PSdeG e BNG levan ao pleno da Deputación de Ourense unha moción para eliminar o reparto de fondos "a dedo"

Rafa Villarino (PSdeG) e Bernardo Varela (BNG) © PSdeG-PSOE

O pleno da Deputación de Ourense debaterá este mércores a partir das 11 da mañá unha moción de PSdeG-PSOE e BNG para que o ente provincial modifique a forma en que reparte os fondos que corresponden aos concellos. As dúas formacións reclaman que o financiamento se realice con criterios "equitativos, democráticos e obxectivos", atendendo a parámetros como a poboación ou a súa dispersión, "e non mediante a dedocracia dos favores políticos".

As dúas formacións reclaman que o financiamento se realice con criterios "equitativos, democráticos e obxectivos e non mediante a dedocracia dos favores políticos"

Dado que o Partido Popular perdeu a maioría no pleno provincial, a aprobación desta moción depende dos votos de Ciudadanos, que xa manifestou a súa intención de apoiar a proposta, e de Democracia Ourensana, que no pasado votou a favor de mocións semellantes, pero que tras as eleccións do pasado mes de maio se converteu no partido que sostén o Goberno de Manuel Baltar.

A moción reclama un sistema provincial de financiamento mediante un programa anual e universal, baseado en criterios obxectivos, equitativos e democráticos, deseñados baixo os principios de transparencia, boa fe, confianza lexítima e lealdade institucional que acade, polo menos, un cuarto do total dos recursos económicos anuais da Deputación. Tamén demanda que a institución acorde a supresión das subvencións de carácter nominativo que non atendan a criterios de concorrencia competitiva, distribución equitativa ou similar. A proposta pide que se observen os criterios e métodos obxectivos propostos dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Gonzalo Pérez Jácome, ante un valo electoral de Baltar nun vídeo electoral de DO CC-BY-SA Praza Pública

O PSdeG denuncia un sistema de "subvencións nominativas e concesións directas estruturadas en torno a un sistema de esmola"

O PSdeG-PSOE denuncia que nos últimos anos a Deputación de Ourense executou a obrigada colaboración cos concellos "a través de instrumentos desligados e inconexos", e "mediante inxentes cantidades de subvencións nominativas e concesións directas estruturadas en torno a un sistema de esmola, no que os alcaldes teñen que pasar revista ante a presidencia da Deputación, co fin de que, se ten a ben, atenda as necesidades das entidades locais en base a criterios nunca publicitados”. 

Nunha comparecencia ante os medios, os voceiros de PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, e de BNG, Bernardo Varela, debullaron a proposta que se debaterá este mércores e puxeron o foco na posición que adoptará Democracia Ourensana, formación á que lle esixiron "coherencia". Chamaron a atención, ademais, sobre o feito de que o pleno extraordinario se celebre en pleno mes de agosto. “Parece que na Deputación provincial prefiren que este tema se debata en agosto, cando hai menos atención da xente, e non en setembro, cando comeza o curso político”, criticou Villarino, que afirmou que "para nós é o asunto máis relevante para esta Deputación provincial".

“A xente quere que todos os fondos que son seus se repartan con obxectivos de función pública e de servizo á cidadanía, e non con obxectivos clientelares e caciquís"

"Trátase de que todos os concellos reciban cantidades en base a parámetros obxectivos, como esixe a Constitución, a Lei de Función Pública e a cidadanía", sinalou Villarino, que engadiu que “a xente quere que todos os fondos que son seus se repartan con obxectivos de función pública e de servizo á cidadanía, e non con obxectivos clientelares e caciquís".

Pola súa banda, Bernardo Varela, explicou que "puxémonos de acordo porque para a provincia é importante poñerse de acordo neste asunto: o reparto democrático de fondos para os concellos". "O sistema de reparto do baltarismo levounos aos peores parámetros de todo o Estado español", afirmou. "É hora de que os concellos de Ourense sexan considerados maiores de idade e poidan decidir a que se dedican os cartos que veñen do Estado, uns cartos que veñen para os 91 concellos da provincia de Ourense menores de 20.000 habitantes. Pero moitas veces nin sabemos onde van", concluíu.

A posición de Democracia Ourensana

 "Unha moción igual a esta foi apoiada por DO cando estaba na oposición. Supoño que seguirán pensando do mesmo xeito", afirmou Varela

As eleccións municipais de maio deixaron ao PP sen maioría absoluta, pero o apoio de Democracia Ourensana (a cambio da alcaldía de Ourense para Pérez Jácome) mantivo a Manuel Baltar no posto que mantén dende o 2012 e que entre 1987 e 2012 ocupou o seu pai. O Partido Popular conta con 12 dos 25 votos do pleno, fronte aos 10 de PSdeG (9) e BNG (1). Ciudadanos (cunha deputada provincial) xa anunciou o seu apoio á moción, polo que a súa aprobación dependerá da posición que finalmente adopten os dous deputados de Democracia Ourensana.

Rafa Villarino destaca que "a suma dos partidos pon o Partido Popular en minoría, fronte a unha maioría que sempre votou a favor dos plans de reparto equitativo, democrático e obxectivo de fondos para todos os concellos da provincia". PSdeG e BNG lembran que no mandato anterior Democracia Ourensana votou a favor de propostas semellantes. "Unha moción igual a esta foi apoiada por DO cando estaba na oposición. Supoño que seguirán pensando do mesmo xeito", afirmou o nacionalista Varela.

"Vai permitir que os fondos públicos sexan repartidos a dedo, para os amigos?", pregúntalle Rafa Villarino a Democracia Ourensana

Pola súa banda, o socialista Villarino explicou que "Falamos co resto de partidos. Democracia Ourensana dixo que o estaba pensando. Non sei que ten que pensar porque sempre o apoiara. Creo que o que está pensando é como pode saír desta situación, como pode saír dun pacto mal creado e oportunista". "O seu apoio aínda está no aire, pero nós confiamos en que respecte a súa traxectoria e sexa coherente. Non ten máis opción de apoialo", engadiu, preguntándolle se "vai permitir que os fondos públicos sexan repartidos a dedo, para os amigos".

"Os tempos son chegados, a democracia chegará a Ourense. Este mércores teremos a oportunidade de demostralo, cando todos os partidos políticos, agás o Partido Popular, voten a favor dese cambio no financiamento da Deputación", concluíu Villarino.

Pleno da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.