A lei electoral segue fixando que nos cinco días previos á celebración dunhas eleccións está prohibido publicar enquisas de intención de voto "por calquera medio de comunicación". Isto non quere dicir que eses inquéritos non sigan a realizarse por parte dos propios medios con capacidade para as realizar nin que as casas de enquisas non continúen a traballar para as cabeceiras xornalísticas que correspondan, para os partidos políticos ou outros clientes. Só que non é legal publicalas.
Nos cinco días previos aos comicios está prohibido publicar unhas enquisas que, non obstante, seguen a realizarse
Esta é a razón pola que este domingo, 21 de maio, abonden as enquisas nos xornais editados polos principais grupos de comunicación que operan en Galicia, especialmente centradas nas sete principais pugnas do 28M galego, as cidades, algunhas das cales aínda terán a súa derradeira edición pública este luns. E, con variacións, a foto xeral apunta a que PSdeG e BNG estarían en condicións de revalidar o groso do seu poder institucional urbano, dende a maioría absolutísima de Abel Caballero en Vigo ata os escenarios máis variables e axustados de Santiago ou Lugo, mentres que o PP tería fortes posibilidades de volver ao goberno de Ferrol cunha maioría absoluta oito anos despois.
Vigo ou a dimensión da maioría absoluta de Caballero
Os inquéritos de Sondaxe, a casa de enquisas de La Voz de Galicia que vén ofrecendo o seu 'tracking' diario dende o comezo da campaña, amosan este domingo un panorama no que a primacía viguesa de Caballero seguiría sendo practicamente incuestionable, aínda que o traballo demoscópico lle resta ata dous edís. Mentres, o ascenso ao que aspira o PP se limitaría a un edil (de 4 a 5), o BNG medraría en dous escanos (de 1 a 3) e a Marea viguesa pasaría de 2 a 1.
Mentres, as enquisas que tamén ofrecen este domingo os xornais galegos do grupo Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña e El Correo Gallego), elaborados pola empresa DYM, apuntan a que Caballero mesmo podería reter os 20 escanos que obtivo en 2019 ou perder só 1. Coinciden en limitar o ascenso do PP a un único edil, en augurar un ascenso do BNG (ata 2) e sitúan a Marea de Vigo ao bordo da desaparición da corporación.
Ese intervalo de 19 ou 20 edís para o goberno de Caballero é o que tamén sinala a enquisa publicada este domingo por Atlántico Diario, co PP en 4-5. Este inquérito tamén amosa un Bloque á alza (2-3) e unha Marea no límite da representación (0-1).
A Coruña: o PSdeG consolida con Inés Rey á fronte dunha alianza da esquerda
Na Coruña as tendencias que amosan ambos inquéritos apuntan a unha consolidación do PSdeG na alcaldía que ostenta Inés Rey dende hai catro anos. Coinciden en proxectar que Rey melloraría a representación obtida en 2019 (9 edís), aspirando a 10, segundo Sondaxe, ou ata 11, segundo DYM, nun contexto que apunta ao empate técnico na primeira posición co PP (11, segundo o rotativo coruñés, 10-11, segundo Prensa Ibérica).
Na corporación coruñesa a outra gran tendencia bosquexa un ascenso do BNG, que actualmente ten 2 edís e que lograría 3, segundo La Voz, e ata 4, atendendo a Prensa Ibérica. Esa oscilación sería clave á hora de conformar unha maioría de goberno, para a que cómpren 14 escanos. Se a Rey non lle fose dabondo co obtido polos nacionalistas, que encabeza Francisco Jorquera, precisaría tamén -agás no caso de ser primeira forza- dende a investidura da Marea Atlántica, á que Sondaxe sitúa en 3 escanos (tivo 6 en 2019) e Prensa Ibérica en 2, xa que estoutro inquérito abre a porta a unha posible entrada de Por Coruña (Unidas Podemos) con 0-1 edís e mesmo da extrema dereita de Vox (0-1).
Este luns, unha nova enquisa da empresa 40dB para a Cadena SER e El País sitúa tamén o PSdeG da actual alcaldesa con 11 edís (+2), neste caso proxectándoa con claridade como primeira forza fronte a un PP con 10 (+1) nunha corporación na que os socialistas poderían acadar a maioría absoluta sumando cun BNG que pasaría de 2 a 4. A Marea Atlántica, con 2 edís (-4), completaría a nova corporación, con tantos edís da banda esquerda como no actual mandato e co PP medrando só unicamente a costa da antiga representación de C's.
Ourense a ferver
Unha das grandes incógnitas do 28M galego é Ourense e as enquisas así o apuntan. Sondaxe e DYM coinciden en que PP e PSdeG pugnan pola primeira posición na cidade das Burgas (10 para os populares e 9 para os socialistas ou 9-10 e 8-9, respectivamente) e en que o BNG medrará dos actuais 2 edís ata 3. A Democracia Ourensana do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, resistiría con 5 ou 6 edís (ten 7) nun panorama no que todo apunta a que, como hai catro anos, será clave se o PP precisa ou non de DO para reter a Deputación.
Mentres, a edición deste domingo das enquisas diarias de Infortécnica para La Región outorga maior fortaleza ao PP, con ata 11 edís, seguido dun PSdeG con 8 (-1). Esta análise tamén fala dun claro ascenso do BNG (4-5) e prognostica un pronunciado devalo de Jácome, ao que deixa con só 3 edís para DO.
O PP ascende en Santiago, pero a esquerda podería sumar
Seguindo por orde descendente de poboación, a seguinte parada na Galicia urbana sería Santiago. Neste caso, as tendencias de ambas casas demoscópicas falan de descenso do PSdeG do actual alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e dun ascenso do PP que, así e todo, non chegaría á maioría absoluta que precisaría para erguer o bastón de mando oito anos despois.
Sondaxe indica que o descenso de Bugallo sería de 10 a 7 edís e a repunta do PP, de 8 a 10. DYM, pola súa banda, sitúa o rexedor socialista en 7-8 e ao aspirante popular, Borja Verea, en 10-11. Neste contexto tería especial relevancia a composición do resto do espectro da esquerda, que segundo La Voz estaría composto por 4 edís do BNG de Goretti Sanmartín (+2) e 4 de Compostela Aberta (-1) e, atendendo ás enquisas de Prensa Ibérica, por 5 do Bloque e 2 de CA
PSdeG e BNG manterían Lugo nunha coalición máis parella
En Lugo, unha das grandes batallas do 28M galego, a foto fixa demoscópica deste domingo coincide no fundamental: a esquerda sumaría maioría absoluta por sétima elección consecutiva malia ao ascenso do PP de 10 a 12 edís, segundo Sondaxe, e de 10 a 11-12, segundo DYM.
O inquérito de La Voz apunta a que a coalición que encabeza a socialista Lara Méndez podería repetirse pero con maior equilibrio de forzas, con 7 representantes do PSdeG (-1) e 6 do BNG de Rubén Arroxo (+1), mentres que DYM mantén 8 edís socialistas e apunta a 4-5 nacionalistas, xa que tamén sitúa a C's e Vox ao bordo do 5% que daría dereito a un edil.
No caso lucense este domingo existe tamén unha enquisa máis, a de Infortécnica para o xornal El Progreso. E neste caso, como xa apuntara en anteriores edicións, o prognóstico é tamén de mantemento da coalición da esquerda, coincidindo en que o ascenso do PP de Elena Candia quedaría en 12 representantes fronte a 7 do PSdeG e 6 do BNG, composición que a corporación lucense xa tivo en 1999.
O BNG de Lores, a polo sétimo mandato en Pontevedra
No que atinxe a Pontevedra, o bosquexo demoscópico coincide no esencial. O BNG do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, está en condicións de encabezar a corporación por sétimo mandato consecutivo cos mesmos 11 edís obtidos hai catro anos cun PP como segunda forza que quedaría cos 9 actuais ou sumaría un.
Mentres, o actual socio minoritario da coalición gobernante, o PSdeG, continuaría con 4 edís, segundo Sondaxe, ou podería aspirar a un máis, segundo DYM. No caso dos inquéritos de Prensa Ibérica, tamén na corporación pontevedresa apunta a unha eventual entrada de Vox na corporación cun representante.
Absoluta do PP en Ferrol dous mandatos despois
Na menos poboada das sete principais cidades, a demoscopia tamén cadra no fundemental: proxectar que o PP lograría desta volta a maioría absoluta que obtivo en 2011, perdeu en 2015 e tivo preto en 2019. O ex-alcalde e ex-conselleiro José Manuel Rey Varela pasaría de 12 a 14 concelleiros, segundo La Voz, e tería 13, segundo as enquisas de Prensa Ibérica.
O alcalde actual, Ángel Mato, perdería un único edil do PSdeG que o deixaría sen bastón de mando ao descender a 7 (-1), co BNG como terceira forza, cos mesmos 2 edís, e Ferrol en Común tamén con 2 (-1). DYM, pola súa banda, dá aos socialista opcións de reter o oitavo edil e sitúa o salto do PP á alcaldía na perda dun representante por parte de FeC, ao que coincide en situar empatado co BNG a 2 concelleiros.