Feijóo esgrime que Baltar "non delinquiu" porque a denunciante non logrou un emprego por sexo

Feijóo, este xoves tras o Consello © Conchi Paz

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu este xoves esperar a coñecer "cal é a decisión da fiscalía" sobre a denuncia presentada por unha muller ante ese Ministerio Público contra o presidente da Deputación de Ourense, o popular José Manuel Baltar, ao que acusa de ofrecerlle un emprego público a cambio de sexo, tal e como revelou en exclusiva eldiario.es. Feijóo optou por destacar que "o que se pretendía por parte da denunciante [un emprego público] non se conseguiu", polo que, ao seu xuízo, Baltar "non delinquiu metendo unha persoa na Deputación de Ourense, iso é constatable". Pola contra, o presidente galego elude valorar as gravacións realizadas pola muller e publicadas por este diario, nas que Baltar se gaba, entre outras cuestións, de poder cambiar as notas das oposicións a empregos públicos. Feijóo remite as explicacións sobre esa cuestión ao propio presidente ourensán.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, a Feijóo formuláronselle varias preguntas sobre o caso. Nas súas respostas eludiu en todo momento calquera tipo de censura política contra Baltar e remitiuse á decisión que poida tomarse no ámbito xudicial. Á pregunta de se a situación de Baltar resulta un "lastre2 para o PP, Feijóo comezou lembrando que "non hai ningún tipo de procedemento xudicial" aberto.

O presidente da Xunta elude calquera reproche político contra o barón do PP ourensán

Segundo dixo, el está "seguindo co interese que require ese tipo de denuncia" pero, ao seu xuízo, de momento só hai "o que di unha persoa e a negación dos feitos por parte doutra". "O que pedía esa persoa era que o señor Baltar delinquise, e non delinquiu metendo a unha persoa na Deputación", dixo Feijóo, para engadir que "iso é constatable".

"O que pretendía esa persoa era que o señor Baltar delinquise, e non delinquiu metendo unha persoa na Deputación"

Ao presidente galego preguntóuselle que sentira, con independencia da evolución penal que teña o caso, ao saber que un presidente de deputación presumiu de poder modificar os resultados dunhas oposicións. Feijóo asegura que non escoitou as gravacións e leu as transcricións só dalgunhas, entre as que non se atoparía ese momento. "Non digo que estea ou non estea", matizou.

"No caso de que as haxa [esas declaracións gravadas], ninguén pode estar de acordo", dixo, pero insistiu en que o importante non é o dito por Baltar senón se efectivamente enchufou á denunciante. E engadiu que, en todo caso, debe ser Baltar o que aclare as súas palabras.

Feijóo tamén desvelou que foi o propio Baltar o que o chamou "inmediatamente de madrugada" para informarlo do publicado por eldiario.es e comunicarlle que pensaba defenderse xudicialmente. "Estou de acordo en que un político non teña a mesma presunción de inocencia que outro cidadán", dixo Feijóo noutro momento da súa intervención. "Pero si un mínimo", engadiu.

Feijóo, este xoves tras o Consello © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.