- AGE esixe a Feijóo que "deixe de amparar" a Baltar e promova a súa dimisión
- O BNG ve "demostradas as prácticas corruptas" de Baltar e ínstao a marchar dos seus cargos
A xuíza que investiga a denuncia da muller que acusa o presidente da Deputación de Ourense de ofrecer un posto de traballo na institución a cambio de sexo decidiu citar a José Manuel Baltar en calidade de investigado -antiga imputación-. O barón ourensán terá que responder ante a titular do xulgado número 3 de ourense por un presunto delito de suborno.
Como informou en exclusiva eldiario.es, o pasado outubro unha cidadá de Ourense presentou ante a Fiscalía unha demanda contra o líder do PP na provincia acusándoo de ofrecerlle un posto de traballo na institución provincial a cambio de manter relacións sexuais con el. O ofrecemento, segundo a denunciante, produciuse na etapa na que a Deputación aínda era gobernada polo pai do actual presidente, José Luís Baltar.
A xuíza exclúe polo momento o delito de acoso e céntrase en investigar se houbo suborno ou tráfico de influencias
A principios de decembro a Fiscalía ourensá arquivou a denuncia, pero case simultaneamente a muller decidiu trasladala ao xulgado, onde foron examinadas as gravacións que amosan o político gabándose de poder alterar procesos selectivos na deputación. Aínda que a denuncia se refería a un presunto delito de acoso sexual, a xuíza exclúe, cando menos de momento, esta liña da instrución e o caso vira agora cara a supostos actos de suborno e mesmo tráfico de influencias.
A denunciante terá que declarar tamén como investigada
O suborno, razoa a xuíza, pode chegar a cometerse neste caso aínda que a denunciante non chegase a obter o posto de traballo presuntamente prometido. Do mesmo xeito, advirte de que tamén corresponde aclarar as xestións de Baltar pai e se, ademais, a denunciante podería ter cometido delitos semellantes, tendo en conta que o ofrecemento dalgún favor ou servizo a unha autoridade a cambio dun beneficio nunha Administración pública tamén pode encaixar neste tipo penal.
Así as cousas, a instrutora decidiu suspender a declaración para a que xa citara á denunciante e no seu lugar convoca dúas novas declaracións para o próximo 10 de marzo. Nesa xornada Baltar terá que responder como investigado do presunto delito de suborno e a muller terá que facer o propio coa mesma condición.
Defendido por Feijóo
Feijóo defendeu que Baltar "non delinquiu" porque a muller non chegou a obter o emprego, tese que agora a xuíza contradí
Este xiro no caso Baltar prodúcese a pouco máis dun mes de que o PP de Ourense, igual que o resto de organizacións provinciais dos populares galegos, celebre o seu congreso e, por tanto, decida sobre o liderado de Baltar, algo que polo menos até este xoves dábase por suposto. Desde o estourido do escándalo o barón ourensán recibiu o aval do presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que en todo momento defendeu que Baltar "non delinquiu" porque a denunciante non chegou a lograr un emprego na Deputación, tese que agora a xuíza contradí.
Nesta liña, o barón ourensán reiterou en diversas ocasións que en ningún caso valorou abandonar a presidencia da deputación ou do partido, tendo en conta que restrinxe o asunto ao ámbito unicamente "persoal". Con este pano de fondo -e entre reiteradas peticións de dimisión desde o resto de partidos- Baltar participou activamente na campaña popular para as xerais, compartindo mitins con Feijóo ou con Soraya Sáenz de Santamaría, entre outros cargos.