O cabo redondelán expulsado do Exército por opoñerse ao franquismo, distinguido como 'Republicano de Honra'

Marco Antonio Santos Soto ©

Aínda que este ano a data fica ocultada pola pandemia do coronavirus, este martes é 14 de abril, Día da República. Como todos os anos, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña celébrao con diversos actos públicos que teñen o seu colofón coa celebración da Cea da República, na que se entrega a Distinción de Republicano/a de Honra, que nesta ocasión premia ao cabo redondelán Marco Antonio Santos, expulsado do Exército o pasado mes de novembro por asinar o 'Manifesto en contra do Franquismo nas Forzas Armadas'. A entrega da distinción e a propia Cea da República serán adiadas por mor da epidemia e celebraranse no momento en que a crise sexa superada.

O documento polo que Marco Antonio Santos foi expulsado do Exército limitábase a sinalar que Franco "non merece respecto nin desagravio ningún, senón a nosa repulsa máis absoluta

Este manifesto en defensa da democracia respondía a outro manifesto, feito público unhas semanas antes, que supuña unha "declaración de respecto e desagravio" a Francisco Franco e que demandaba a permanencia do seu cadáver no Valle de los Caídos. O documento polo que Marco Antonio Santos foi expulsado do Exército limitábase a sinalar que Franco "non merece respecto nin desagravio ningún, senón a nosa repulsa máis absoluta por encabezar un golpe de estado sanguento e xenocida contra a legal e lexítima II República Española, pola feroz guerra civil posterior, e por unha ditadura opresiva e inclemente durante case corenta anos". Ademais, subliñaba que os militares non teñen "dereito ningún" a "presionar como colectivo ao Estado democrático".

Marco Antonio Santos Soto. © CRMH

O cabo foi primeiro sancionado polo Exército de Terra con tres faltas graves (pola suscrición ao Manifesto anti-franquista, por atreverse a asinar cun "Salud y República" e por conceder unha entrevista a eldiario.es ratificando a súa actuación). E, finalmente, foi expulsado, recibindo a máxima sanción posible da Lei Orgánica 8/2014 de Réxime Disciplinario das Forzas Armadas. Os motivos para a súa expulsión foron “a emisión pública de expresións ou manifestacións contrarias ao ordenamento constitucional” e “infrinxir os deberes de neutralidade política”.

A CRMH destaca que o Cabo Santos é "un exemplo da defensa dos valores democráticos e republicanos, da lealdade á Constitución e á Democracia" 

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica subliña que foi expulsado por "apoiar os valores democráticos da Constitución española, e por denunciar o enquistamento da ideoloxía franquista nunha institución que debería defender eses valores servindo e amparando ao pobo español en democracia". A CRMH engade que por todo o sucedido "e tamén polo seu ideario abertamente republicano", o Cabo Santos é "un exemplo da defensa dos valores democráticos e republicanos, da lealdade á Constitución e á Democracia do noso país fronte á 'anti-España' dun pasado fascista que non damos deixado atrás, e da coherencia coas súas ideas como militar ata as derradeiras consecuencias".  

Marco Antonio Santos, que é tamén presidente do Colectivo Republicano de Redondela, escribiu que "os militares profesionais de tropa, os que estamos traballando día a día, con suor, bágoas, frío, facémolo polo noso país. Non cabe dúbida que os que apoian o escrito a favor do ditador xenocida son os que fixeron das Forzas Armadas o seu xardín particular desde o 36. Non estou disposto a que ese manifesto quede impune pois ataca directamente a esa Constitución coa que tanto se enchen a boca". "As Forzas Armadas para servir esa Constitución deben ser totalmente democráticas e como membro activo repudio calquera homenaxe ao asasino", engadiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.