"Abondosa" documentación "avala" que o PP de Ourense se financiou cunha 'caixa B'

Feijóo e Baltar Blanco, no último congreso do PP de Ourense CC-BY-SA PPdeG

José Luis Baltar fracasa no intento de desactivar a póla da Operación Pokémon que investiga a presunta 'caixa B' do PP de Ourense. Catro días despois de que a Audiencia Provincial de Ourense confirmase a máis simbólica que efectiva condena ao histórico barón popular por 104 enchufes na Deputación provincial, realizados na contorna do congreso do partido no que o baltarismo freou o único intento de Feijóo para destronar a saga, a instrutora do caso, Pilar de Lara, tombou nun duro auto o recurso co que o antecesor e pai do actual líder da dereita na provincia ourensá pretendía anular a investigación. Seguen así adiante as indagacións sobre o suposto financiamento irregular da formación, que se estende a unha vintena de cargos e que a maxistrada ve "avalada" por "prolixa" documentación.

O que o letrado de José Luis Baltar pretendía, concretamente, era obter a "nulidade de pleno dereito" de "todas as actuacións" practicadas na instrución "como consecuencia" da declaración ante a xuíza de Emilio Pascual, ex xerente do partido na provincia. Segundo un auto ditado o pasado luns, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, Baltar argumentou que os feitos investigados, de seren certos, producíronse en Ourense, polo que a investigación "correspondería aos xulgados de dita localidade" e non aos de Lugo. Asemade, indica a xuíza, "denuncia vulneración do dereito de defensa" porque, afirma, só tivo coñecemento das acusacións de Pascual a través de "determinados medios de comunicación", o que, "lle impide, segundo alega, obxectar ou contradicir" esa declaración.

O ex barón non conseguiu tombar o proceso que investiga o presunto financiamento irregular do partido

"Dada a confusión procesual que padece", a xuíza emprega o auto para "lembrarlle os instrumentos dos que dispón" para "facer valer" as súas "pretensións", entre os que "non se atopa a nulidade". No caso de considerar que a instrutora quebranta "algunha norma de competencia territorial" tería que presentar "unha cuestión de nulidade" e non de competencia, explica. En todo caso, a cerna da investigación xira en torno á actividade do Grupo Véndex, en cuxa "política" política empresarial se incluíu, presuntamente, o "pagamento de diversas cantidades de diñeiro" en diversos puntos de Galicia. 

O testemuño e os documentos achegados por Emilio Pascual indican que estas empresas poderían terlle dado cartos a Baltar e, asemade, son sospeitosas de financiar irregularmente gastos electorais do PP de Ourense a través de, cando menos, dúas empresas de comunicación. Tendo en conta estas circunstancia e a devandita extensión territorial das actuacións de Vendex tanto a xuíza como a Fiscalía consideran que "procede levar conxuntamente a presente investigación". "Non tería sentido ningún separar o caso de Ourense do de outras provincias", resalta.

A xuíza apercibe o letrado do ex barón

No que atinxe á suposta vulneración do dereito de defensa a xuíza remóntase ao interrogatorio que lle formulou ao propio Baltar pai. O barón ourensán negoulle que recibise 6.000 euros de Véndex pero "si que recoñeceu que o PP de Ourense recibía cantidades de cartos en efectivo a xeito de doazóns, incumprindo, claro está, a normativa legal". Dado que Baltar declarou que esas cantidades "as recibiría o xerente" do partido, "ese é o motivo polo que no seu momento se chamou a prestar declaración a Emilio Pascual". Nesa declaración o ex xerente expuxo que o partido, "durante un período de tempo moi prolongado, deseñou un procedemento de financiamento ilícito a través dun sistema de facturación falsa e ficticia", lembra.

O representante de Baltar acusa o tribunal de filtrar a declaración do ex xerente

O feito de que Pascual comparecese, abonda, non implica que "se vulnerase ningún dereito do señor Baltar", toda vez que "se quixese e tivese interese, o seu letrado non só podería asistir ás declaracións, sinaladas con antelación dabondo (...), senón que tamén tería a oportunidade de interrogalo". Pero o avogado "optou por non comparecer". Malia isto, reprocha De Lara, "atrévese a lanzar unhas gravísimas acusacións" ao sinalar que Baltar "non tivo acceso" ás declaracións do ex xerente pero os medios de comunicación, si. "Son os propios imputados os que se dedicaron a organizar e dar auténticas roldas de prensa ás portas mesmas do edificio xudicial", resalta, polo que á xuíza "sorpréndenlle" as "acusacións alegremente realizadas polo recorrente, que o fan merecedor do apercibimento correspondente para que, no sucesivo, cumpra debidamente co deber de lealdade e respecto que debe presidir as relacións profesionais" no ámbito xudicial.

Feijóo e Baltar Blanco, no último congreso do PP de Ourense CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.