No ano 2015 o BNG retornou con Leticia Santos á alcaldía de Moaña, concello morracense historicamente gobernado polo nacionalismo que en 2011 lograra o PP. En 2019 Santos revalidou o bastón de mando e virou de vez nunha das referentes municipais do Bloque, cuxa portavoz nacional elixiu a vila para un dos seus dous mitins dunha das xornadas clave de toda campaña, o domingo previo á cita electoral, o que dá paso a unha recta final que adoita ser clave, especialmente nos concellos con resultados máis axustados.
A líder do Bloque sinala Moaña, onde a nacionalista Leticia Santos aspira á reeleción, como exemplo de "transformación en positivo" contraposta ás "políticas do PP que fan Galiza máis pequena"
Alí, canda Santos, Pontón compartiu coa concorrencia o que cargos da formación soberanista veñen comentando nas últimas semanas nalgúns foros. A súa percepción, di, é a de estar no pórtico dun "resultado espectacular para o BNG". "Imos dar un gran salto adiante", mantén. "Levo meses percorrendo o país e cada vez vexo máis forza, máis persoas sumándose ao Bloque". Hai concellos nos que "até as enquisas o recoñecen", di, pero "imos superar outra vez as enquisas".
"Non nos poñemos límites", afirma Pontón, e para iso é clave unha "participación masiva" e "encher as urnas e deixar atrás un PP que coas súas políticas fai Galiza máis pequena". "Non vale confiarse", advirte, é "o momento de participar" tamén para "derrotar un PP desnortado, sen nada que ofrecerlle" a un país que procura "un futuro mellor, como o que o BNG construíu en Moaña da man de Leticia Santos", un concello "recoñecido e premiado polo seu urbanismo, pola súa mobilidade, pola súa sustentabilidade", referente de "transformar en positivo".
A "xira electoral" de Feijóo por Galicia o pasado venres, coida Pontón, acredita que veu limitarse a "enlamar o debate" e acreditar que "non ten nada que ofrecer" ao "prometer o que non fixo en catorce anos de maioría absoluta"
Nese "desnorte" do PP puxo o foco Pontón tamén na véspera, cando acompañou o candidato nacionalista de Verín e actual tenente da alcaldía, Diego Lourenzo, e mais participou no mitin central con Cristina Cid, alcaldesa e candidata noutro dos emblemas da formación, Allariz. Débese en boa medida, cre, a que o ex-presidente Feijóo pasou de presentarse como "moderado "a virar nunha "imitación cutre de Ayuso", di en referencia á presidenta da Comunidad de Madrid e cartel electoral do PP nesa rexión.
Despois de que, na súa "xira electoral" por Galicia do pasado venres -con actos nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, pero non na de Ourense-, se limite a a xuízo de Pontón a "enlamar o debate co seu discurso de confrontación e crispación", a líder do Bloque ve acreditado que os populares xa non teñen "nada que ofrecer". Non en van, censura, Feijóo tamén "veu prometer o que non fixo en catorce anos de maioría absoluta".
O de Feijóo e o PP, conclúe, é "un proxecto esgotado e fracasado fronte a un BNG que é presente e futuro". Porque "alí onde gobernamos, demostramos eficacia na xestión, pero tamén a capacidade de transformar vilas e cidades a prol da veciñanza".