Mentres aínda está pendente de resolución o proceso xudicial contra José Manuel Baltar, presidente da Deputación e do PP de Ourense, por un presunto delito contra a seguridade viaria cometido ao conducir un coche oficial da institución a 215 quilómetros por hora, o PSdeG pide contas aos populares por outra presunta infracción ao volante dos seus cargos. Neste caso, a esixencia de explicacións chega de Lugo e diríxese á dirección provincial da formación conservadora a respecto do seu alcalde en Antas de Ulla.
Aseguran os socialistas lucenses que, segundo a información que manexan, o rexedor de Antas e aspirante á reelección o 28M, Javier Varela, "deu positivo nun control de alcoholemia cando ía ao volante" o pasado 29 de abril, "a primeira hora da madrugada". O que consideran un "comportamento irresponsable e incívico" produciuse, aseguran, cando o rexedor "circulaba en dirección a Antas dende Portomarín despois de asistir á Festa da Cervexa" desa localidade.
Segundo mantén o PSdeG lucense, "a taxa de alcohol detectada polos axentes foi de 0,40 mg/l", o cal implica "unha sanción económica e perda de catro puntos". Ademais, manteñen, a persoa que acompañaba o alcalde de Antas "tamén excedía o límites de alcohol permitido", polo que "debeu deixar o vehículo" no lugar.
Os socialistas aseguran que o alcalde de Antas deu positivo cando conducía de volta da Festa da Cervexa de Portomarín e afirman que un condutor que bateu contra un camión de recollida do lixo en Lugo, marchou do lugar e foi detectado no hospital cunha alcoholemia de 0,52 é o cabeza de cartel do PP en Castroverde
No mesmo comunicado, o PSdeG tamén cre que o PP provincial e a súa presidenta e candidata á alcaldía de Lugo, Elena Candia, deben "dar explicacións públicas canto antes" sobre outro caso. Porque, aseguran, o condutor que "se empotrou contra un camión de recollida do lixo" na cidade de Lugo o pasado 12 de abril "era o candidato do PP en Castroverde", Pablo Figueiras, que foi elixido para o posto a pasada primavera.
Nesa xornada, nos seus habituais partes sobre incidencias destacadas, a Policía Local de Lugo informou dun accidente "no que un turismo se encaixou na parte traseira dun camión do servizo de limpeza municipal", o que provocou feridas a un dos traballadores. "O condutor do turismo", ao que como é habitual non identificaba "non se atopaba no lugar dos feitos" e foi "localizado no Hospital Lucus Augusti, onde estaba ser atendido". Alí, informou o corpo policial, foi identificado e manifestou que "sufrira un descoido". Os axentes "observaron que presentaba signos de acharse embriagado" e, tras lle facer as probas, "deu un resultado positivo de 0,52 mg/l" que implicou a correspondente sanción. O máximo permitido para condutores non noveis é 0,25.
Defenden os socialistas que Candia "debe aclarar se é coñecedora ou encubridora destes feitos" que "non debemos permitir en ningún cidadán polo perigo que ocasionan", pero "moito menos nun representante público, a quen debemos esixir un comportamento o máis exemplar posible". Ademais, manteñen que "houbo informacións que situaron a presidenta do PP e candidata á alcaldía" no "lugar do accidente do candidato de Castroverde e posteriormente no HULA, acompañándoo", polo que "debe dicir se foi así ou non". "Como máxima responsable do PP na provincia debe velar pola limpeza e civismo dos seus candidatos", conclúen.
O PSdeG insta a Candia a "aclarar se é coñecedora ou encubridora destes feitos" e o PP de Lugo di que os cargos sinalados "iniciarán accións legais por inxurias e calumnias", se ben evita especificar se as acusacións se corresponden ou non coa realidade
Praza.gal contactou co PP provincial lucense e co PP de Galicia para solicitar a súa versión dos feitos, así como as súas consideracións a respecto das acusacións do PSdeG de Lugo. A través dun comunicado, a dirección provincial do partido indica que, "consultadas as persoas citadas", ambas "advertiron de que iniciarán accións legais por inxurias e calumnias ante as declaracións feitas públicas polo PSdeG" con "ánimo de danar o honor e o crédito político das persoas afectadas".
Os populares, que non especifican que os sinalado polos socialistas se corresponde ou non coa realidade, consideran que "este tipo de ataques persoais" só "demostran o nerviosismo" do PSdeG, ao que amosan como "á deriva" con "dous líderes diferenciados". Fontes citadas pola axencia Europa Press no seu sitio web ratifican ambas sancións e indican "inexactitudes" no relato dos feitos.
"Ven perigar o seu poder municipal ou están dispostos a usar calquera recurso para facerse con el, manteñen, ademais de agregar que "non están en condicións de dar leccións de nada", xa que "non tomaron ningún tipo de medida ante a condena ao alcalde de Pol por agredir un mozo nun partido de fútbol". "Igualmente -conclúe o comunicado- os lucenses poden recordar outros casos, como os de Francisco Fernández Liñares ou do Garañón".