
O podcast documental Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade, continúa o seu percorrido por diferentes espazos da Coruña vinculados coa memoria histórica. A iniciativa busca contar a historia recente da cidade a partir dos lugares nos que sucederon os feitos e das experiencias das persoas que os viviron. O novo episodio detense na Silva para recuperar a historia do ateneo libertario El Resplandor en el Abismo e abordar a represión que sufriu este antigo contorno rural coa chegada do franquismo.
Este episodio da serie producida pola Fundación Praza Pública co apoio de 50 en Liberdade recupera a historia dos ateneos libertarios da Silva, das súas escolas laicas e da intensa actividade política e sindical que quedou no albo da represión tras o golpe do 36 contra persoas coma o canteiro anarquista José Boedo, pai de Pucho. Tamén da resistencia das mulleres como Maruxa Seijas
O episodio percorre a transformación da Silva desde as súas orixes como unha zona de canteiros e agricultores no Couto de San Cristovo das Viñas ata a súa conversión nun espazo marcado pola actividade industrial e a organización obreira. A narración detense no ateneo da Fontenova, nas escolas laicas da Cudixeira e na folga da construción de 1933, que contribuíron a consolidar unha importante presenza anarcosindicalista no barrio. O capítulo aborda tamén como, tras o golpe militar de xullo de 1936, esta actividade política e sindical quedou no punto de mira da represión.
O relato recupera as historias de varias persoas e familias vinculadas coa Silva. Entre elas está a familia Boedo, coa historia do canteiro anarquista José Boedo López, asasinado tras o golpe, e a infancia do seu fillo Pucho Boedo, que posteriormente se convertería nun coñecido cantante. O episodio aborda tamén o papel das mulleres na resistencia e na axuda ás persoas perseguidas a través de figuras como Maruxa Seijas e da familia Seiriñas. Entre outras tarefas, empregaban potas con dobre fondo fabricadas por linterneiros para introducir notas clandestinas na Prisión Provincial. O capítulo recupera tamén a historia de Fernando Seijas, que permaneceu agochado durante anos tras o fracaso da fuga do Portiño.
A represión tamén se aborda a través das historias de Arturo Meirás e Manuel Seoane Díaz. Meirás, fontaneiro, campión galego de boxeo e redactor da revista Brazo y Cerebro, foi torturado e asasinado en Bastiagueiro. Seoane Díaz, de 20 anos, era militar de reemprazo e violinista e foi executado no Campo da Rata despois de negarse a incorporarse ás forzas golpistas.
A investigadora Beatriz Gómez Amigo, veciña da Silva; Xurxo Souto, Manuel Rivas e o historiador Dionisio Pereira percorren connosco A Silva, como se organizou fronte ao golpe e a memoria da súa veciñanza
Para abordar a historia do barrio, o episodio conta cos testemuños de varias persoas vinculadas coa investigación e coa memoria da Silva. A historiadora, investigadora e veciña do barrio Beatriz Gómez Amigo achega o contexto sobre o desenvolvemento do movemento anarquista, a folga de 1933 e as redes de apoio organizadas polas mulleres.
O escritor, músico e divulgador Xurxo Souto percorre a rúa da Benela e lembra a figura de Pucho Boedo, ademais de recuperar o poema que Manuel Rivas dedicou ao cantante e a súa actuación na TVG en 1985. Pola súa parte, o escritor e xornalista Manuel Rivas aborda a historia do ateneo El Resplandor en el Abismo e a figura de Arturo Meirás. O historiador Dionisio Pereira contextualiza a organización da mocidade da Silva nos comités de defensa e a represión sufrida polo barrio en comparación con outros espazos obreiros da Coruña.
O episodio incorpora tamén declaracións de Maruxa Seijas procedentes dunha entrevista realizada en 2025 por alumnas do IES Agra do Orzán coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
O terceiro episodio de Falamos de Memoria xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube. Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración e o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual.