Na noite do pasado xoves 5, unha bolsa de xurros dunha granxa de porcos do Viveiró (Muras) rebentou e deixou escapar un millón de litros dende a cabeceira do río Landro
Na noite do pasado xoves 5, unha bolsa de xurros dunha granxa de porcos do Viveiró (Muras) rebentou e deixou escapar un millón de litros dende a cabeceira do río Landro. O vertido baixou polo río ata chegar á súa desembocadura na ría de Viveiro, provocando a morte xeneralizada de troitas, peixes e demais fauna piscícola, e tamén forzou a restrición de auga para a poboación e a prohibición de baño nas praias. Sinálase que, por exemplo, o nivel de amonio chegou a acadar os 300 mg/l, cando o máximo permitido é de tan só 0,5 300 mg/l.
Unha vez localizada a orixe do vertido axentes medioambientais da Xunta desprazáronse ao lugar para recoller mostras e rexistrar oficialmente o sucedido. Dende o venres pola mañá o Concello de Viveiro pediu á poboación que non empregasen a auga da billa para beber, cociñar ou lavar os dentes.
A boa nova foi que a estación depuradora de augas de Viveiro se atopaba pechada no momento do inicio do vertido e cos seus depósitos cheos de auga limpa, de xeito que as augas contaminadas non entraron nas instalacións. Porén, a importante contaminación que sufriron as augas do río afectou ao subministro para os días seguintes, polo que o Concello de Viveiro recomendou reducir o consumo ao mínimo.
O vertido baixou polo río ata chegar a Viveiro, provocando a morte xeneralizada de troitas, peixes e demais fauna piscícola, e tamén forzou a restrición de auga para a poboación, que se mantén. Pídese á poboación non empregar a auga da billa para beber, cociñar ou lavar os dentes
Aínda este mércores as restricións para o consumo da auga corrente se manteñen en Viveiro, onde por quinto día se pide á poboación non empregar a auga da billa para beber, cociñar ou lavar os dentes. Si se pode empregar para ducarse ou para a limpeza do fogar ou para fregar os pratos. De igual xeito, axentes medioambientais vixilan as manchas que se advirten na superficie da ría.
Este martes o Concello de Viveiro anunciou que estuda, a través dos seus servizos xurídicos, iniciar accións legais contra os responsables do vertido que inclúa compensacións polo custo económico que supuxo a contaminación do río e a garantía de que a cidadanía podía acceder a auga potable.
"A gandaría intensiva, en especial en zonas de alta densidade porcina e bovina, xera grandes cantidades de xurros que deben ser xestionadas con responsabilidade", di AFRIGA, que pide que a granxa responsable "asuma as súas responsabilidades legais e sociais e que a Administración actúe con contundencia"
A asociación de gandeiros AFRIGA denunciou a través dun comunicado que esta vertedura de xurro "non é só un incidente puntual", senón que "supón unha infracción ambiental grave, con danos directos sobre a biodiversidade fluvial, perda de recursos turísticos e de pesca recreativa, e unha ameaza directa á saúde pública se chega á rede de abastecemento". E que, ademais, pode afectar á imaxe xeral e á "confianza" que a sociedade ten do sector gandeiro do país.
"A gandaría intensiva, en especial en zonas de alta densidade porcina e bovina, xera grandes cantidades de xurros que deben ser xestionadas con responsabilidade. Cando esta xestión falla, as consecuencias son inmediatas e visibles, como ocorreu no Landro", sinala a entidade. AFRIGA sinala que o sector gandeiro é "alicerce do medio rural galego" e que "a súa sustentabilidade depende tamén do cumprimento da legalidade ambiental". "É imprescindible que a explotación gandeira responsable da vertedura asuma as súas responsabilidades legais e sociais e que a Administración actúe con contundencia", engade.
"O xurro pode ser fertilizante ou veleno, segundo como se manexe. Este suceso debe servir de advertencia e tamén de punto de inflexión: necesitamos máis control, máis formación, máis prevención"
"O rural galego non pode permitirse perder o equilibrio entre produción e medio ambiente. O xurro pode ser fertilizante ou veleno, segundo como se manexe. Este suceso debe servir de advertencia e tamén de punto de inflexión: necesitamos máis control, máis formación, máis prevención", conclúe.
Pola súa banda, ADEGA puxo o foco nas responsabilidades da Consellería de Medio Ambiente nos feitos, "máis alá das individuais que caiba atribuírlle ao propietario da granxa e que deberán depurarse mediante o correspondente procedemento de investigación".
ADEGA critica a falta de control exercida polo Goberno galego "ao permitir que estas explotacións porcinas poidan tramitarse cunha simple declaración de incidencia ambiental"
A entidade ecoloxista criticou a falta de control exercida polo Goberno galego "ao permitir que estas explotacións porcinas poidan tramitarse cunha simple declaración de incidencia ambiental". Esta declaración redúcese á presentación, por parte do titular, dunha memoria ambiental sen pouco máis contido que o de xustificar as dimensións da instalación e a capacidade da bolsa de xurros, sen sequera mención ningunha á posibilidade de que este tipo de accidentes se produzan e as súas consecuencias, explica a asociación.
Así mesmo, ADEGA lembra que Medio Ambiente resolveu favorablemente estes procedementos de avaliación ambiental "sen esixir que se estude e avalíe o risco destes accidentes, cando menos para decidir sobre a súa localización e sobre as medidas de protección que corresponda aplicar en tal caso".
A entidade esixe a "investigación rigorosa das causas da vertedura e a aplicación de sancións con obriga de reparar os danos ambientais producidos" e tamén "unha maior rigorosidade na avaliación ambiental e na autorización destas explotacións porcinas, de maneira que se eviten este tipo de riscos para o medio natural ou para a saúde das persoas".