Compostela Aberta apela ao electorado que "non quere os anos negros do PP nin un alcalde do pasado"

María Rozas, candidata de Compostela Aberta, no mitin central da formación, este 23 de maio en presenza do ex-alcalde Noriega e outros membros da candidatura CC-BY-SA cA

Compostela Aberta é a única das mareas municipais das cidades galegas que concorre nestas eleccións municipais de 2023 coa configuración orixinal de 2015, cando con Martiño Noriega logrou a alcaldía de Santiago. Catro anos despois de perder a metade da representación (de 10 a 5 días) e o bastón de mando fronte a Xosé Sánchez Bugallo, do PSdeG, a formación concorre neste 2019 con María Rozas como candidata á alcaldía e a aspiración de ser chave nunha nova maioría da esquerda na corporación santiaguesa.

Rozas coida que o electorado santiagués foi "vítima dunha estafa" no mandato que remata: "Os que viñan como bos xestores non melloraron absolutamente nada"

Este martes CA celebrou nun dos seus escenarios fetiche, a Sala Capitol, o seu mitin central de campaña. Rozas, que fora concelleira de Facenda no goberno 2015-19, contou co apoio do ex-alcalde Noriega e, a través dun vídeo, tamén da vicepresidenta e ministra Yolanda Díaz, que a semana pasada acudiu presencialmente a adherirse á súa candidatura durante as festas da Ascensión. Neste acto principal, a marea compostelá fixou os marcos da súa aspiración: aglutinar o "voto útil" da esquerda que "non quere volver anos anos negros do PP", pero que "tampouco se conforma cun alcalde do pasado", en referencia Bugallo.

Rozas e Noriega, no mitin central de Compostela Aberta, este 23 de maio de 2023 CC-BY-SA CA

Porque no mandato que remata, lamenta rozas, a veciñanza de Santiago foi "vítima dunha estafa". Houbo quen no mandato de Noriega, censura, "quixo facer ver" que a cidade virara "da man do noso goberno nun lugar escuro e sinistro" e por iso cumpría "un salvador" que "resultou ser unha absoluta decepción". "Os que viñan como bos xestores non conseguiron mellorar absolutamente nada e empeoraron moitos indicadores, mesmo os económicos", salienta.

"María Rozas é a candidata máis solvente, a mellor preparada, a que representa un espazo de esperanza", afirma o ex-alcalde Martiño Noriega

Nestes comicios, di Rozas, apela "a todas as persoas que queren un Santiago moderno, acolledor, que recupere a súa vitalidade e que estea na vangarda das políticas progresistas". Porque iso, mantén, "só pode garantilo Compostela Aberta", o "voto útil" para "saír da inercia" de Bugallo sen risco de xiro á dereita, afirma, exemplificando cuestións como o freo á expansión dos pisos turísticos ou as políticas sociais, "no ADN" de CA.

"Compostela Aberta fala do que lle importa á xente, as nosas propostas son as vosas demandas", resume. "Porque ninguén nos pide soterrar o tráfico", mantén en referencia a unha das promesas estrela do PP local, senón "poder conciliar, políticas dos coidados, unha cidade mellor para vivir".

Noriega, pola súa banda, asegura que apoiar a Rozas é pedir o voto para "a candidata máis solvente, a mellor preparada, a que representa un espazo de esperanza" para a capital galega. "Xogámonos a esperanza e o futuro", advirte. Nesa mensaxe concordou Yolanda Díaz na súa mensaxe, quen pide "mobilización para converter a María na primeira alcaldesa de Santiago, unha muller profesional, feminista, que pula polo ben común".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.