Novos relatos fronte ao discurso da “reconciliación” e a “equidistancia”

Dominio Público Praza Pública

“La Guerra Civil española contada de forma escueta, objetiva y rigurosa, sin clichés partidarios ni etiquetas fáciles”. Así presenta Alfaguara a obra La guerra civil contada a los jóvenes, de Arturo Pérez-Reverte, que constitúe unha mostra da tese da “equidistancia” entre os dous supostos “bandos” que se está a impoñer no discurso público hexemónico arredor da guerra civil. A chamada á “reconciliación” é a outra face deste mesmo relato favorecedor do esquecemento que non só foi promovido polo franquismo, senón que atopa raíces en posicionamentos da oposición antifranquista.

A chamada á “reconciliación” é a outra face deste mesmo relato favorecedor do esquecemento que atopa raíces en posicionamentos da oposición antifranquista

Esta foi unha das cuestións analizadas na primeira xornada do congreso 1936. Un novo relato? 80 anos entre historia e memoria, organizado polo grupo de investigación da USC Histagra. A profesora da UNED Ángeles Egido lembrou o exemplo do libro de Pérez-Reverte, cuxo enfoque considerou “perigoso” e “parcial”. Noutros países, salientou, a memoria da guerra incorporouse ás escolas sen medo a admitir que houbo violacións dos dereitos humanos dos distintos lados da fronte. Mais, -engadiu-, recoñecer isto non implica “poñer no mesmo plano” a quen tentou defender o goberno da República, democraticamente elixido, e aos golpistas que hai 80 anos remataron con ela.

Nada xustifica, ademais, a “equidistancia”, cando non houbo -sinalou-, unha loita en igualdade de condicións, pois Italia e Alemaña apoiaron os sublevados. Mais tampouco hai motivos para falar de “reconciliación” desde o momento en que, despois da guerra, non foi esta a política do réxime, senón o exercicio da violencia organizada e sistemática sobre os “vencidos”.

Mais Ángeles Egido citou tamén outro libro, Los mitos del 18 de julio, editado por Cátedra, que desmonta diversas “falacias” como a do “perigo comunista”, outro dos relatos xustificadores do golpe do 36. “Os que si estaban conspirando”, -subliñou-, “eran os monárquicos”, “coa axuda da Italia fascista”, como mostran os catro contratos para o subministro de material bélico asinados días antes do golpe polo monárquico Pedro Sainz Rodríguez. O proxecto “imperialista” de Mussolini para o Mediterráneo explicaría este apoio aos que ían ser os sublevados.

“Os que si estaban conspirando”, -subliñou Egido-, “eran os monárquicos”, “coa axuda da Italia fascista”

Neste contexto, o debate sobre a necesidade actual dun novo relato ou, máis ben, de novos relatos sobre o pasado, centra o congreso 1936. Un novo relato? 80 anos entre historia e memoria, que trata de deconstruír a idea de “reconciliación” da Transición e de contrastala con outras memorias e perspectivas, así como cos novos paradigmas que manexan os estudos literarios e culturais. E esa análise do discurso herdado da Transición comezou na  primeira xornada, -tras a inauguración, na que participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez-, coa intervención do profesor da Princeton University Ángel Loureiro.

“A historia da guerra que prevalece nos anos da Transición”, -indicou Loureiro, “é aínda unha historia de signo épico, típica da modernidade e do seu sentido teleolóxico da historia. Na Transición a Guerra Civil é vista aínda en boa medida como se vía nos tempos da guerra, como un gran conflito ideolóxico”.

"A historia da guerra que prevalece nos anos da Transición”, -indicou Loureiro, “é aínda unha historia de signo épico"

Ás xeracións da transición recriminóuselles, -asegurou-, “que non pensasen e sentisen como pensan e senten os netos da guerra”. E “é certo”, dixo. Pois na Transición “non houbo versións da guerra e do franquismo centradas nas vítimas, e iso por moitas razóns necesarias: porque naqueles momentos aínda se cría no futuro, e por iso a guerra era vista como un evento heroico na marcha imparable, cara adiante, dunha historia teleolóxica; porque ás xeracións mozas dos 70 importáballes moito máis a liberdade e o futuro que deterse en historias de penalidades dun pasado que parecía moi afastado; porque entón a historia, como temporalidade vivida e como representación do pasado, aínda non entrara en crise; porque a énfase na memoria, o sufrimento da vítima, a palabra sagrada da testemuña e a redención do pasado non servía para as necesidades do momento”.

O profesor da USC, -e un dos organizadores do encontro-, Lourenzo Fernández Prieto lembrou ao respecto que o que despois foi o paradigma da “reconciliación” ten orixes na proposta política da oposición antifranquista que implicaba “perdón” e “olvido”, e que se foi impoñendo tras a morte de Franco, -sancionado sobre todo co 23-F-, sendo asumido por Adolfo Suárez, dando lugar ás políticas de amnistía e ao relato dos “consensos” que chega ata hoxe, e do que o libro de Pérez-Reverte, como mostra do discurso social e mediaticamente dominante, é un exemplo.

"O paradigma da “reconciliación” ten orixes na proposta política da oposición antifranquista"

Unha idea de “reconciliación”, “hexemónica na oposición antifranquista” que foi aceptada e “xestionada” polo franquismo reformista, -pasando de conceptualizarse a guerra como unha sorte de “loucura colectiva” que cumpría esquecer-, e que aínda nos usurpa “moito daquel pasado”, que Fernández Prieto propón reler a través da perspectiva da “historia da xente” fronte á “guerra dos cultos”: dos políticos, dos militares… Pois unha historia feita desde abaixo permite ver “vestixios” da falacia da “inevitabilidade” do “desastre” ou ollar doutro xeito a violencia, que non é algo “abstracto”, senón exercido por uns verdugos que deben ser “integrados no relato”.

O profesor Ulrich Winter, da Philipps-Universität Marburg, rexeitou tamén, pola súa banda, os relatos “reducionistas” da “reconciliación forzada”, que considera “esgotados”, e aos que apuxo, entre outras cuestións, a falta de diálogo interdisciplinar ou interxeracional, ou o esquecemento da dimensión transnacional da guerra. “Co franquismo”, -comentou-, “impúxose unha renacionalización do conflito que fai esquecer que é internacional”. En relación con iso, Fernández Prieto insistiu en que o franquismo construíu unha idea de “excepcionalidade” española, -encarnada no coñecido slogan turístico Spain is different, lanzado sendo Manuel Fraga ministro de Información e Turismo-, que lle serviu para xustificar a súa propia continuidade como réxime ditatorial.

“Co franquismo”, -comentou Winter-, “impúxose unha renacionalización do conflito que fai esquecer que é internacional”

Fronte a Winter, -que salientara que xa nos 70 houbo discursos alternativos á “reconciliación”-, o profesor da Universidad Autónoma de Madrid Jesús Izquierdo dubidou de que o relato dominante estea “esgotado” e apelou á función social do historiador como divulgador dunha historia alternativa á hexemónica. O discurso da “reconciliación”, -sinalou-, serviu de relato “redentor”, case “bíblico”, ponte para o reencontro coa “historia universal” e o esquecemento do franquismo. “Esta noción”, -a da “loucura colectiva” e a “equidistancia”-, segue “aí”, -sostivo-, e os historiadores non conseguen “desestabilizala”.  Reivindicou, por iso, -en confluencia co comentado anteriormente por Winter-, o papel da “imaxinación” na metodoloxía historiográfica, xa que “o historiador ten que imaxinar relatos” que axuden a que os españois asuman a “responsabilidade de elaborar o seu pasado”, de enfrontarse a el, fronte ao “trauma”.

A noción da “loucura colectiva” e a “equidistancia" segue “aí”, sostivo Izquierdo

O descrédito do “paradigma da reconciliación” non impide, segundo comentou Xermán Labrador, -da Princeton University-, en confluencia con Izquierdo, que “se siga explotando a nivel mediático”. En canto ao paradigma antifranquista, sinalou que foi construído “en relación coa existencia dun estado democrático do benestar, co espazo europeo como racionalidade, e un horizonte xurídico de paz e dereitos. Mais hoxe, “desgraciadamente, non estamos nun horizonte de construción de estado e legalidade. Estamos nun contexto de estado de excepción, de produción de excepcionalidade masiva, non só a escala global, senón tamén europea”.

Así, un novo relato da guerra civil tería que asumir coordenadas como “unha crise de lexitimidade [de suxeición política] ou a crise do dereito [e o triunfo da excepcionalidade xurídica]”, asumindo a realidade da “violencia de estado de tipo colonial” que se exerceu sobre a poboación nacional “antes e despois da II República”, vinculada a unha certa noción de “orde pública”. Así, o novo relato de guerra debe, segundo Labrador, “incorporar a crítica radical do estado liberal. Non basta con que sexa un relato antifascista. Haberá de ser tamén antiautoritario, anticolonial e  altermundialista”.

Non basta, segundo Labrador, con que sexa un relato antifascista. Haberá de ser tamén antiautoritario, anticolonial e  altermundialista

Labrador introduciu deste xeito unha das cuestións despois máis comentadas, que é a da violencia política pasada e presente. Coma el, Daniel Lanero, da USC, incidiu na necesidade de “prestar máis importancia ao peso que a violencia política tivo durante a Transición, até o de agora case sempre escamoteado en beneficio da interpretación idílica da mesma”. Ángeles Egido defendeu, pola súa banda, a necesidade de “normalizar” o relato da violencia, xa que “moita xente non cre aínda o que pasou”. Avogou, así, primeiro por demostrala, despois asumila e logo incorporala ao relato do pasado. A mesma violencia que, segundo Izquierdo, “aloxamos nos anos 30”, como se non seguise máis tarde e na actualidade, vía desafiuzamentos, por exemplo.

Lanero amosouse, por outra banda, a favor da apertura teórica e metodolóxica da historiografía, tal como propuxera Winter, mais “sen perder de vista que o papel da Historia é a resposta e interpretación de preguntas e problemas do pasado”. Mostrou tamén o seu acordo en que “non se pode facer Historia sen imaxinación e intuición, tanto nas preguntas como nas interpretacións. E iso non implica non aplicar con rigor o método histórico”. Winter defendera procurar unha linguaxe interdisciplinar, que achegue a historiografía á práctica cultural, facéndoa confluír cos estudos culturais. A intervención de Xavier Pla, da Universitat de Girona, tratou, de feito, o tema do congreso desde a literatura, opoñendo a figura de Orfeo, "a palabra poética que supera a morte", e a de Lázaro, "que non pode esquecer o pasado" e vive cos "estigmas", con problemas coa "palabra".

Coincidindo con Fernández Prieto, Lanero asegurou tamén que a historiografía “ten que buscar camiños para a integración/diálogo das experiencias e das memorias individuais e colectivas da "xente corrente", aínda que lanzou a pregunta de se non tería algo de “trauma” apelar á memoria das “coidadoras e salvadoras”, exemplo de “solidariedade” e ética dos coidados -tal como dixera Labrador- no medio da barbarie da guerra, á que Fernández Prieto apelara como vía para dar entrada no relato aos verdugos, pois estas, “se salvan, salvan de alguén”, dos vitimarios. Labrador tamén expresara o seu acordo con Fernández Prieto na conveniencia de situar a II República no seu contexto, nos seus antecedentes -a loita contra a ditadura de Primo de Rivero, a Constitución liberal-, no canto de tratala como novidade histórica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.