Polbo, atraccións, cabezudos, festa... E moitos políticos. O día grande das festas da Ascensión en Santiago provocou que a campaña para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio virase a súa atención á capital galega, onde coincidiron dirixentes dos principais partidos, tanto a nivel estatal como galego.
Yolanda Díaz viaxou por primeira vez a Galicia na campaña para apoiar a Compostela Aberta e á súa candidata á alcaldía, María Rozas, e coincidiu no seu paseo cara á Alameda e a carballeira de Santa Susana coas comitivas do PP e do PSdeG. Logo de abrazos e saúdos varios, a vicepresidenta do Goberno de España non perdeu a ocasión de parolar un cacho con José Manuel Lage Tuñas, secretario de organización dos socialistas galegos, ou con Valentín González Fomroso, secretario xeral, e o candidato á reelección en Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.
Tamén despois a líder de Sumar puido cambiar impresións con Borja Sémper, portavoz do PP para a campaña, que viaxou tamén desde Madrid para apoiar o candidato popular en Santiago, Borja Verea. Ambos estiveron acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o mércores á noite por Alfonso Rueda, presidente da Xunta e dos populares galegos.
Provocou expectación Díaz -que á tarde tiña previsto apoiar o candidato de Por Coruña, Xosé Manuel Sande, na Coruña-, e que fixo un "chamado" a concentrar o voto progresista de Santiago en Compostela Aberta, que a súa candidata, María Rozas, ve como a única formación que garantirá un "cambio de rumbo" na capital galega.
Yolanda Díaz chamou a concentrar o "voto progresista" de Santiago en Compostela Aberta e en María Rozas: "É a nosa candidata"
"É a nosa candidata", dixo Díaz respecto de María Rozas, que lidera un espazo de confluencia que, ao contrario da Marea Atlántica, mantén todos os actores que a formaran e acadaran a alcaldía para Martiño Noriega en 2015. A ministra de Traballo asegurou que dera "un paso adiante pola importancia que teñen as eleccións" municipais e insistiu en pedir a "mobilización do voto progresista" en Compostela Aberta e en apoiar a súa candidata, "unha muller profesional, feminista e ecoloxista". "É o tempo das mulleres", concluíu.
Borja Sémper, pola súa banda, amosouse convencido de que Borja Verea será "o próximo alcalde de Santiago" para "un futuro mellor" e que vitorias do PP en cidades como Compostela supoñen "o inicio do cambio en España". O portavoz dos populares ve no actual rexedor socialista, Xosé Sánchez Bugallo, un proxecto de "pasado" que ten forma, advertiu, de "tripartito de perdedores", en alusión a un posible pacto entre PSdeG, BNG e Compostela Aberta.
Precisamente, desde as filas socialistas, e tamén desde as festas da Ascensión, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou a "solvencia" de Bugallo fronte ás "amalgamas nacionalistas" e o "espectáculo" do PP no pasado á fronte da cidade.
Formoso reivindica a "solvencia" de Bugallo mentres Pontón asegura que Goretti Sanmartín é "a aposta segura de cambio real"
Para Formoso, Bugallo é "un grande do socialismo e de Compostela" e unha "referencia" para a cidade por ter levado a cabo "todos os cambios transformadores" da capital galega.
Ao tempo, Ana Pontón, que acudiu tamén ás festas para apoiar a candidata do BNG, Goretti Sanmartín, asegurou que "a aposta segura de cambio real" na cidade é o Bloque. A portavoz nacionalista, que non coincidiu co resto de comitivas de partidos no paseo pero si logo na carpa, chamou os composteláns a "abrir unha páxina nova" ou "volver a un PP que xa significou un goberno letal para a cidade".
"O que se escoita na cidade é que vai haber cambio", dixo Pontón, que cre que o que se debe decidir agora é "se ese cambio pasa polo PP ou polo BNG". "Son as dúas alternativas que hai", rematou.