Foi hai hoxe 30 anos. Pola mañá, aquel 10 de setembro, o vertedoiro de Bens —na cidade da Coruña, a media hora andando do estadio de Riazor— derrubábase esparexendo monte abaixo 200.000 toneladas de lixo que alcanzaron o pequeno peirao do Portiño e sepultaron para sempre un veciño que lavaba o seu coche.
Hai 30 anos, o vertedoiro de Bens derrubábase vertendo sobre O Portiño e o mar 200.000 toneladas de lixo e matando un veciño
Foi a peor e máis tráxica consecuencia do amoreamento masivo de lixo, as filtracións e a acumulación de gases que provocaron un "colapso catastrófico" do vertedoiro, como lembra Greenpeace. Un depósito que levaba dúas décadas acumulando todo tipo de restos chegados da cidade (e algún da súa contorna), sen ningún tipo de tratamento previo nin controis ambientais axeitados. A Coruña asistía avergoñada, triste e asustada a unha das maiores catástrofes ecolóxicas de Galicia.
Milleiros de toneladas que acabaron levando por diante coches, algunha embarcación, casas e a vida de Joaquín Serantes. E que cuestionou o modelo de xestión de residuos. Un alude de porcallada que chegou ao mar e obrigou a desaloxar as 300 persoas que ocupaban o poboado.
O suceso provocou unha forte contaminación mariña e un cheiro fétido insoportábel que obrigou a poboación a utilizar máscaras durante semanas. Na Coruña non era difícil escoitar a expresión "cheira a Bens" cando os caprichos do vento empurraban cara a dentro da península os olores fedorentos, xa fosen daquela daquel vertedoiro, ou posteriormente da fábrica de pensos que aínda hai en Suevos (Arteixo) ou desde a actual planta de Nostián, impulsada por aquel suceso.
O vertedoiro levaba dúas décadas acumulando todo tipo de restos chegados da cidade sen ningún tipo de control
Trinta anos despois da catástrofe, Greenpeace aproveita para convocar a sociedade a "lembrar o acontecido e as leccións aprendidas", participando nunha recolleita e auditoría de residuos na praia de Bens, o vindeiro sábado, 12 de setembro, a partir das 11 da mañá.
A entidade ecoloxista lembra que o Concello dixo descoñecer a gravidade da situación no seu momento, pero que con posterioridade á catástrofe saíron á luz diversos informes técnicos que "xa alertaban do risco inminente de derruba e das graves deficiencias de drenaxe". Veciñanza da zona asegurou varias veces que a concesionaria do vertedoiro levaba tempo advertindo (tamén con informes) daquel "perigo". Daquela, Greenpeace mobilizouse e reuniuse co entón alcalde, Francisco Vázquez, para exixirlle a "transformación radical do modelo de xestión do lixo".
A desgraza de Bens axitou conciencias e mesmo converteu a Vázquez nun "ecoloxista". Demasiado tarde. O desastre obrigou a un investimento de máis de 10.000 millóns de pesetas para o selado e recuperación ambiental da zona —hoxe convertida no Parque de Bens, duns 600.000 metros cadrados— e serviu de detonante para a aprobación da Ordenanza de Xestión de Residuos Municipais e o posterior impulso en 1999 da planta de Nostián, pioneira na súa época por apostar pola separación, o reciclaxe e o compostaxe.
Greenpeace advirte do "estancamento preocupante" da planta de Nostián, nacida tras a catástrofe como alternativa á incineración de Sogama
Con todo, Greenpeace advirte de que "a pesar de que a planta de Nostián naceu como unha alternativa vangardista fronte á incineración de Sogama, a súa traxectoria nos últimos anos reflicte tamén un estancamento preocupante". "O modelo padece unha severa falta de investimento, cunha concesión caducada dende hai anos e sucesivos atrasos na licitación dun novo prego adaptado ás exixencias europeas. Esta parálise traduciuse en baixas taxas de recuperación de materiais, o rexeitamento masivo de residuos que acaban nos vertedoiros e constantes conflitos laborais e operativos", explica.
“Para Greenpeace, o estado actual de Nostián evidencia que non abonda con ter unha planta no papel: sen vontade política, modernización continua e redución drástica de lixo na orixe, o sistema queda obsoleto e incapaz de responder o reto ecolóxico actual. O aniversario da catástrofe de Bens ten que facernos reflexionar ao respecto. Agardamos que o novo concurso, que se pecha nos vindeiros días, poida resolver a situación”, apuntou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
"A lección non pode quedar no esquecemento"
Agora, a entidade ecoloxista remarca que "a lección de Bens non pode quedar no esquecemento". "A proliferación masiva de plásticos dun só uso superou a capacidade de calquera sistema de reciclaxe ou planta de tratamento. Cada ano, os mares e océanos reciben ata 12 millóns de toneladas de plásticos. A reciclaxe por si soa demostrouse insuficiente: a nivel mundial, menos do 10% de todo o plástico producido foi reciclado. Por riba, os microplásticos están a destruír literalmente a estrutura física e o "sistema nervioso» dos ecosistemas", din.
Por iso, Greenpeace enmarca este aniversario na loita por un acordo internacional ambicioso e xuridicamente vinculante no marco do Tratado Global dos Plásticos das Nacións Unidas que estableza obxectivos legais para reducir a produción mundial de plástico polo menos un 75% para 2040 e traslada ás administracións públicas as seguintes demandas prioritarias:
Fin do "usar e tirar" e unha transición real cara a sistemas de reutilización e enchido; implantación inmediata do Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR) "para que as empresas paguen o custo real dos seus envases e o consumidor poida devolvelos nas tendas"; priorización real da redución e reutilización sobre a reciclaxe, responsabilidade ampliada do produtor e prohibición total de microplásticos engadidos.