
O podcast documental Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 Anos de España en Liberdade, continúa o seu percorrido por diferentes espazos da Coruña vinculados coa memoria histórica. A iniciativa busca contar a historia recente da cidade a partir dos lugares nos que sucederon os feitos e das experiencias das persoas que os viviron. No seu quinto episodio, o podcast trasládase aos cantís e á cala do Portiño, baixo o Monte de San Pedro, para abordar as redes clandestinas de evasión por mar organizadas tras o golpe militar de xullo de 1936 e o intento de fuxida de marzo de 1937.
O quinto episodio da serie da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade trasládase aos cantís baixo o Monte de San Pedro para abordar as redes clandestinas de fuxida por mar tras o golpe e e a tentativa frustrada en marzo de 1937, así como a transformación do lugar
O episodio sitúa estes acontecementos no contexto social e sindical da Coruña dos anos trinta, marcada por unha importante presenza do movemento anarcosindicalista. Tras o triunfo da sublevación militar e o illamento da cidade por terra, diferentes grupos organizaron saídas clandestinas por mar para facilitar a fuxida de persoas perseguidas e de mozos que trataban de evitar a incorporación ao exército franquista. O relato recupera o papel do sindicato pesqueiro da CNT El Despertar Marítimo, cuxos membros participaron na organización de máis de vinte expedicións cara a Asturias, Euskadi e Francia.
A narración aborda tamén o papel das mulleres dentro do movemento libertario coruñés e recupera un episodio dos primeiros momentos do golpe. Na mañá do 18 de xullo de 1936, as bucinas dos pesqueiros no porto serviron como sinal para alertar a poboación do inicio da sublevación militar.
Unha parte central do capítulo está dedicada ao intento de fuxida desenvolvido entre a noite do 3 e a madrugada do 4 de marzo de 1937. O operativo incluía o asalto, no Peirao do Leste, aos pesqueiros de arrastre José e Generoso Linares, que debían dirixirse ao Portiño, e a concentración simultánea de preto dun centenar de persoas agochadas na zona de San Pedro para seren trasladadas en pequenas embarcacións de pesca.
O plan non chegou a completarse. Unha información transmitida nunha taberna do porto permitiu aos responsables dos barcos coñecer o intento de asalto e evitar a súa captura. Posteriormente, o encontro cun empregado da Radio Costeira na Agra do Orzán contribuíu a activar o dispositivo de vixilancia da Garda Civil e da batería militar do Monte de San Pedro. O episodio reconstrúe os feitos posteriores na enseada, os intentos de fuxida a nado, os afogamentos e as detencións. Tamén aborda o consello de guerra posterior e a execución de dezaseis persoas no Campo da Rata, así como o caso de Antonio Boedo.
Os investigadores Dionisio Pereira, Emilio Grandío e Inés Merayo explican a importancia do anarcosindicalismo coruñés, o papel dos mariñeiros e das mulleres anarquistas nos primeiros instantes do golpe e o clima de persecución na cidade en 1937. Co escultor Pepe Galán coñecemos a intervención artística do monumento ás vítimas do Portiño
O capítulo detense finalmente na transformación do propio espazo do Portiño e na súa recuperación como Lugar de Memoria. A historia do lugar está marcada tamén polo impacto do vertedoiro de Bens e polo seu colapso en 1996. O podcast aborda a intervención realizada polo escultor Pepe Galán para crear o monumento dedicado ás vítimas. A través da intervención artística, o episodio reflexiona sobre a relación entre memoria, paisaxe e recuperación dos espazos vinculados coa historia da cidade.
Para abordar estes feitos, o episodio conta cos testemuños de varias persoas vinculadas coa investigación e coa memoria da Coruña. O historiador Dionisio Pereira analiza a organización clandestina de El Despertar Marítimo, a figura do seu secretario Manuel Montes e o desenvolvemento do operativo do Portiño, ademais da continuidade das fuxidas por mar ata finais de 1938.
O catedrático Emilio Grandío contextualiza a situación da Coruña durante o inverno de 1937, a persecución das persoas vinculadas coa esquerda e a captura do deputado socialista Luis Rufilanchas. Tamén aborda as disputas internas entre os mandos golpistas e a transformación posterior do espazo do Portiño.
O escultor Pepe Galán explica o proceso de creación do monumento e recupera a memoria oral do lugar a través do testemuño de Antón Patiño Regueira. Pola súa parte, a investigadora Inés Merayo analiza a presenza da CNT na Coruña, o papel das mulleres anarquistas e o uso das bucinas dos barcos como sistema de aviso durante os primeiros momentos do golpe.
O episodio recupera parte da conversa de Beatriz Gómez e Maruxa Seixas con alumnado do IES Agra do Orzán en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica: memoria familiar da represión, as fuxidas e a vida clandestina
O episodio incorpora tamén declaracións de Beatriz Gómez e Maruxa Seijas, procedentes dunha entrevista realizada en 2025 por alumnas do IES Agra do Orzán coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. As súas voces achegan a memoria familiar dos barrios da Silva e Visma e recuperan historias como a fuxida a nado de Fernando Seijas, a represión sufrida por familias como os Boedo e os Díaz Moreno ou a vida clandestina de persoas que permaneceron agochadas durante a posguerra, entre elas Alfonso Argentino Vázquez, coñecido como Durruti da Silva.
O quinto episodio de Falamos de Memoria xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube. Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración, o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual e a presentación e introdución da man de Prado Rúa.