Os votos de Partido Popular e Democracia Ourensana botaron abaixo este mércores a proposta de PSdeG-PSOE e BNG para modificar o sistema de reparto de fondos aos concellos por parte da Deputación de Ourense. Socialistas e nacionalistas pedían "a supresión das subvencións de carácter nominativo que non atendan a criterios de concorrencia competitiva e distribución equitativa" e que os próximos orzamentos do ente provincial se estableza "un sistema de financiamento ás entidades locais, mediante o programa anual e universal, baseado en criterios obxectivos, equitativos e democráticos" cun montante de cando menos o 25% do orzamento anual da Deputación.
A proposta de PSdeG e BNG pedía que Ourense adoptase un sistema semellante ao que xa funciona nas outras tres provincias e que en Lugo apoiou o PP
Os voceiros de PSdeG e BNG, Rafa Villarino e Bernardo Varela, lembraron que este sistema, recomendado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), é o que funciona nas outras tres deputacións galegas e que, por exemplo, na de Lugo contou co apoio do Partido Popular. Tamén lembraron que unha proposta moi semellante (mesmo máis ambiciosa) foi presentada no verán do ano 2017, contando daquela cos votos favorables de PSdeG, BNG e Democracia Ourensana. Porén, nese momento o PP tiña aínda maioría absoluta no pleno da Deputación.
As críticas máis duras de socialistas e nacionalistas tiveron como destinatario ao voceiro de Democracia Ourensana, Miguel Caride, ao que esixiron "coherencia"
O pasado mes de maio os populares perderon a maioría absoluta, pero atoparon en Democracia Ourensana un aliado fiel, que axudou a soster a Manuel Baltar na Presidencia da Deputación a cambio de que os populares apoiasen a Gonzalo Pérez Jácome como alcalde de Ourense. Este mércores, unha vez máis, Democracia Ourensana e PP uniron os seus votos para manter o actual sistema de reparto de fondos, mentres que a única deputada provincial de Ciudadanos se abstivo, pedindo "agardar" a un cambio de posición por parte do PP nos vindeiros orzamentos da Deputación, un cambio que foi xa rexeitado polos populares este mércores.
O voceiro popular, Plácido Álvarez, cualificou de "paripé" a proposta, recoñecendo que era practicamente a mesma que o pleno votara en 2017 e que daquela contara cos votos a favor de PSdeG, BNG e DO, forzas que neste momento suman a maioría absoluta. Porén, desta volta Democracia Ourensana aliñouse co partido liderado por Manuel Baltar, alegando que malia estar de acordo con parte do contido da moción, a proposta necesitaba máis "concreción" e poñendo en dúbida os beneficios dun sistema que funciona nas outras tres provincias. "Ao final todos os partidos actúan da mesma maneira", escusou o voceiro de Democracia Ourensana.
"Non podemos seguir coa discrecionalidade actual, ao tempo que predicamos coa transparencia", dixo o nacionalista Varela
Ademais das dirixidas a Baltar e ao Partido Popular, as críticas máis duras de socialistas e nacionalistas tiveron como destinatario ao voceiro de Democracia Ourensana, Miguel Caride, ao que esixiron "coherencia". “A dignidade pérdese cando un perde a autonomía, cando un se vende", díxolle Rafa Villarino, antes de amosar no pleno un cartel de DO no que criticaba o "clientelismo" exercido por Baltar á fronte da Deputación. De igual xeito, o voceiro socialista reproduciu co seu teléfono móbil dous audios de Gonzalo Pérez Jácome criticando as políticas do PP na Deputación e prometendo mudalas.
Villarino pediu mudar o actual sistema de reparto de fondos "cuxo obxectivo final é ter un remanente para así ter superávit que repartir entre os amigos"
O voceiro do BNG, Bernardo Varela, debullou o contido da proposta e destacou os beneficios que tería para todos os concellos da proposta: "Todos verían mellorada a súa capacidade orzamentaria, incluídos os do PP", dixo, sinalando que "é hora que se recoñeza a maioría de idade dos nosos concellos, que decidan en que queren investir os cartos". "Non podemos seguir coa discrecionalidade actual, ao tempo que predicamos coa transparencia", concluíu o nacionalista.
O socialista Villarino ofreceu "diálogo" para mudar o actual sistema de reparto de fondos "cuxo obxectivo final é ter un remanente para así ter superávit que repartir entre os amigos", criticou. Así mesmo, defendeu “a necesidade de facer un cambio real nunha provincia atrasada” e concluíu que "non queremos impoñer o noso estilo, o que estamos é fartos deste estilo. É momento de que cambie a farsa que é esta Deputación”.