Homenaxe a Ferrín nos 50 anos de 'Con pólvora e magnolias', a obra que "abriu un novo tempo"

Méndez Ferrín le o manifesto do Día Mundial da Poesía no Teatro Principal De Santiago, nunha imaxe de arquivo © Óscar Corral

A Casa de Rosalía acolle este xoves a partir das 20 horas un acto no que participarán Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Axeitos, Chus Pato, Alexandra Cabana, Quique Alvarellos e Anxo Angueira e que rematará cunha actuación musical do Leo de Matamá

En 1976 Xosé Luís Méndez Ferrín publicou Con pólvora e magnolias, obra fundamental da poesía galega e que “fixo abanear os cimentos da poesía galega”, en palabras de Anxo Angueira, especialista na obra ferriniana e presidente da Fundación Rosalía de Castro. No 50 aniversario do poemario, a Casa de Rosalía acolle este xoves unha homenaxe a Ferrín na que participarán Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Axeitos, Chus Pato, Alexandra Cabana, Quique Alvarellos e Anxo Angueira. 

O acto, que comezará ás oito da tarde, rematará cunha actuación musical do Leo de Matamá. Ademais, presentarase a edición facsimilar de Con pólvora e magnolias que vén de publicar Alvarellos editora.

A obra "que abriu un novo tempo para a poesía galega" consta de 22 poemas nos que se mestura o compromiso social e político marxista e nacionalista (a pólvora) e os textos intimistas, existencialistas e confesionais (as magnolias). Dende a súa publicación por Rompente en 1976, a obra -que recibiu o Premio da Crítica en 1977- significou unha revolución na literatura galega. Reimprimiuse en 1978 e reeditouse en oito ocasións, a máis destada a que realizou Xerais en 1989 con comentarios de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. 

Cartel da homenaxe a Ferrín que acolle a Casa de Rosalía © Casa de Rosalía

Segundo Anxo Angueira, “o impacto do libro naquela encrucillada política e literaria de 1976 foi determinante na nosa cultura contemporánea. Todo foi distinto a partir de Con pólvora e magnolias, un libro distinto, no seu formato e no seu deseño, na súa concepción plástica e literaria”

"Supuxo unha pauta produtiva decisiva para evitar a asfisia do repertorio galego, tanto por reclamar espazos para o subxectivismo e a introspección como por inscribirse nun camiño crítico coa hipertrofia do socialrealismo formulado desde a vontade de inclusión desde os postulados ideolóxicos da poesía cívica e combativa", escribiu sobre ela Dolores Vilavedra.

Segundo Anxo Angueira, “o impacto do libro naquela encrucillada política e literaria de 1976 foi determinante na nosa cultura contemporánea. Todo foi distinto a partir de Con pólvora e magnolias, un libro distinto, no seu formato e no seu deseño, na súa concepción plástica e literaria”. 

A obra consta de 22 poemas nos que se mestura o compromiso social e político marxista e nacionalista (a pólvora) e os textos intimistas, existencialistas e confesionais (as magnolias)

Aquel volume “fixo abanear os cimentos da poesía galega”, “era o libro homenaxe á propia tradición poética e literaria galega, era o libro diálogo coa cultura universal, era o libro un fervedoiro de lingua nova, unha columna dialéctica de río, unha morte revolucionaria de derrotas e crepúsculos”. E remata: “O libro tíñao todo para se converter nun referente poético daqueles anos, pero tamén para, como se erixiu, nun referente literario cuxa vixencia permanece hoxe cincuenta anos despois”.

Edición facsimilar polo 50 aniversario de 'Con pólvora e magnolias' © Alvarellos Editora

Edición facsimilar

A edición facsimilar constitúe unha "réplica exacta" dunha "obra histórica, pola calidade e novidade da súa poesía, máis tamén polo seu singular formato e deseño"

Alvarellos editora presenta no 50 aniversario da obra unha edición facsimilar que constitúe unha "réplica exacta" dunha "obra histórica, pola calidade e novidade da súa poesía, máis tamén polo seu singular formato e deseño". A presente edición foi impresa en papel kraft, como o orixinal, e cun entapado manual, coas lapelas pegadas, tal e como fora presentada hai medio século. Inclúe un epílogo do especialista Anxo Angueira e a reprodución de manuscritos orixinais.

Impresa utilizando o mesmo tipo de papel kraft de cor marrón no interior e verxurado na cuberta, esta edición facsimilar é pois unha perfecta réplica da orixinal de 1976: no formato (18 x 20,2 cms), nas cores amarela escura da capa e na violeta para todos os textos, na tipografía, e mesmo foi reproducido o sistema de lapelas pegadas, mediante un entapado, feito un a un, de cada exemplar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.