"No Morrazo xa mancomunamos servizos pero a Área Metropolitana de Vigo é clave"

Leticia Santos, alcaldesa de Moaña (BNG) nun acto de campaña © BNG

Leticia Santos (Moaña, 1985) recuperou hai catro anos o goberno local para o BNG, en sociedade co PSdeG, nun concello que tivo rexedor nacionalista durante a maior parte da democracia pero tras un mandato anterior que fora controlado polo PP

Leticia Santos (Moaña, 1985) recuperou hai catro anos o goberno local para o BNG, en sociedade co PSdeG, nun concello que tivo rexedor nacionalista durante a maior parte da democracia pero tras un mandato anterior que fora controlado polo PP. Aspira á reelección e non esconde que, no caso de non obter a maioría absoluta, volvería elixir o PSdeG como socio de goberno.

Como funcionou o goberno bipartito local de BNG e PSdeG nestes catro anos e en que fallou?

Se me pregunta en que fallou... O bipartito en Moaña funcionou realmente ben. Fomos quen de liderar un equipo de nove persoas centradas todas en sacar adiante o programa conxunto de goberno que pactamos. Creo que somos un concello que deu exemplo no país do que é un pacto de goberno, canto o que é ter os obxectivos de goberno moi clariños e priorizando os obxectivos xerais sobre os partidistas.

Unha enquisa de Faro de Vigo dálle a vostede un aumento de 6 a 8 concelleiros, a un da maioría absoluta, o que lle permitiría elixir socio, entre o PSdeG e os independentes. Cal prefire?

“Se a veciñanza decide que hai que facer un equipo de coalición para seguir gobernando no Concello, eu creo que deberiamos manter un goberno de progreso co PSdeG”

Non son de crerme as enquisas. A verdadeira é a das eleccións, o día 26. Pero se se desen eses resultados, iso si que o podo dicir, preferiría manter o goberno cos socialistas que co independente porque somos máis próximos en ideario que o independente, que tende máis á dereita. Se a veciñanza decide que hai que facer un equipo de coalición para seguir gobernando no Concello, eu creo que deberiamos manter un goberno de progreso.

Durante practicamente todo o mandato Moaña viuse afectada polos cortes de tráfico das obras de conversión do Corredor do Morrazo en autovía. Que fixo o Concello para mellorar a mobilidade?

Pelexar coa Xunta e lograr medidas tan importantes como o reforzo de horarios no transporte de ría, como o reforzo dunha ambulancia porque os desprazamentos ao hospital tamén tardaban máis, esixir á Xunta a reposición das vías polas que desviaron o tráfico, que soportaron unha carga superior que para a que estaban previstas. Nese sentido, só atenderon á demanda de reposición sobre o seu vial autonómico, pero sobre as vías municipais que destrozaron coas obras e sobre os problemas de augas das poboacións que quedan por debaixo do corredor, iso segue pendente de atender por parte da Xunta. Son crítica porque os meus veciños sofren as consecuencias. Non sería crítica se a Xunta atendese ás demandas veciñais. 

Leticia Santos, nun acto de campaña © BNG

Un dos proxectos que avanzou pouco durante o mandato e que ten opinións contrapostas foi a ampliación do paseo marítimo de Seara por discrepancias entre varias administracións. En catro anos non se puido facer máis?

Non temos opinións contrapostas, está equivocado. Aí o que hai é unha obra iniciada sen tramitar permisos, con diñeiro público porque a financiou a Xunta para facerlle a campaña electoral ao anterior alcalde. No momento en que nos paralizan as obras por falta de permisos e por falta da cesión dos terreos, a Xunta se retira das obras. Pero o que leva feito este goberno desde aquel momento foi tratar de desatascar a situación coas administracións competentes e por iso temos unha mesa de diálogo que está elaborando un anteproxecto para presentar ante Costas e Patrimonio que nos permita obter a concesión da zona que ocupará o paseo e que nos permita facer a rehabilitación futura dos estaleiros [históricos que hai nesa zona]. O traballo deste goberno foi desde o diálogo, desde o consenso e desde a legalidade, esas son as principais diferenzas sobre o que fixo o goberno anterior, eh? Todo se pode facer, pero máis rápido de verdade que non.

Neste mandato frustrouse a posta en marcha da Área Metropolitana, cun enfrontamento case persoal entre o alcalde de Vigo e o presidente da Xunta. Que expectativas ten do futuro da coordinación supramunicipal?

Nós coordinación supramunicipal no Morrazo xa temos, coa mancomunidade de concellos que funciona para o servizo de lixo e vimos de ampliarlle os servizos que pode prestar. Estou convencida de que mancomunar servizos é clave. Agora, os personalismos e as diferenzas partidistas deberan estar fóra cando o que hai que defender é o ben común. Eu creo que a Área Metropolitana de Vigo é imprescindible para xestionar certas cuestións, como o transporte. 

Que papel lle corresponde á Deputación nesa coordinación supramunicipal? O BNG renega das deputacións pero agora cogoberna a de Pontevedra co PSdeG.

“As deputacións deben desaparecer, pero se o Estado non as erradica o mellor é convertelas en ferramentas útiles”

O BNG solicita que desaparezan as deputacións, mais a lei aínda non as eliminou. O que fixo o BNG desde o goberno da Deputación de Pontevedra foi facer dela unha entidade provedora de verdade dos servizos que necesitamos os concellos e promoveu que o reparto de fondos fose xusto e en base a uns criterios pactados, non de xeito discrecional como viña facéndose antes. Aquí hai claridade e hai autonomía. Os concellos podemos decidir a que destinamos o investimento, a Deputación non nos tutela. É clave. Nós defendemos que as deputacións deben desaparecer, desde logo, mais desde o Estado non as erradicaron, polo tanto o mellor que se pode facer é convertelas en ferramentas útiles dentro da lei para os concellos, que é o que deberan ter sido desde sempre. 

Hai catro anos vostede era unha cara nova nun posto de goberno nun BNG que estaba en plena renovación. O partido non obtivo escano nas xerais pero confía en manter a súa ampla presenza territorial nas municipais. Como ve hoxe ao BNG fóra de Moaña?

"Fomos capaces de volver ilusionar á xente, e iso é un mérito de toda a organización do BNG" 

Desde logo véxoo na liña de Moaña. Estamos a despertar moita simpatía entre a xente. Queda claro que somos unha forza política que ten centrada a súa acción no país e na xente deste país. E en defender os problemas reais das persoas que vivimos aquí. Somos unha forza que temos as persoas integradas dentro da toma de decisións. Creo que hai xente que non é nacionalista que está contenta co BNG. Estamos a despertar simpatías entre nacionalistas e entre persoas que simplemente queren un futuro na terra, aquí, que queren que as cousas no seu país funcionen ben. Esa labor é ilusionante, estar inspirando á xente e crear esa confianza. Esta campaña estame resultado súper positiva e noto que a xente cando lle dis “son do BNG”, sorrí e está contenta. Fomos capaces de volver ilusionar á xente, e iso é un mérito de toda a organización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.