Ferrol quere deixar dunha vez de ser "del Caudillo"

Casa natal de Franco, aínda coa placa que se propón retirar CC-BY-NC-SA Trevor Huxham

Ferrol deixou de apelidarse del Caudillo en 1982. Porén, a sombra do ditador aínda xorde de cando en cando pola que foi a súa cidade natal. A urbe quere despedirse dunha vez para sempre das referencias a Francisco Franco ou dos elementos simbólicos e materiais que a ligan á Ditadura. A polémica xurdida nas últimas semanas pola posibilidade de que os restos de Franco (no caso de seren exhumados no Valle de los Caídos) puidesen acabar no panteón que a súa familia posúe no Cemiterio de Catabois acelerou o proceso, de xeito que o pleno municipal e o Goberno local están a dar pasos para evitar toda opción de que o cadáver do ditador sexa trasladado á cidade naval.

O pleno insta a “iniciar os trámites administrativos oportunos para recuperar a propiedade do Panteón existente no cemiterio municipal de Catabois”. PP e Ciudadanos abstivéronse

Este luns o pleno aprobou dúas mocións neste senso, nas que Ferrol en Común, PSdeG-PSOE e BNG uniron os seus votos. A presentada polo BNG pedía que o pleno manifestase “a súa oposición a que os restos mortais do ditador Francisco Franco sexan trasladados á nosa cidade para a súa sepultura” e, ademais, instaba a “iniciar os trámites administrativos oportunos para recuperar a propiedade do Panteón existente no cemiterio municipal de Catabois”. PP e Ciudadanos abstivéronse. O Goberno local conta polo tanto co apoio do pleno para revogar a titularidade do nicho 48 do cemiterio municipal, que lle foi concedido á familia Franco en 1967 por parte do daquela alcalde Rogelio Cenalmor Ramos. O nicho foi entregado "en atención a la gran deuda de gratitud que esta ciudad tiene contraída con su hijo más ilustre, el excelentísimo señor don Francisco Franco Bahamonde", segundo consta nos arquivos municipais.

Hai uns días o alcalde Jorge Suárez subliñaba que "non imos permitir que trasladen os restos do ditador a un panteón que foi obtido a través de privilexios" e destacaba que cómpre evitar que a cidade se converta nun lugar de peregrinación franquista. Neste senso, anunciaba que de inmediato poría en marcha dúas vías para recuperar o panteón. Por unha banda instaría á familia Franco a pagar os moitos recibos que ten pendentes polo uso do nicho (non hai constancia de pagaran nalgún momento o que debían pola ocupación do panteón), de xeito que se non aboasen a cantidade requirida, o Goberno local podería forzar a exhumación das cinzas alí depositadas. Ademais, buscaría revogar o acordo municipal de 1967, adoptado por unha corporación non democrática.

 

Eliminar de Ferrol a simboloxía franquista

As mocións de BNG e PSdeG-PSOE tamén demandan a retirada da simboloxía franquista que aínda persiste na cidade

A moción do BNG incluía outros puntos, comezando pola retirada da placa situada na casa natal do ditador, "que enxalza o seu labor como caudillo de España". Tamén pedía retirar outra placa, situada na actual Praza de España, que fai referencia á súa inauguración por parte de Franco. E, ademais, demandaba que o Concello se dirixise ao Hospital Juan Cardona para esixirlle a retirada da estatua de homenaxe a Camilo Alonso Vega (militar franquista e ministro na Ditadura) que aínda existe nese recinto

O primeiro dos dous puntos presentados polo PSdeG-PSOE, aprobados igualmente cos votos de Ferrol e Común e BNG, tamén pedía retirar a simboloxía franquista que aínda existe na cidade, dando cumprimento á Lei de Memoria Histórica. Neste caso, Ciudadanos votou a favor e o PP abstívose. O segundo instaba a retirar da Casa do Concello os retratos fotográficos dos alcaldes da ditadura, sendo igualmente aprobada cos votos da esquerda, e o voto en contra de PP e Ciudadanos.

A pesar de que foron retirados os obxectos e elementos máis rechamantes (comezando pola coñecida estatua ecuestre do ditador, ou a cruz que dominaba a praza de Amboaxe ou os escudos franquistas presentes na Casa do Concello e na Biblioteca), mantéñense aínda varios nomes de rúas ilegais no trazado do Arsenal, así como un escudo no antigo edificio da Alfándega. En 1981 o pleno municipal decidiu o cambio no nome de 61 rúas e prazas da cidade. Nese momento, os mandos militares acordaron en resposta bautizar algunhas das rúas internas do Arsenal, que pasaron a homenaxear a militares franquistas: Almirante Vierna, ao Crucero Baleares, ao Soldado Lois, ao Almirante Fernández Martín, ao Marqués de Alborán, ao Almirante Honorio Cornejo, a Cándido Pérez, a Salvador Moreno e González-Llanos.

 

Peticións a Facebook e Google

Ínstase a Facebook a que, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, elimine a posibilidade de que os seus usuarios e usuarias poidan escoller Ferrol del Caudillo como localización

Finalmente, a moción do BNG incluía senllas peticións a Facebook e Google para que colaboren na supresión das pegadas da Ditadura que aínda sobreviven na cidade. Por unha banda, ínstase a Facebook a que, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, elimine a posibilidade de que os seus usuarios e usuarias poidan escoller Ferrol del Caudillo como localización, unha opción que sorprendentemente aínda existe. Ademais, pídeselle a Google que modifique nos mapas da súa aplicación Google Maps a referencia ao Parque Camilo Alonso Vega, que en 1981 adoptou como denominación oficial Parque Alexandre Bóveda.

A moción aprobada destaca que “a nosa cidade xa padeceu suficiente estigma histórico polo feito de ser a cidade natal de Francisco Franco” e sinala que “é hora de librarnos completamente dos retazos que o franquismo aínda mantén na nosa cidade para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica”.

Facebook aínda permite escoller 'Ferrol del Caudillo' como localización, unha denominación que desapareceu en 1982

Entrada ao Cemiterio Municipal de Catabois © Google Maps
Escudo franquista no vello edificio da Alfándega © Ferrol en Común
O pleno aprobou a retirada da Casa do Concello dos retratos dos alcaldes franquistas © Ferrol en Común
O 'Parque Camilo Alonso Vega', que dende 1981 se chama 'Parque Alexandre Bóveda', aínda existe para Google © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.