Franco deixa de 'presidir' a Deputación de Lugo malia á abstención do PP

O ditador Francisco Franco, nun desfile militar Dominio Público Praza Pública

Sesenta e oito anos, trinta e sete deles falecido. É o tempo durante o que o ditador Francisco Franco ostentou a presidencia de honra da Deputación Provincial de Lugo, un recoñecemento que perdeu este mércores pola decisión do pleno da institución luguesa, aínda que só cos votos favorables do equipo de goberno, formado por PSdeG e BNG. Por segunda vez, o grupo do PP, xa encabezado pola súa nova voceira, Elena Candia, optou por desmarcarse da decisión, desta volta pola vía da abstención e co argumento de que a institución presidida polo socialista José Ramón Gómez Besteiro ten "asuntos máis importantes" dos que ocuparse.

Non era este martes a primeira vez que o pleno da Deputación luguesa acollía esta votación para, concretamente, resolver o "expediente sobre retirada dos títulos honoríficos e distincións concedidas ao ditador Francisco Franco Baamonde e ás institucións fascistas" xa que, ademais de a Franco, mantíñanse recoñecementos en forma de Medalla de Ouro dedicados á Sección Femenina da Falange, á Frente de Juventudes e a Pilar Primo de Rivera. A votación desta iniciativa, impulsada por Besteiro e cuxos trámites se remontan ao ano 2009, xa se celebrara en decembro de 2011. Daquela o Regulamento de Honras e Distincións do ente provincial facía imprescindible a unanimidade do pleno para outorgar ou retirar galardóns e, conforme a esta regra, a abstención do PP mantivo o ditador como presidente de honra.

Besteiro defende o carácter "profundamente ético" da retirada de honras a Franco, que o PP xa vetara en 2011 por ter a Deputación "asuntos máis importantes dos que ocuparse"

Neste contexto, o goberno provincial inicou a correspondente reforma do regulamento, adaptándoo á Lei da Memoria Histórica e, ao tempo, a outras como a de Igualdade ou de Normalización Lingüística. Tratábase, explicaban, de "rematar con calquera vestixio dun réxime" que só na provincia de Lugo "deixou unhas 5.000 vítimas". Foi este o argumentario que estivo sobre a mesa do pleno deste martes e que non logrou callar nas filas dos conservadores. Segundo a súa voceira, tanto o PSdeG como o BNG "tentan desviar a atención dos verdadeiros problemas de Lugo" e só procuran "que a xente esqueza a responsabilidade que se lle debe esixir ao goberno bipartito, dado que a Deputación manexa un orzamento moi importante".

Así as cousas, tres anos despois culmínase unha decisión que, en opinión de Besteiro, é un "acto de xustiza" que, ademais, ao contrario do sinalado polas voces opostas á Lei da Memoria Histórica, "facilita que cicatricen as feridas". A retirada das honras a Franco e ás persoas e institucións fíns á ditadura "vai ser agradecida por quen o ten que agradecer" e é resultado dunha modificación normativa "profundamente ética" que, ademais, advirte ao PP, "non tivo ningún custe económico".

Votación da retirada das honras © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.