En Galicia o número de mortes supera o de nacementos dende finais dos anos 80 e os datos máis recentes son os peores da historia. O fenómeno dáse agora tamén no conxunto do Estado e a presión sobre a Seguridade Social é insustentable; os problemas que traen consigo o envellecemento sobre o gasto público son xa unha das principais advertencias desde os organismos internacionais. Nese contexto, o Goberno de España creou hai case un ano un cargo novo: a Comisionada fronte ao Reto Demográfico, cuxo mandato fundamental era elaborar unha estratexia que equilibrase a pirámide poboacional. Doce meses despois, a estratexia nin se presentou nin os grupos parlamentarios teñen noticia dela.
O Goberno nomeou como Comisionada a Edelmira Barreira, ata entón senadora do PP de Ourense e cuxa carreira profesional está enteiramente ligada ao Partido Popular. Barreira cobra uns 100.000 euros brutos anuais, segundo Sueldos Públicos, que obtivo a información a partir do Portal de Transparencia. Trátase dun soldo similar ao dos subsecretarios de Estado e maior que o que percibe o propio presidente Mariano Rajoy, que rolda os 79.000 euros.
Barreira cobra máis que Rajoy e dende que foi nomeada responsable da política demográfica do Estado a súa actividade é apenas coñecida
Malia ao seu soldo, a súa actividade apenas é coñecida. O grupo socialista no Congreso acaba de pedir a comparecencia de Barreira para que informe sobre o seu traballo e sobre en que punto atópase a estratexia que lle foi encomendada. "Este é un tema de primeira orde e despois dun ano chegou o momento de que expliquen que se fixo neste tempo, por onde están a avanzar, que información poden achegarnos. Non sabemos nada", di a deputada socialista Ángeles Álvarez.
Álvarez tamén rexistrou unha batería de preguntas para coñecer cal é a actividade da Comisionada: cantos grupos de traballo formou, en que datas, quen forma parte deles, cantos representantes hai da sociedade civil e de asociacións de mulleres, ou en cantos grupos se convidou a participar a Barreira.
O PSOE pregunta no Congreso pola actividade da ex-senadora e o Ministerio da Presidencia destaca que creou un grupo de traballo que se reune "periodicamente" e traballa nunha estratexia sen data de presentación
A preguntas de eldiario.es, un voceiro do Ministerio da Presidencia, órgano do que depende a Comisionada, explica que durante este ano se creou un grupo de traballo do que forman parte representantes de todos os ministerios e que se reuniu "periodicamente". Segundo a axenda que consta na páxina web do organismo, o grupo tivo tres encontros, o último deles a principios de setembro. Sobre a estratexia, "está avanzada", aínda que nin hai data aproximada de presentación nin os grupos políticos saben nada dela.
O voceiro do ministerio asegura que Barreira tamén se reuniu durante este tempo coas comunidades autónomas "que o solicitaron". Nas notas de prensa que figuran na súa páxina web poden comprobarse algúns dos actos nos que participou Barreira: a I xornada das vilas máis bonitas de España no Senado, a I Feira para a Repoboación da España baleira, ou un congreso de reflexión sobre o retiro da xeración do 'baby boom'.
Barreira, moi ligada a Sáenz de Santamaría, foi directora adxunta do seu gabinete ata que concorreu ao Senado polo PP de Ourense en 2015
Alén da súa participación neste tipo de xornadas e encontros e das tres reunións do grupo de traballo, a axenda de Edelmira Barreira da que hai constancia na páxina web mostra seis encontros con representantes de fundacións ou asociacións e unha viaxe a Bruxelas.
Barreira xurou cargo en 2012 como directora adxunta do Gabinete de Soraya Sáez de Santamaría que dirixe María González Pico. É coñecida por tanto por ser do grupo dos sorayos -alcume dos afíns á vicepresidenta do Goberno central- e é considerada amiga da vicepresidenta. En 2015 pasou a representar o PP no Senado pola súa provincia natal, Ourense, ata que o ano pasado foi creado este organismo á fronte do que se sitúa a política.