máis de 270.000 persoas pola praia de Augas Santas, en Ribadeo. Segundo datos do Concello ribadense a coñecida popularmente como praia das Catedrais colle unha media diaria de 10.000 persoas e cando remate 2014, asegura o alcalde, Fernando Suárez, "superarase" a cifra de 500.000 visitantes de 2013. As medidas impulsadas pola Xunta para este verán non deron, nin de lonxe, atallado a masificación e os seus efectos máis nocivos e, a pé de praia, o propio Suárez e a Deputación de Lugo, a través do seu vicepresidente Antonio Veiga, reclamaron un plan completo de protección e, en última instancia, a declaración de Parque Natural para a praia e a súa contorna como única vía para conservalas. "O segundo destino máis visitado de Galiza despois da Catedral de Santiago ben merece ser tomado en serio por parte da Xunta", reclamaban.

Á aglomeración de xente e tráfico uníuselle este verán o costume dalgúns turistas de raiar as pedras ou deixar croios nas covas

Á aglomeración de xente e tráfico uniuse tamén este verán o costume dalgúns turistas de facer graffitis, raiar as pedras, escribir o seu nome nas rochas ou deixar croios sobre as covas. O Concello de Ribadeo reiterou ante esta nova moda a necesidade de declarar parque natural a zona para conservala.

Fileiras de xente na entrada da praia das Catedrais Dominio Público Fernando Suárez Barcia
As Catedrais, coa marea alta © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.