A Xunta culmina a súa viraxe sobre o Pazo de Meirás e o goberno municipal de Sada profunda na súa reivindicación a prol da devolución da antiga residencia de Emilia Pardo Bazán que Francisco Franco e a súa familia utilizaron como propia dende 1938. O Goberno galego e o Concello sadense confirmaron este xoves que, por diferentes vías, se unen á demanda coa que o Estado procura botar os herdeiros do ditador das Torres de Meirás e a reversión da propiedade ao patrimonio público.
O Concello sadense confirma que comparece no proceso tras recibir a notificación oficial da demanda do Estado contra os Franco e o Consello da Xunta autoriza aos servizos xurídicos do Goberno galego para unirse tamén ao procedemento pola devolución do Pazo
Este 18 de xullo o Concello de Sada, onde se atopa o pazo, recibiu un oficio no que o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña lle comunicou oficialmente que a Administración Xeral do Estado puxo en marcha o proceso para reivindicar a propiedade de Meirás. Deste xeito o goberno local (encabezado por Sadamaioría en coalición co BNG e Alternativa dos Veciños) ten xa a porta aberta para comparecer no procedemento e confirma que o fará "ao ter interese directo e lexítimo no resultado da demanda".
Deste xeito, explica o Concello, unha vez admitida a súa comparecencia, "poderá defender as pretensións formuladas polo Estado" ou as súas propias aínda no caso de que o Goberno de España desistise do proceso. O Concello explica que a súa intención é "seguir tendo un papel activo" a prol da devolución do pazo, agora na vía xudicial, "como xa tivo a través da participación activa na Xunta pro Devolución" promovida pola Deputación da Coruña e mais na comisión de expertos impulsada dende o Parlamento.
Feijóo subliña que a comparecencia da Xunta na demanda supón "cumprir os compromisos acadados "co apoio da unanimidade do Parlamento para recuperar Meirás
Pouco despois da recepción da notificación xudicial no Servizo de Urbanismo de Sada o Consello da Xunta aprobaba a autorización para que os servizos xurídicos do goberno galego tamén comparezan como parte na demanda civil interposta polo Estado. Tras unha "primeira valoración", os letrados do Goberno galego "confirmaron" que era posible a participación da Xunta no proceso a cal, resalta Alberto Núñez Feijóo, supón "cumprir os compromisos acadados" co apoio da unanimidade do Parlamento de Galicia.
Tras este movemento o presidente da Xunta foi cuestionado pola posibilidade de que o seu Executivo tome a mesma decisión sobre outras propiedades nas mans dos Franco, caso das esculturas do Mestre Mateo reivindicadas nos tribunais polo Concello de Santiago ou da Casa Cornide da Coruña, entre outras. "Non desbotamos ningunha posibilidade sobre bens dos que sexa discutible a súa titularidade", di Feijóo, que en calquera caso se remite aos "estudos" xurídicos de cada caso.
Na súa demanda o Estado pide a nulidade da doazón de Meirás ao "autoproclamado Xefe do Estado", do posterior contrato de compravenda e da transmisión do Pazo aos herdeiros do ditador, para os que reclama a condena a devolver a propiedade
Deste xeito o goberno de Sada e o galego prevén defender a posición que o Goberno de España expuxo ante o xulgado, baseada en que o ditador quedou co pazo a través dunha "fraude", semellando unha compra formal e legal anos despois de recibir a propiedade como se fose súa de mans da denominada Junta pro Pazo, que financiara a operación con doazóns forzosas. Neste sentido, o Estado pide ao xulgado que "declare a nulidade da doazón efectuada en 1938" ao "autoproclamado Xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde" e que faga o mesmo co contrato de compravenda asinado en 1941.
Ao tempo, o Estado -e agora tamén Sada e a Xunta- piden "a nulidade parcial ou, no seu defecto, a ineficacia" das operacións efectuadas en 1976 para repartir a herdanza do militar golpista entre os seus descendentes, toda vez que nela se contemplan estas propiedades. A finalidade última do proceso, explicita, é que "se declare que a propiedade do terreo e edificacións (...) corresponden ao Estado" e que os herdeiros do ditador sexan condenados a devolvelas.