Xosé Luís Méndez Ferrín finou na noite deste mércores aos 88 anos, a súa pegada na cultura galega é imborrable e imprescindible
Xosé Luís Méndez Ferrín finou na noite deste mércores aos 88 anos, en Vigo, cidade na que residía hai máis de trinta anos e dende a que influíu en varias xeracións de galegas e galegos. Escritor, poeta, político e profesor. Autor totémico, a súa pegada na cultura galega é imborrable e imprescindible. A forza das súas ideas, que tratou de seguir expresando semanalmente nos seus artigos no xornal Faro de Vigo, case non puido ser limitada nin pola enfermidade que o acompañou nos últimos anos. Dirixía a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro.
"Temos que reivindicar o dereito a estar continuamente repasando e revisando as nosas ideas. Pero cando os cambios se producen por razóns de interese económico ou persoal, non de coherencia interior, conducen ao esperpento e ao ridículo, e son inmorais. A non ser que sexas de cartón pedra, se estás vivindo, as ideas están sometidas a movemento; outra cousa son os cambios interesados e fraudulentos", afirmou nunha entrevista en Praza.gal de hai tres anos.
Despedimos a Ferrín no ano no que se celebra o cincuenta aniversario da publicación de Con pólvora e magnolias (Rompente, 1976), un poemario revolucionario para as letras galegas que mantén a súa vixencia nos nosos días. Vinte e dous poemas que mesturan o compromiso social e político marxista e nacionalista (a pólvora) e os textos intimistas, existencialistas e confesionais (as magnolias).
"Era o libro homenaxe á propia tradición poética e literaria galega, era o libro diálogo coa cultura universal, era o libro un fervedoiro de lingua nova, unha columna dialéctica de río, unha morte revolucionaria de derrotas e crepúsculos", salienta Anxo Angueira no epílogo que acompaña a edición facsimilar do poemario a cargo da editorial Alvarellos, unha alfaia fiel a como se presentou o libro hai medio século, impreso en papel kraft e cun entapado manual, coas lapelas pegadas.
Ferrín foi presidente da Real Academia Galega entre 2010 e 2013, unha etapa na que a institución recorreu o decreto do plurilingüismo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Méndez Ferrín impregnou a toda a súa obra dun carácter inconfundible, tanto nos textos literarios coma nos puramente políticos ou ensaísticos. A súa escrita constrúe imaxes moi vivas, sempre a cabalo entre o mítico e o real, e entre o existencial e o político.
Ferrín foi presidente da Real Academia Galega entre 2010 e 2013, unha etapa na que a institución recorreu o decreto do plurilingüismo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade e Roberto Vidal Bolaño foron os homenaxeados nas Letras Galegas durante o seu mandato, que rematou coa súa dimisión do cargo, así como da súa condición de académico, que lle fora concedida no ano 2000 e pola que ocupou a mesma cadeira que Castelao.
Foi proposto para o Premio Nobel de Literatura pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en varias ocasións, nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo no ano 1999, e merecedor de numerosos recoñecementos como o Premio da Crítica (1976) por Con pólvora e magnolias; o galardón Celanova Casa dos Poetas (1985); o Pedrón de Ouro (1987); o da Crítica de Galicia (1988) por Bretaña, Esmeraldina; os premios Losada Diéguez e da Crítica de narrativa galega de 1991 por Arraianos; o da Crítica de poesía galega por Estirpe (1994), que tamén lle valeu o Losada Diéguez de 1995; os Eixo Atlántico e da Crítica de narrativa galega de 1999 por No ventre do silencio; o Premio Trasalba (2001); o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de literatura (2008); o recoñecemento de Arraiano Maior (2009); o Premio Otero Pedrayo (2012); o Brais Pinto (2013); o Laxeiro (2018); o Facho de Ouro (2019); e o Rebulir (2022), entre outros.
Funda o grupo Brais Pinto de acción cultural canda a Reimundo Patiño, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Bautista Álvarez e Xosé Fernández Ferreiro, entre outros
En 1983 rexeitou o premio Álvaro Cunqueiro concedido pola Xunta de Galicia. Foi un dos primeiros autores galegos en entrar na Lista de honra do IBBY, publicada pola Organización Internacional para o Libro Xuvenil, con Arnoia, Arnoia (1988).
De dar aulas á represión no cárcere
As mellores lembranzas da infancia de X. L. Méndez Ferrín lévannos irremediablemente ata Vilanova dos Infantes (Celanova). "Eu coñecina xa en decadencia, pero é unha parte moi importante da miña vida e da miña infancia", contou en conversa con Praza.gal. Ata marchar estudar Filosofía e Letras a Santiago de Compostela, viviu en Ourense e Pontevedra, onde estuda o Bacharelato. En 1957 marchará a Madrid, onde prosegue os estudos de Filoloxía Románica, na especialidade de castelán.
Ese mesmo ano publica Voce na néboa, o seu primeiro poemario, no que reflicte algúns dos trazos serán representativos da súa escrita: o recurso ao simbolismo, a presenza alegórica da materia de Bretaña ou a onomástica ficticia. Funda, canda Reimundo Patiño, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Bautista Álvarez e Xosé Fernández Ferreiro, entre outros, o grupo Brais Pinto de acción cultural.
O seu primeiro destino como profesor foi no Colexio Fingoi de Lugo ata que, en 1965, obtén a cátedra de Lingua e Literatura Española no Instituto Santa Irene de Vigo, onde permanece ata súa a xubilación no ano 2007. Dende as aulas deste centro de Secundaria, no que nos últimos anos impartiu a asignatura de Literatura universal, axudou o alumnado a facerse preguntas sobre o mundo que estaban a habitar, cunha grande habilidade para debullar a xeopolítica a través da literatura.
En 1965, obtén a cátedra de Lingua e Literatura Española no Instituto Santa Irene de Vigo, onde permanece ata súa a xubilación no ano 2007
A súa militancia política levouno a entrar na cadea en varias ocasións como resultado da represión franquista. En 1964 participa da creación da Unión do Povo Galego (UPG), organización que aglutinaba o legado do marxismo e mais do nacionalismo. Un momento convulso no que acaba enfrontado á corrente liderada por Ramón Piñeiro no Consello da Mocedade, do que considera que o expulsaron os mesmos que anos despois provocaron a súa saída da Academia.
A primeira vez que entra no cárcere é en 1969, pola autoría dunha novela considerada subversiva polo réxime: Os corvos, a figueira e a fouce de ouro. Esta obra estaba asinada co pseudónimo de Laín Feixóo e no xuízo Ferrín asegurou que non tiña intención de publicala. A pesar diso, acabou condenado. A novela estivo perdida ata que o investigador da Universidade Vigo Fernando Ramallo logrou recompoñela tras numerosas pesquisas.
Esta estancia en prisión resulta prolífica para a súa literatura, pois escribe Retorno a Tagen Ata (1971), unha novela de política-ficción que presenta, a través da alegoría, o enfrontamento vivido no seo do Consello da Mocedade; e Antón e os inocentes (1976).
Desbotada a súa participación na UPG, Ferrín promove a creación de varios partidos independentistas de praxe revolucionaria que o levarán de volta á cadea en máis de tres ocasións. Frente Popular Galega (FPG) son as siglas nas que milita máis recentemente.
Ferrín promove a creación de varios partidos independentistas de praxe revolucionaria que o levarán de volta á cadea en máis de tres ocasións
Méndez Ferrín ten tres fillos. Da súa relación coa escritora e poeta María Xosé Queizán naceron Cristal e Roi, e da súa unión coa profesora e escritora Moncha Fuentes naceu Oriana.
Poesía, narrativa, relatos e ensaio
A continuación do poemario Voce na néboa (1957), publica Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977); Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992) e Estirpe (1994). No ano 2024 Edicións Xerais publica Poesía reunida de X. L. Méndez Ferrín, un volume ao coidado de Anxo Angueira.
Debuta na narrativa breve en 1958 co libro Percival e outras historias, co que inaugura o seu prestixio como mestre da narración curta, e amosa unha das súas teimas: a recreación imaxinativa da materia de Bretaña. Os relatos de Amor de Artur (1982) constitúen o seu regreso a este universo simbólico e mítico.
Bretaña, Esmeraldina (1987) supón un dos seus maiores esforzos creativos. Trátase dunha novela carceraria con Tagen Ata e con Bretaña ao fondo, que ten como un dos temas centrais a procura da identidade. Na mesma liña, Crónica de Nós (1980) recolle un feixe de relatos sobre temas amorosos e políticos.
En 1991 chegan os contos na raia, ese espazo de fronteira entre Ourense e Portugal que tanto fascina a Méndez Ferrín. En Arraianos os contos van desde o terror ata o histórico e o etnográfico e suceden no territorio entre as concas dos ríos Limia e Arnoia, contra as serras do Xurés e Laboreiro. Unha zona que gostaba percorrer a cabalo.
Na novela No ventre do silencio (1999) describe a atmosfera abafante de Santiago de Compostela da década de 50. Tamén publicou unha novela dirixida ao público máis novo, Arnoia, Arnoia (1985), e a obra teatral Celtas sen filtro (1983). Alén da creación literaria, Ferrín é tamén un estudoso da literatura, eido no que destacan a súa edición crítica das cantigas de Pero Meogo e do ensaio de historiografía literaria De Pondal a Novoneyra (1984).
Ferrín non chegou a acomodarse nun ordenador, polo que escribía os artigos a máquina e, despois, aínda facía correccións a bolígrafo
A súa obra foi traducida a diversas linguas e levada ao cinema, Eloy Lozano rodou o filme Retorno a Tagen Ata en 1974 e, máis recentemente, Ángeles Huerta filmou O corpo aberto inspirándose nun relato de Arraianos en 2022.
Nos últimos tres anos, practicamente non participou en actos públicos, pero apenas faltou á entrega do seu artigo de opinión para Faro de Vigo. Ferrín non chegou a acomodarse nun ordenador, polo que escribía os artigos a máquina e, despois, aínda facía correccións a bolígrafo entre as liñas e nas marxes cunha caligrafía ás veces diminuta.
Coa morte do arraiano, Galicia perde a unha personalidade imprescindible para entender o século XX política e culturalmente. En 2023, na conversa con Praza.gal, mostrábase esperanzado e desexaba unha reacción da sociedade ante as derivas do sistema capitalista; se cadra, esa reacción levou máis tempo do que el agardaba, pero semella estar en marcha.