
O primeiro episodio da serie podcast, producida pola Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade, mergúllase no labirinto urbano do barrio coruñés que antes do golpe concentraba a maior taxa de afiliación libertaria da cidade e despois virou en rede de resistencia fronte aos franquistas
Nace Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade. Trátase dun podcast documental que percorre a xeografía da memoria histórica na Coruña a través das súas contornas físicas e das voces dos seus protagonistas.
A iniciativa xorde coa vontade de contar a historia recente da cidade fóra de abstraccións teóricas, poñendo o foco nas chamadas "voces baixas": a memoria de panadeiras, mariñeiros, peixeiras e obreiros que defenderon a igualdade, a cultura e a liberdade coas súas propias mans. A través de paseos in situ e relatos en primeira persoa, o capítulo inaugural mergúllase no labirinto urbano de Monte Alto e das Atochas para rescatar a historia das "mapoulas libertarias" e a rede de resistencia veciñal fronte ao franquismo.
O episodio fai unha radiografía completa da vida comunitaria do barrio antes e despois do golpe militar de xullo de 1936. A narración arrinca abordando a efervescencia cultural previa ao alzamento, cando As Atochas e Monte Alto concentraban a maior taxa de afiliación cenetista e libertaria da Coruña. A través dos seus ateneos populares, das súas escolas laicas e das bibliotecas de barrio como a do Centro Germinal, xerouse un espazo de sociabilidade e aprendizaxe colectiva no que destacaron figuras senlleiras como o xastre cubista Luis Huici e as súas populares vodas laicas.
Tras o estoupido da guerra e o inicio da represión, o relato adéntrase no funcionamento das chamadas "casas-refuxio". Aproveitando que as autoridades militares as subestimaban como suxeitos políticos, as mulleres anarquistas do barrio ergueron unha sólida rede clandestina para acoller perseguidos, transportar armamento e recadar fondos para a resistencia. O capítulo reconstrúe o tráxico desenlace desta trama tras a infiltración policial do caso Brandariz, que derivou no asalto simultáneo de xullo de 1937 ás casas de María Otero e Alicia Dorado, a lendaria fuxida e posterior encarceramento de Basilisa Álvarez "A Corales", e o episodio da represión cultural centrado na queima de volumes na dársena e a historia dos "libros prisioneiros".
O escritor Manuel Rivas, a investigadora Inés Merayo e os historiadores Daniel Palleiro e Dionisio Pereira explican a maquinaria do medo, o papel chave das mulleres na organización anarcosindicalista ou a fisionomía de autodefensa dun barriono que as Mapoulas Libertarias terman desa memoria no presente
Para fiar todos estes acontecementos co presente, o episodio conta cos testemuños e as reflexións de catro voces fundamentais para comprender a psicoxeografía da cidade. Antes, como en cada capítulo de Falamos de Memoria, a creadora de contido Prado Rúa guíanos por algúns dos puntos clave do barrio para acompañarnos a percorrer a súa memoria.
O escritor e xornalista coruñés Manuel Rivas, criado nas propias rúas de Monte Alto, achega a ollada poética e narrativa sobre o "punto cero" da súa infancia preto do Cárcere Provincial, a maquinaria do medo e a capacidade das ideas para sobreviviren baixo terra. Pola súa banda, a investigadora do grupo SEPA da Universidade de Santiago e membro de Refuxios da Memoria, Inés Merayo, aborda o papel chave das mulleres na organización anarcosindicalista e os proxectos actuais de creación artística comunitaria coa mocidade. Completan a análise o historiador Daniel Palleiro, quen contextualiza a dimensión do movemento libertario na Coruña e a loxística das redes de acollida, e o historiador Dionisio Pereira, quen analiza a fisionomía das Atochas como espazo de autodefensa e a dura traxectoria dos sobreviventes na posguerra.
O episodio pecha mostrando como aquel trauma histórico se transformou hoxe en orgullo de barrio a través do Día das Mapoulas Libertarias, as marcas urbanas nas rúas e o traballo pedagóxico e artístico desenvolvido co alumnado de bacharelato do IES Monte das Moas. O primeiro capítulo de Falamos de Memoria xa está no web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube.
Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración e o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual.