Búscase "corrixir a eiva" que supón a carencia de espazos galegos no listado de lugares que inclúe o texto e, nomeadamente, a non inclusión de San Simón e o Pazo de Meirás malia “a súa relevancia histórica e simbólica”
A Iniciativa Galega pola Memoria, plataforma que coordina á meirande parte das asociacións memorialistas do país, vén de presentar senllas solicitudes para que a illa de San Simón e o Pazo de Meirás sexan declarados “lugares de memoria democrática” ao amparo do establecido nos artigos 49 e 50 da Lei de Memoria Drmocrática de 2022.
Estas solicitudes, presentadas ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria democrática, contan coa aval de máis dunha vintena de asociacións de memoria, culturais e veciñais galegas. Búscase "corrixir a eiva" que supón a carencia de espazos galegos no listado de lugares que inclúe o texto e, nomeadamente, a non inclusión de San Simón e o Pazo de Meirás malia “a súa relevancia histórica e simbólica”.
A Iniciativa Galega pola Memoria destaca que a aprobación das solicitudes permitiría "afondar na divulgación", Ademais, garantiría a súa protección, evitando a súa utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática
A Iniciativa Galega pola Memoria destaca que a aprobación das solicitudes permitiría "afondar na divulgación" tanto do ocorrido no tempo en que a illa redondelá foi cárcere (outono 1936-marzo 1943) como nos anos en que o pazo sadense foi residencia oficial da xefatura de Estado (1938 a 1975). Ademais, garantiría a súa protección, evitando a súa utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática.
Nese senso, as entidades denuncian que na actualidade, ou teñen o acceso totalmente restrinxido ou, no caso de San Simón, "son utilizados para beneficio de empresas privadas que realizan na illa actividades contrarias ao seu carácter público e a súa condición de ben de interese cultural", como festivais de música, festas do Samaín, probas de orientación..., actividades que denuncian como "mercadeo" e prácticas "lesivas coa memoria dos presos políticos e as súas familias".
Tanto no caso do Pazo de Meirás como da illa de San Simón, a documentación destaca que non son só lugares relacionados coa memoria da represión senón tamén "da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego"
Tanto no caso do Pazo de Meirás como da illa de San Simón, a documentación destaca que non son só lugares relacionados coa memoria da represión senón tamén "da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego". No relativo a Meirás, o escrito destaca que se practicaron abusos tanto na súa adquisición como durante o seu funcionamento como residencia de verán do ditador.
A represión é tamén evidente no caso de San Simón. Durante o tempo en que funcionou como campo de concentración (outono de 1936- primavera de 1943) estiveron retidos na illa centos de republicanos e o amoreamento foi tal, que a ditadura chegou a fondear fronte as súas costas o buque Upo Mendi, que serviu de improvisada prisión para os soldados da Fronte Norte que xa non cabían na illa e tamén para aqueles presos do Lazareto que tiveran un comportamento máis díscolo, nunha sorte de castigo.
Nas solicitudes, a IGM incluíu o respaldo expreso de máis dunha vintena de asociacións memorialistas culturais e veciñais do país, entre elas a CRMH da Coruña, as Asembleas Republicanas de Vigo e Ourense, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Tilve, O Facho, o Galo ou Agra do Orzán.
O domingo 21 o movemento memorialista galego celebrará en San Simón o acto anual de homenaxe ás vítimas da ditadura, reclamando que a illa sexa declarada lugar de memoria
Acto anual de homenaxe ás vítimas da ditadura
O vindeiro domingo, 21 de xullo, ás 12.00 horas, o movemento memorialista galego celebrará en San Simón o acto anual de homenaxe ás vítimas da ditadura e a temática deste ano incidirá na necesidade de que a illa sexa declarada lugar de memoria e conte así coa protección adecuada para acabar co que consideran “unha xestión máis propia dun parque de atraccións que dun lugar de reclusión franquista”.
A entidade reclama que San Simón "sexa debidamente sinalizada e musealizada como illa da memoria para que non sexa posíbel poñer un pe nela sen coñecer o seu pasado, como ocorre agora"
O acto deste ano contará coa participación da historiadora Iria Morgade, que está realizando unha tese sobre a recuperación da memoria por parte do pobo galego; o poeta Claudio Rodríguez Fer; así como familiares de republicanos catalás e andaluces que estiveron recluídos na illa.
Haberá tamén actuacións musicais e a ofrenda floral no monumento en honra dos presos, un dos poucos sinais de lembranza que fican no antigo Lazareto. A entidade reclama que San Simón "sexa debidamente sinalizada e musealizada como illa da memoria para que non sexa posíbel poñer un pe nela sen coñecer o seu pasado, como ocorre agora".