O último acto do popular será este venres en Madrid con Casado, que lle ofreceu o posto que queira no seu hipotético Goberno
Un Feijóo unido a Pablo Casado por unha “España unida”. Esa foi a mensaxe final aos votantes galegos que quixo lanzar o presidente da Xunta e do PPdeG, que este venres pechará a campaña en Madrid co seu líder estatal en vez de facelo en Galicia, como adoitou nas campañas previas. No seu último gran mitin aquí, este xoves na Coruña, a súa mensaxe acadou cotas aznarianas. En castelán, como adoita facer nalgunhas cidades, fronte ao galego que emprega no resto de Galicia, Feijóo apelou a concentrar o voto: “Vayamos a votar el próximo domingo unidos, por España unida y por Galicia dentro de España”.
Feijóo aposta por unha nova intervención da autonomía catalá co artigo 155 da Constitución e alerta da necesidade de concentrar o voto no PP especialmente no Senado, cámara clave para aprobar esa medida
Tras apenas lanzar propostas programáticas concretas nos primeiros días de campaña, nas últimas xornadas Feijóo xa viña apelando ao voto emocional fronte ao racional e elixindo como mensaxe central dos seus discursos a súa aposta por unha nova intervención da autonomía catalá co artigo 155 da Constitución. Para iso, alertou da necesidade de concentrar o voto no PP especialmente no Senado, cámara clave para aprobar esa intervención, evidenciando así o risco de que os populares perdan a maioría que ostentaban alí ata agora. Este xoves, na Coruña, a aposta pola unidade do voto da dereita elevouna a cuestión de Estado.
Feijóo apelou aos votantes a que non se deixen contaxiar polos prognósticos que auguran unha caída do apoio ao PP. E para achegar optimismo aos seus tirou novamente dun dos seus principais argumentos políticos da última década. Se os votantes non apoiasen ao PP, “seguiría habendo o bipartito do PSOE cos nacionalistas”, o goberno da Xunta que Feijóo desaloxou hai agora dez anos pero ao que segue atribuíndo os males actuais da sociedade galega.
Este venres Feijóo só prevé un par de actos menores en Galicia antes de voar a Madrid para pechar alí a campaña no acto central final de Pablo Casado, ratificando así o seu apoio persoal ao líder do PP, que lle ofreceu o posto que queira no seu hipotético Goberno.