A Xunta abriu dilixencias informativas contra a familia Franco logo de que o Concello de Sada lle transmitise as queixas recibidas por parte de persoas en visitar o Pazo de Meirás polo presunto incumprimento do réxime de visitas ao que está obrigada pola condición de Ben de Interese Cultural (BIC) das Torres.
A pasada semana, o goberno sadense trasladou á Dirección Xeral de Patrimonio as “numerosas” reclamacións que realizan as persoas interesadas en visitar o inmoble, tanto as feitas por escrito como referencias ao importante número de queixas que chegan tamén por teléfono.
A Xunta abre expediente informativo aos Franco para comprobar se volveu poñer atrancos ás visitas ao Pazo durante este verán
O Concello reclamou á Xunta que tomase “as medidas oportunas” e que se mantivese “vixilante” ante os posibles incumprimentos da lei do patrimonio cultural de Galicia que levan a cabo os Franco, con atrancos que se repiten cada pouco –especialmente en época estival– desde hai anos. Agora, a Consellería de Cultura abre expediente para investigar e comprobar se houbo incumprimento no réxime de visitas acordado.
O goberno local advertira, segundo as queixas recibidas, de que o teléfono para realizar as reservas deixa de ser atendido en moitas ocasións nos meses de xullo e agosto, cando máis demanda hai, ou remite a un buzón de voz. Tamén hai denuncias sobre a imposibilidade de acceder ao Pazo malia ter cita acordada. De feito, o contestador do teléfono facilitado para reservar praza advirte de que as peticións non serán atendidas neste mes “por vacacións” e remite a un enderezo electrónico.
No verán de 2017, os herdeiros do ditador xa foron multados con 4.500 euros; o Concello de Sada pide que se teñea en conta a "reincidencia"
No entanto, este diario comprobou como un responsable de reservar visitas, xestionadas desde hai máis de dous anos pola Fundación Francisco Franco, devolveu as infrutuosas chamadas de horas antes para asegurar que había algunha praza dispoñible para este venres, o 23 e o último de mes.
No verán de 2017, a familia Franco xa foi multada pola Xunta con 4.500 euros por incumprir a súa obriga de permitir visitas ao recinto catro días ao mes, tal e como impón a condición de BIC do Pazo. A contía non esgotara o máximo previsto na lei para sancións por ese tipo de incumprimentos, que se consideran leves e oscilan entre os 300 e os 6.000 euros.
Aínda que a sanción por incumprir o réxime de visitas foi considerada leve pola Xunta no pasado, o que supón un máximo de 6.000 euros de sanción, o Concello de Sada advirte ao Goberno galego que a “reincidencia na comisión das infraccións”, tal e como recolle literalmente a lei do patrimonio cultural, é unha das “circunstancias que agravan a responsabilidade das persoas ou entidades infractoras”.
Desde a Xunta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegura que a Administración galega "ten demostrado que fai cumprir a lei a todas as familias, independentemente de quen sexan". "Foi a única que puxo unha multa á familia Franco polo incumprimento dos seus deberes como propietarios dun BIC", lembrou.