Democracia Ourensana (DO), o partido impulsado por Gonzalo Pérez Jácome, tamén competirá finalmente nas eleccións autonómicas do 25 de setembro. A formación presentou formalmente a súa candidatura na mañá deste luns e abre así a incógnita sobre quen resultará máis prexudicado polo apoio electoral que poida recoller en Ourense, como sucede co caso de Ciudadanos na Coruña, a outra circunscrición onde máis posible semella a entrada dun quinto grupo no Parlamento de Galicia ademais de PP, PSdeG, BNG e En Marea.
Como Ciudadanos na Coruña, o partido de Jácome esperta incógnitas sobre a quen prexudicaría a súa irrupción no Pazo do Hórreo
Se a Ciudadanos son as enquisas as que lle dan algunha posibilidade de entrar no Pazo do Hórreo con algún deputado pola provincia da Coruña por ser a que máis escanos ten, 25, a Jácome son os resultados obtidos nas municipais de maio do ano pasado os que o fan ser optimista. Logo de obter dous concelleiros en 2011, hai un ano converteuse na segunda forza na cidade de Ourense con oito edís e preto de 14.000 votos. A extrapolación dos resultados daqueles comicios municipais a unhas hipotéticas autonómicas suporía que DO podería obter un dos 14 escanos en xogo nunha circunscrición na que hoxe o PP ten oito, o PSdeG catro, e BNG e AGE un cada formación.
Non é Jácome senón o avogado Miguel Caride quen encabeza a lista electoral de Democracia Ourensana
Con independencia das diferencias de voto existentes entre unhas eleccións municipais e autonómicas e a dificultade de comparar as formacións que se presentaron a unhas e outras (AGE, mareas municipais, En Marea), outro factor importante á hora de analizar a candidatura de DO ás autonómicas é que Jácome non será o cabeza de lista. Malia que el mesmo chegou a dicir que encabezaría a candidatura á Xunta se non chegaba a ser alcalde, Jácome permanecerá finalmente como voceiro municipal e será o avogado Miguel Caride quen aspire a un escano no Pazo do Hórreo, o que podería limitar as expectativas electorais da formación.