As rexedoras de Moeche, Muros, Lugo, Sarria, A Rúa, Cambados, Tomiño e Moaña, así coma a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a vicepresidenta da da Coruña, Goretti Sanmartín, participaron este venres no I Cumio de Alcaldesas Política en Feminino: unha nova perspectiva nos municipios, celebrado en Moaña. Estiveron, pois, 8 das 39 alcaldesas galegas, ningunha delas do PP. Tampouco estivo a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que alegou ter outros compromisos.
No encontro reclamouse á Xunta e ao Goberno central un maior esforzo orzamentario en políticas de igualdade, e tamén se pediu “respectar e visibilizar as mulleres na política"
No encontro reclamouse á Xunta e ao Goberno central un maior esforzo orzamentario en políticas de igualdade, e tamén se pediu “respectar e visibilizar as mulleres na política", comenzando polo propio uso da linguaxe.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirmou que “cando as mulleres chegamos ás institucións, as institucións cambian”, sinalando que "está demostrado que as mulleres exercen a política doutro xeito distinto". “Facemos políticas máis pensadas para as persoas, máis humanitarias, máis igualitarias, máis de equilibrio social e máis de redistribución da riqueza”, dixo.
Para Silva, iniciativas coma este Cumio “permiten visibilizar as mulleres na política, falar dos datos que nos representan e serve para que toda a sociedade tome conciencia de que temos avanzado moito, pero de que aínda nos queda moitísimo máis por avanzar”. Asegurou que "é fundamental que esta iniciativa se manteña no tempo, xa que é importante ter un espazo de encontro para idear estratexias comúns e formular un discurso propio conxuntamente, tendo en conta sempre que as mulleres tamén somos plurais e non somos un colectivo homoxéneo”.
Estiveron 8 das 39 alcaldesas galegas, ningunha delas do PP. Tampouco estivo a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que alegou ter outros compromisos
Na actualidade 39 dos 314 concellos galegos están presididos por unha muller, o que representa o 12,4% do total (por debaixo da media española: 19%). No que respecta á proporción de concelleiras, esta se sitúa no 36,6%. As cifras, moi por debaixo aínda do 50%, melloran moito -iso si- os datos de hai vinte anos. En 1995 só había 14 alcaldesas e as concelleiras supuñan unicamente o 11% do total. A propia Carmela Silva glosou estes números, salientando que na actualidade só 4 comunidades autónomas e 6 deputacións provinciais en España están presididas por unha muller. "Aínda hai cifras incribles que non se poden permitir en pleno século XXI", destacou.