BNG e PSdeG aseguran gobernos progresistas nuns 150 concellos dunha Galicia con "mapa político propio"

Delegacións do PSdeG e BNG na reunión para asegurar a configuración de gobernos progresistas tras o 28M CC-BY-SA PSdeG

"Un mapa político propio"; e unha "tradición" que desde hai décadas garante "o maior número posible de concellos en Galicia gobernados por forzas progresistas" cando a esquerda suma como alternativa ao PP. BNG e PSdeG escenificaron esa dinámica electoral propia do país que, desta vez, tampouco encaixou no relato estatal nin moito menos co tsunami da dereita que se debuxou para o conxunto do Estado. 

Socialistas e nacionalistas celebraron este luns a primeira reunión de cara a un acordo marco para favorecer a investidura de alcaldes progresistas tras o 28M. Blindaron ese apoio mutuo que permitirá aos socialistas gobernar máis dun cento de concellos e ao Bloque arredor de 40, a expensas do que ocorra con outras localidades onde precisarían o apoio doutras formacións. E visualizaron, de paso, unha alternativa ao PP máis aló das municipais, cunhas negociacións, un acordo marco e unha foto pública que non se daba desde os comicios locais de 2007. 

Xuntanza entre BNG e PSdeG tras o 28M CC-BY-SA PSdeG

Antes da reunión, representantes de ambas delegacións insistiron na particularidade do sistema electoral galego e duns resultados electorais onde "o PP obtivo un 38% dos votos" pero onde son "maioritarias" as "forzas políticas situadas á esquerda".

Concretamente, a suma de PSdeG e BNG supuxo o 46,42% dos sufraxios, oito puntos máis que os populares. Foron 115.000 votos máis para socialistas e nacionalistas. 

BNG e PSdeG pactaron o apoio mutuo para as investiduras onde haxa maioría progresista alternativa ao PP

Logo da xuntanza, tanto PSdeG como BNG referendaron o acordo para apoiar as investiduras que garantan a formación deses gobernos progresistas onde sexa posible. Un “primeiro acordo relevante” enmarcado na “primeira xornada” de negociacións “coa que hai que estar satisfeitos”, porque asegura que se cumpra “a vontade expresada polos cidadáns” para as formacións de executivo "de progreso".

Así o lembrou José Manuel Lage, secretario de Organización do PSdeG, un dos asistentes a unha xuntanza en Santiago onde polos socialistas tamén acudiu a presidenta do partido, Carmela Silva, e o secretario de Política Municipal, Alberto Varela. Pola banda do BNG participaron o responsable da área Internacional, Rubén Cela, o de Organización, Bieito Lobeira, e a da área Municipal, Carme da Silva. 

Lage Tuñas (PSdeG), Carme da Silva (BNG) e Carmela Silva (PSdeG), antes da xuntanza CC-BY-SA PSdeG

O acordo permitirá ao PSdeG ter alcalde ou alcaldesa en máis dun cento de concellos e ao BNG, nuns 40

Esta última, precisamente, e antes da reunión, lembrou que "as eleccións municipais deixaron claro en Galiza un mapa político propio onde en moitos concellos se poden configurar gobernos alternativos ao PP". Tras finalizar, insistiu en que froito das conversas e a "actitude" coa que as partes asistiron ao encontro foi posible acordar que “sempre se apoiarán aos alcaldes ou alcaldesas alternativos ao PP das distintas forzas políticas” para así "configurar un mapa municipal en Galiza cun gran número de gobernos alternativos aos populares.

O acordo pactado refírese, unicamente, ás votacións de investidura previstas para o vindeiro 17 de xuño pero non á forma na que se artellarán os gobernos. Que sexan en coalición ou en minoría con apoios puntuais será decidido en cada ámbito local. 

Ademais, desde o PSdeG, Lage gabou a "madurez" de ambas formacións de cara a garantir gobernos de esquerda e recordou que "desde 1991" levan construíndo "acordos para que haxa o maior número posible de concellos en Galicia gobernados por forzas progresistas". "É importante este marco de diálogo porque forma parte da tradición; imos ver ata onde somos quen de chegar", asegurou, advertindo da "mellor disposición" por parte dos socialistas.

"Hai que lembrar que o PSdeG xa gobernaba a máis da metade da poboación e eu creo que estamos en condicións de seguir gobernando a máis da metade da poboación dentro dos concellos galegos", engadiu Lage. 

Distribución de edís nos 313 concellos galegos tras o 28M -desprega o menú superior para consultar cada un-

Entre os temas a tratar Lage aclarou que se tratarían todos, incluída a complexa situación de Ourense, aínda que un posible acordo sobre que facer na capital das Burgas quedará para futuras xuntanzas. Tamén o asegurou Da Silva, que comentou que o "primeiro que debe aclararse" nese caso é o PP, ademais de atribuír ás súas decisións no pasado mandato a situación actual da cidade. "O señor Rueda aínda non abriu a boca para dicir que vai facer en Ourense e que vai facer na Deputación", concluíu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.