Ferrol acolle un ano máis a única misa galega en homenaxe a Franco

A misa celébrase na Igrexa de San Francisco © Turgalicia

Ferrol é unha das 17 localidades de todo o Estado que contarán con misas en honor ao ditador

A Igrexa castrense de San Francisco, en Ferrol, acolle ás 12.30 horas deste martes unha misa en homenaxe a Francisco Franco, no aniversario do seu falecemento. Trátase da única cerimonia que terá lugar en Galicia en recordo do ditador, dun total de 18 que se celebran en todo o Estado: Málaga, Almería, Cartaxena, Granada, Xaén, As Palmas de Gran Canaria, Lucena, Madrid (dúas), Sevilla, Valladolid, Zaragoza, Santa Cruz de Tenerife, Valencia, Zamora, Córdoba, Baeza e Ceuta, segundo consta nun listado publicado na web da Fundación Francisco Franco. Nesta páxina, ademais, o nome da cidade galega aparece coa forma que foi oficial durante a ditadura: El Ferrol del Caudillo.

Esta misa na Igrexa de San Francisco vén celebrándose o 20 de novembro nos últimos anos "por el alma de Francisco Franco, José Antonio Primo de Rivera y todos los caídos por Dios y por España". En anos anteriores a xerarquía católica non puxo impedimentos á celebración destes actos nas súas igrexas, agás en Cataluña. En Ferrol, ademais, engádese o feito de que o acto litúrxico ten lugar nun templo castrense.

Esquerda Unida anuncia que pedirá "as explicacións pertinentes ao Ministerio de Defensa, competente directo dos actos celebrados nunha iglexa castrense, como é o caso da Igrexa de San Francisco"

Por este motivo Esquerda Unida Ferrol anuncia que pedirá "as explicacións pertinentes ao Ministerio de Defensa, competente directo dos actos celebrados nunha iglexa castrense, como é o caso da Igrexa de San Francisco". "Entendemos que non se pode permitir a celebración de ningunha actuación que faga apoloxía do fascismo", sinala a formación que manifesta a súa "repulsa" ante "este acto indecente que vai ter lugar na nosa cidade: Ferrol a secas".

Esquerda Unida critica as "reiteradas provocacións da Fundación Franco en Galicia e neste caso o insulto á cidade de Ferrol, empregando un topónimo fascista e antidemocrático que pretende degradar ás vítimas do fascismo na cidade". A formación condena "o uso do topónimo que leva anos estigmatizando á cidade co apelido dun asasino que espoliou Ferrol co fascismo" e reivindica "o Ferrol de Concepción Arenal, o Ferrol da loita do naval no 72, de Amador e Daniel e o Ferrol das Mulleres do 10 de Marzo do 72 que tantos dereitos conquistaron, o Ferrol de Pablo Iglesias ou o Ferrol do Castelo de San Felipe que quere restaurar a memoria histórica democrática de loitadoras coma Amada García".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.