Este 14 de abril celébrase un novo aniversario republicano marcado desta volta polo confinamento e o coronavirus, pero conmemórase tamén os dez anos desta querela, que vai gañando testemuños e denuncias
O 14 de abril do ano 2010 comezaba nun xulgado de Bos Aires a chamada querela arxentina contra os crimes do franquismo, aberta pola xuíza arxentina María Servini. Fíxose, de forma simbólica, no Día da República, aniversario da proclamación da Segunda República Española. Este 14 de abril celébrase un novo aniversario republicano marcado desta volta polo confinamento e o coronavirus, pero conmemórase tamén os dez anos desta querela, que vai gañando testemuños e denuncias.
Este décimo aniversario protagoniza as mensaxes dos colectivos galegos republicanos e en defensa da memoria histórica, que se suman ao comunicado de CEAQUA (Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo).
Neste texto, CEAQUA subliña que "despois de 10 anos celebramos a existencia e o traxecto da querela arxentina, recoñecemos os logros conseguidos a través da mesma, pero non podemos esquecer que a causa xudicial tramítase en Arxentina porque o Estado español continúa desenvolvendo políticas de impunidade impropias e incompatibles cun sistema democrático".
Este décimo aniversario protagoniza as mensaxes dos colectivos galegos republicanos e en defensa da memoria histórica
Neste décimo aniversario da querela arxentina, a coordinadora reafirma o seu "compromiso coa causa penal que seguiremos impulsando" e, igualmente, lembra "a todas aquelas persoas que nos deixaron nestes últimos anos e que traballaron con tanto esforzo porque o proceso xudicial fose todo un referente de loita contra a impunidade". Refírese a Darío Rivas, Carlos Slepoy e Chato Galante, finados nos últimos meses.
"Non podemos esquecer que a causa xudicial tramítase en Arxentina porque o Estado español continúa desenvolvendo políticas de impunidade impropias e incompatibles cun sistema democrático"
A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín acompaña o seu comunicado de apoio á declaración de CEAQUA cun manifesto no que lembra "aos homes e mulleres que o martes 14 de abril de 1931 ás 7 da tarde organizaron unha gran manifestación para proclamar a República en Marín". "Vai para elas e eles e para todas aquelas persoas que sufriron a represión e persecución posterior, o noso recordo e admiración", engade.
Tamén o fai a asociación Amigas da República Ourense, que neste 89 aniversario da proclamación da Segunda República Española lembra que "foi unha época de avances sociais, económicos e democráticos para a clase traballadora e as mulleres, para a maioría da sociedade" e que "en resposta os sectores máis reaccionarios deron un golpe de estado instaurando unha ditadura criminal durante 40 anos". A entidade denuncia "a corrupción e os grandes beneficios reais" de Juan Carlos de Borbón, "vinculado a actividades presuntamente delictivas con millóns de euros agochados en Suíza" e fai un chamamento "a toda a cidadanía a mobilizarse este día pola III República nos balcóns e nas redes na defensa do público, dos dereitos sociais e democráticos, dos valores de liberdade, xustiza, igualdade, feminismo, laicidade, cultura e solidariedade".
10 anos da Querela Arxentina
Hai xusto un ano morría Darío Rivas, que iniciou coa súa declaración a causa arxentina, o 14 de abril de 2010
Cada vez son máis os testemuños e denuncias galegas que forman parte da querela iniciada pola xuíza Servini. Nesas denuncias detállanse os casos de milleiros de represaliados, incluídos os 5.000 galegos que recolle o proxecto 'Nomes e voces', casos de represaliados, torturados, desaparecidos e asasinados que inclúen as identidades das persoas asasinadas e as circunstancias das súas torturas e mortes.
Un dos testemuños máis importantes foi o de Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937 e cuxo corpo logrou recuperar en 2005. Darío Rivas abriu a causa coa súa declaración hai agora dez anos, pero o 16 de abril do pasado ano morreu sen poder ver satisfeita a súa demanda de xustiza. "Obtivo en vida o que buscou, atopar a seu pai, pero foi por máis e acompañou o resto dos querelantes. Era o faro e exemplo de todos, é o que nos seguirá mobilizando na busca de xustiza", destacaba o día da súa morte o presidente da Federación de Asociacións Galegas na República Arxentina.
En novembro a Deputación de Pontevedra converteuse na primeira institución pública galega que apoia a querela arxentina
Nos últimos meses producíronse algúns fitos importantes en Galicia relacionadas coa causa arxentina, como foi o impulso da Deputación de Pontevedra, que se converteu na primeira institución pública galega que apoia a vía xudicial contra os delitos cometidos durante a ditadura. O ente provincial está a asesorar a descendentes de persoas represaliadas coma as familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz, que o pasado mes de novembro se adheriron á querela nun acto público celebrado no actual salón de plenos da Deputación Provincial de Pontevedra, o mesmo lugar no que Bóveda foi xulgado e condenado a morte.