Pide o voto para o PP por contraposición ao resto de partidos e tras limitar a exposición de promesas propias aos primeiros días da campaña, cando se centrou en apostar por un maior financiamento estatal contra o avellentamento no rural
Os mitins electorais adoitan ser arengas emocionais para os propios simpatizantes xa convencidos, pero os partidos intentan lanzar neles tamén propostas concretas que saian das portas do pavillón de deportes ou auditorio no que se pronuncian e cheguen a outros posibles votantes. De momento, a campaña que está a realizar o presidente Feijóo está a centrarse na primeira faceta, a emocional, fronte á exposición de medidas, limitadas aos primeiros días, cando se centrou en apostar por un maior financiamento estatal contra o avellentamento no rural.
O líder dos populares galegos está a ter unha axenda de campaña similar ás de comicios anteriores de todo tipo, con varios actos de partido cada día e cunha notable redución da súa axenda institucional como presidente da Xunta. Unha tónica que só alterou os días festivos da Semana Santa, nos que desapareceu por completo. Antes, foi nos primeiros días da campaña cando Feijóo concentrou as poucas propostas ou promesas electorais concretas que o PPdeG quixo transmitir ata o de agora.
“Ante o problema demográfico, é preciso un modelo de financiamento que prime a dispersión e o avellentamento de lugares como Galicia e cunha política fiscal que priorice vivir no rural”, é a principal proposta do PPdeG nesta campaña
Foi o luns 15, nunha explotación gandeira de Lugo, cando os populares expuxeron de xeito máis claro unha proposta electoral concreta, salientando que “ante o problema demográfico, é preciso un modelo de financiamento que prime a dispersión e o avellentamento de lugares como Galicia e cunha política fiscal que priorice vivir no rural” e avogando “por unha lexislación que dea prioridade ás tramitacións das industrias que se queiran implantar no rural; por un plan para a xestión das crises agrarias e a estabilización das rendas; por acceso a Internet, para continuar homologando as condicións de vida no ámbito rural e urbano; e porque o interior de Galicia estea no mapa coas mesmas infraestruturas que outros lugares de España”.
Un día antes, o rural e a demografía xa centraran as propostas de Casado no seu único mitin en Galicia con Feijóo, nunha parroquia de Santiago. E ao día seguinte, nos mitins de Feijóo en Xinzo de Limia e Moaña, rematou o intento do PPdeG por lanzar propostas concretas durante a campaña, insistindo na mesma mensaxe dun “financiamento autonómico que teña en conta que prestar os servizos aos maiores e nos pobos ten un custo superior que hai que afrontar” ou presentando políticas demográficas desenvolvidas pola Xunta como exemplo a estender a nivel estatal.
As intervencións de Feijóo están a centrarse, ademais de en presentarse novamente a si mesmo como o principal aval das políticas do PP, en pedir o voto para Casado en contraposición ao resto de candidatos
E aí remataron as propostas. A partir daquela, o PPdeG vén primando as mensaxes electorais emotivas fronte ás propostas concretas. As intervencións de Feijóo están a centrarse, ademais de en presentarse novamente a si mesmo como o principal aval das políticas do PP, en pedir o voto para Casado en contraposición ao resto de candidatos, ao que atribúe todo tipo de males e asegurando que só o PP “é o único partido con solucións aos problemas de España”. Pero sin detallar cales son esas solucións. Os electores deben votar ao PP, di Feijóo, “porque é un valor seguro para a creación de emprego, o crecemento da economía, a responsabilidade, a xestión e a unidade de España”, pero sen amparar esas afirmacións en datos ou promesas concretas. A idea máis repetida polos populares galegos é a de que, fronte aos supostos intereses espurios do resto de opcións, o do PP será “un goberno que goberne”. Pero sen detallar con que medidas.