Vigo cartografa os lugares da barbarie franquista: "Necesitamos manter viva a lembranza das represaliadas"

Homenaxe no cemiterio de Pereiró © Aso. Viguesa pola Memoria Histórica

A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e a Asemblea Republicana de Vigo presentaron o documental Falando de Memoria, composto por 15 reportaxes gravadas noutros tantos espazos clave na represión que seguiu ao Golpe de Estado

A comarca de Vigo foi un dos lugares de Galicia onde máis dura foi a represión contra a poboación por parte das forzas sublevadas, centrada especialmente nos militantes de esquerda, que nos primeiros días mesmo chegaron a exercer resistencia fronte ao Golpe de Estado en barrios e concellos coma Lavadores. Foron asasinados, por exemplo, os alcaldes de Vigo (Emilio Martínez Garrido) e Lavadores (José Antela Conde), deputados como Antonio Bilbatúa xunto con moitos concelleiros e sindicalistas (Enrique Blein Budiño, Waldo Gil Santostegui, Ramón González Brunet, Heraclio Botana, Ignacio Seoane, Apolinar Rodríguez...) e moitos traballadores e traballadoras anónimas.

Dende hai anos entidades coma a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 ou a Asemblea Republicana de Vigo veñen promovendo investigacións e homenaxes en lembranza dos veciños e veciñas mortos a man dos fascistas ou represaliados. Agora as dúas entidades veñen de presentar o documental Falando de memoria, que recolle 15 lugares de memoria histórica da comarca de Vigo a través doutras tantos microrreportaxes, cada unha delas gravada nun espazo diferente, cartografando "os lugares onde foron asesinadas ou torturadas demócratas que se opuxeron ao golpe de estado militar no ano 1936".

“Este documento audiovisual é imprescindíbel para calquera sociedade democrática. Necesitamos manter viva a lembranza das represaliadas contra o esquecemento, para alumarmos un tempo histórico que ficou agochado e silenciado premeditadamente durante a longa noite de pedra da ditadura franquista”, di Cristóbal López

O documental foi presentado o pasado martes de 21 de marzo no MARCO de Vigo, nun acto no que o seu realizador, Cristóbal López, destacou que “este documento audiovisual é imprescindíbel para calquera sociedade democrática. Necesitamos manter viva a lembranza das represaliadas contra o esquecemento, para alumarmos un tempo histórico que ficou agochado e silenciado premeditadamente durante a longa noite de pedra da ditadura franquista”. 

Pola súa banda, Celso López Pazos, presidente da Asemblea Republicana de Vigo, salientou que se trata "dun traballo de cartagrofiado da brutal represión que sufriu a poboación viguesa polo mero feito de ser demócrata". López Pazos engade que o traballo supón "unha homenaxe ás persoas que nos dignifica como herdeiros e herdeiras dos seus ideais”. Grazas a colaboración económica da Deputación de Pontevedra, 300 pendrive cos 15 microreportaxes que compoñen o documental serán distribuidos a colexios, bibliotecas e ao tecido asociativo da comarca de Vigo.

Celso López Pazos, presidente da Asemblea Republicana de Vigo, salientou que se trata "dun traballo de cartagrofiado da brutal represión que sufriu a poboación viguesa polo mero feito de ser demócrata"

"O obxectivo esencial da represión era destruír por completo o que a República fora artellando nos cinco anos anteriores", destaca Celso López Pazos no documental. As microrreportaxes percorren a Praia das Fontes, en Alcabre, ou o Monte da Guía, en Teis, onde foron asasinados polo fascismo varios veciños da zona. Tamén os cemiterios de Pereiró, Lavadores ou Mos), contra cuxas paredes foron fusiladas ducias de persoas. E hai varias mencións á represión exercida na zona de Lavadores (concello independente ata 1941), no Calvario ou na Volta da Figueiriña.

A Porta do Sol foi "a zona cero da barbarie", destaca o documental. O mesmo 18 de xullo, a Alcaldía de Vigo, presidida por Emilio Martínez Garrido, publicou un bando que dicía: “reitera al vecindario la seguridad completa de haber sido totalmente  sofocado  el criminal intento producido fuera del territorio peninsular, fuertemente ahogado por el grito clamoroso que a estas horas vibra en todos los ámbitos del país ¡Viva la República!". Porén, dous días despois, unha vez que o Golpe de Estado triunfa na Coruña, tamén os militares en Vigo se alzan contra a legalidade na Porta do Sol, reprimindo os obreiros da cidade, que nese momento se mobilizaran en defensa da democracia.

"O obxectivo esencial da represión era destruír por completo o que a República fora artellando nos cinco anos anteriores", destaca Celso López Pazos no documental

No Castro aínda se ergue a Cruz dos Caídos, denominada "Cruz da ignominia" polas entidades memorialistas, que sinalan que este "monumento a infamia en forma de cruz é unha inxuria permanente á democracia, un vil desprezo as persoas que sacrificaron a súa vida defendéndoa". Un pouco máis arriba, na antiga fortaleza, un mínimo de 136 persoas foron fusiladas despois de sufrir xuízos sumarios. 

Do Frontón de María Berdiales saíron moitos presos para ser asasinados. Así mesmo, o actual museo do MARCO funcionou como Pazo de Xustiza, cárcere e cuartel. Nese lugar o 22 de agosto de 1936 tivo lugar o proceso máis importante dos que se seguiron en Vigo contra dirixentes da Fronte Popular, que rematou co asasinato de dez persoas. 

No Castro aínda se ergue a Cruz dos Caídos, denominada "Cruz da ignominia" polas entidades memorialistas, que sinalan que este "monumento a infamia en forma de cruz é unha inxuria permanente á democracia, un vil desprezo as persoas que sacrificaron a súa vida defendéndoa"

De igual xeito, dedícase un capítulo ao masacre do bou Eva. O 23 de abril de 1937 oito homes e unha muller dispoñíanse a escapar a Francia por mar dende o porto de Vigo. Tras seren delatados, os falanxistas asaltaron o barco e achegaron un barco a un alxibe do porto e asolagaron a bodega do bou. Mais os tripulantes non saíron, decidiron pór fin á súa vida de maneira colectiva antes de entregárense aos falanxistas.

Tamén se fala da represión específica sufrida polas mulleres, sinalando que "só en Vigo temos contabilizadas trece asasinadas e incontables represaliadas, encarceradas, torturadas, rapadas, violadas, expropiadas, insultadas". Seis desas mulleres mortas a mans dos fascistas deron nome a senllas vías da cidade, entre elas a rúa Mercedes Núñez Targa.

Presentación do documental no MARCO © Aso. Viguesa pola Memoria Histórica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.