O 17 de febreiro de 1950, hai agora 75 anos, falecía no exilio, en París, o político coruñés Santiago Casares Quiroga. Para conmemoralo, a súa cidade natal celebrou o pasado luns unha mesa redonda onde o edil de Cultura e Turismo, e responsable da área de Memoria Democrática, Gonzalo Castro, anunciou que o Concello solicitará ao Goberno de España a inclusión da Casa Museo Casares Quiroga —vivenda natal do histórico persoeiro e hoxe museo— no inventario de Lugares de Memoria Democrática.
Acompañaría así a Illa de San Simón e o Pazo de Meirás, que segundo avanzou o Executivo central, terán este recoñecemento e protección oficial a partir de agosto, logo de que o Estado atendese as demandas feitas pola Iniciativa Galega pola Memoria, plataforma que coordina a meirande parte das asociacións memorialistas do país.
A inclusión da Casa Museo Casares Quiroga na lista de Lugares de Memoria Democrática uniríase á do Pazo de Meirás e a Illa de San Simón
"Desde o Goberno de Inés Rey queremos impulsar na Coruña os espazos vinculados coa memoria democrática, facendo parte do proceso ás entidades que afondan na lembranza e no fortalecemento dos valores democráticos", indicou Gonzalo Castro. "A inclusión desta Casa Museo será o primeiro paso para poñer en valor o importante papel da nosa cidade na defensa das liberdades e dereitos do conxunto da sociedade", engadiu o concelleiro ante o público asistente á mesa redonda baixo o nome 75 anos despois. Revisitando a Casares Quiroga. Mito e realidade histórica.
O acto foi organizado polo Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide, un coloquio no que participaron os historiadores Emilio Grandío e Xosé Alfeirán, e a directora do Instituto, Ana Romero. Precisamente, será esta entidade a que realizará os estudos e informes históricos necesarios para fundamentar a solicitude de Lugar de Memoria Democrática para a casa da rúa Panadeiras onde residiu unha das figuras máis importantes do republicanismo da Coruña e de Galicia.
Tamén avogado e xornalista, Casares Quiroga foi deputado da Organización Republicana Autónoma Galega (ORGA), ministro con diferentes carteiras e presidente do Goberno de España durante a Segunda República, un cargo que ocuparía só dous meses, de maio de 1936 ao día posterior ao golpe de Estado fascista, o 19 de xullo.
Foi naquela etapa, como presidente, quen organiza o referendo sobre o Estatuto de autonomía de Galicia para logo deixar o cargo. Segundo se mantivo historicamente, dimitiu logo de negarse a entregar armas ás organizacións obreiras tras o golpe de Estado. Segundo as memorias de Portela Valladares e as da súa filla, a recoñecida actriz María Casares, foi o presidente da República, Manuel Azaña, quen o cesou precisamente por querer subministrar munición ao pobo.

Casares Quiroga foi un dos impulsores da ORGA, ministro con varias carteiras durante a Segunda República e presidente do Goberno uns meses, ata o golpe de Estado fascista
Vilipendiado con dureza polo franquismo e borrado de calquera rexistro e recoñecemento durante décadas, Casares Quiroga é fillo de Santiago Casares Paz, alcalde republicano da Coruña en 1917, e converteuse en líder do Partido Republicano Autónomo da Coruña con só 24 anos. Preso durante a ditadura de Primo de Rivera, en 1929 participou xunto a Antón Villar Ponte ou Emilio González López na creación da ORGA e foi representante da Federación Republicana Gallega no Pacto de San Sebastián.
Coa chegada da Segunda República, ocupou o cargo de ministro da Mariña e máis tarde do de Gobernación. Elixido deputado nas Cortes Constituíntes pola ORGA en 1931 e en 1933, en 1934 ocupa o escano en representación do xa daquela denominado Partido Republicano Gallego, integrado en Izquierda Republicana. Con Azaña como presidente da República, Casares Quiroga é nomeado ministro do Goberno e ministro da Guerra.
Fuxido a París tras a caída de Catalunya, en 1940 e ante a invasión nazi abandona Francia rumbo a Inglaterra axudado polo ex-presidente español Juan Negrín. Rematada a Segunda Guerra Mundial, regresa á capital francesa, onde falece en febreiro de 1950, cando a súa filla xa era unha das grandes actrices do país galo. O seu pasamento tivo lugar poucas semanas despois do de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, exiliado el en Bos Aires, a quen Galicia dedica este ano 2025 con numerosos actos e lembranzas.