O universo da 'Arnoia, Arnoia' de Ferrín trasládase a un videoxogo de plataformas na residencia da UVigo e a Cidade da Cultura

O grupo de alumnos da Universidade de Vigo que participaron na residencia ComTecArt na presentación dos resultados do proxecto © Cidade da Cultura

'Retorno Arnoia' é o prototipo de videoxogo que crearon nove alumnos de diferentes especialidades da Universidade de Vigo durante as fines de semana dun mes nunha convivencia na Cidade da Cultura que puxo a proba os seus coñecementos e habilidades para o traballo en equipo

Unha tarde de marzo nove alumnos e alumnas de diferentes titulacións da Universidade de Vigo atopáronse na Cidade da Cultura para comezar un proxecto novo. Era a primeira vez que se vían as caras, pero sabían que terían que traballar xuntos durante as seguintes fines de semana na residencia ComTecArt. Tiñan a misión de crear un videoxogo desde cero. Pero ese primeiro día só lles encargaron unha tarefa: ler a novela Arnoia, Arnoia (Xerais), de Xosé Luis Méndez Ferrín, para o día seguinte. 

"Eu non leo moito, pero cando comecei o libro xa vin que daba moito xogo para facer un videoxogo. A historia está moi ben, moitas veces pensas que pode ser un rollo ler literatura galega pero non. Sorprendínme moito, gustoume", conta Paula Martínez, que o curso que vén estudará o terceiro curso do grao de Publicidade e Relacións Públicas no campus de Pontevedra da UVigo e estivo no equipo de deseño deste prototipo de videoxogo Retorno Arnoia, que se presentou esta semana no Gaiás.

Primeiras probas do videoxogo baseado na novela 'Arnoia, Arnoia', de X. L. Méndez Ferrín © Cidade da Cultura

"Cando comecei o libro xa vin que daba moito xogo para facer un videoxogo", conta Paula Martínez

Moitos non coñecían a novela de Méndez Ferrín na que Nmógadah, un príncipe das terras de Arnoia, é apresado e obrigado ao exilio por un pobo invasor. Unha historia de aventuras na que o protagonista recibe axuda de diferentes elementos máxicos e se atopa con personaxes que lle van deixando aprendizaxes para o futuro. "Ata que non o acabas, non paras. É moi bo", di Cristina Lavadores, que para o ano fará o último ano de Enxeñería Informática no campus de Ourense da UVigo. "O capítulo catro xa o sei de memoria, paréceme excelente", engade, pois foi nesta pasaxe da historia na que se centraron para idear o videoxogo. 

Foron nove estudantes e titulados recentes en Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Telecomunicación, Enxeñaría Informática e Publicidade e Relacións Públicas os seleccionados pola Universidade de Vigo para esta primeira residencia ComTecArt no Gaiás. A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, explicou na presentación dos resultados que dedicaron horas "a deseñar, debuxar, animar, programar e sobre todo comprobar e descartar erros nunha estadía intensiva que durou pouco máis de catro fins de semana, pero que lles valeu para mellorar as súas competencias e experimentar de cheo todas as fases de desenvolvemento do xogo".

"O nivel que deseñamos agora mesmo é xogable, pero non o podemos publicar", explica Cristina Lavadores

O que presentaron é un prototipo que aínda non é público por unha cuestión de dereitos, segundo detallan os seus creadores. Traballaron arreo as findes de semana de marzo, pero non puideron rematalo como lles gustaría. "O nivel que deseñamos agora mesmo é xogable, pero non o podemos publicar. Como equipo, queremos continuar e estamos vendo como podemos obter os dereitos para que sexa público e se poida xogar. Faltarían por facer algúns niveis e implementar o sistema de diálogo para mostrar a historia", destaca Cristina Lavadores, que forma parte do equipo de programación de Retorno Arnoia.

Tal e como se puido ver na presentación, Nmógadah esperta aturdido porque o durmiron cunha sopa máxica e móvese por un escenario de plataformas como estamos acostumadas a ver a Mario Bros. Está previsto que o xogo teña cinco niveis, cara a arriba ou cara a abaixo, para que haxa un final distinto de cada vez. Tras ler a novela, todos tiveron claro que tocaba facer un videoxogo de plataformas. "Cando entrei na residencia, o primeiro que me preguntaron foi a que tipo de videoxogos xogaba. E contestei que os de matar danme mal rollo. Todos riron porque non é o típico. Pero a min sempre me gustaron os xogos de facer grupo, de convivencia, de coidar uns personaxes", conta Paula Martínez. 

A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez (centro); a profesora da UVigo Beatriz Legerén; e Antonio Piñeiro, da Fundación Curros Enríquez © Cidade da Cultura

"Na universidade facemos moita programación en equipo, pero paraun videoxogo todo é distinto", conta a estudante de Informática

O equipo de deseño foi o que recibiu máis "presión" ao comezo, pois nunhas horas tiveron que darlle forma ás ideas que xurdiran na primeira posta en común do grupo unha vez coñecían a historia. "Tiñamos que escoller a mecánica completa do xogo e presentala ao resto de departamentos. Eu tiña moita presión porque non quería facelo mal e facelos perder o tempo. Foi cando estivemos máis apurados", salienta Paula Martínez. Despois, tiveron que aprender a manexar unha plataforma de desenvolvemento de proxectos en 3D, Unity, da que se encargou sobre todo Nicolás Juncal.

Cristina Lavadores pensa no eido dos videoxogos como unha alternativa profesional, aínda que a ve "máis complicada desde Galicia". Con todo, o paso pola residencia permitiulle achegarse á programación destes produtos de entretemento. "Na universidade facemos moita programación en equipo, pero para programar un videoxogo todo é distinto ao que facemos normalmente. Axudámonos entre todos no equipo para dar o bo resultado que quedou finalmente", celebra. 

Na presentación dos resultados de Retorno Arnoia na Cidade da Cultura participaron tamén algúns dos profesores da Universidade de Vigo implicados neste proxecto que agora chega ás residencias REGA do Gaiás, como Beatriz Legerén Lago, que formou parte do equipo docente que asesorou ao alumnado durante a súa estancia. Ademais, Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez, que se implicou desde o comezo no proxecto, e trasladou unhas palabras en nome de Méndez Ferrín, a quen considerou que lle gustará ver o xogo rematado. Ata o vindeiro 8 de agosto está aberto o prazo para participar na convocatoria destas residencias ComTecArt para a segunda metade do ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.