A cultura galega valora positivamente a xestión de Ferrín e pide unha RAG "máis activa" e "plural"

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Vai acalmando a treboada iniciada este luns coa renuncia de Xosé Luís Méndez Ferrín á presidencia da Real Academia Galega e cómpre facer balance dos seus case tres anos de xestión, marcados por un proxecto de modernización da institución e de achegamento á sociedade, que fica inconcluso. Tres anos nos que se procedeu a un proceso de renovación e rexuvenecemento do seu plenario, no que aínda segue chamando poderosamente a atención a escasa presenza de mulleres. Tres anos marcados tamén polas celebradas escollas dos homenaxeados no Día das Letras e tres anos nos que foron frecuentes os tirapuxas co Goberno galego a respecto de dúas cuestións: o decreto de plurilingüísmo contra o que a RAG presentou un recurso, estimado parcialmente polo TSXG, e a reclamación dun financiamento xusto para a institución. Méndez Ferrín ten un gran peso específico na literatura galega e tamén na política e entre as críticas que se lle fan está o seu apoio á candidatura de AGE nas últimas eleccións, ademais da falta de "transparencia" e rendición de contas no seo dunha institución que é privada pero que se nutre de fondos públicos.

"Abriuse un proceso de modernización que deberia ser intensificado"

Que debe ser a Real Academia Galega? Que debe mudar? Para Manuel Bragado, director de Xerais, nestes tres anos "houbo un avance importante no proceso de modernización da Academia", tanto no que atinxe a aspectos tecnolóxicos coma á intensificación da relación coa sociedade, o acerto na escolla dos homenaxeados nas Letras, ou á maior colaboracion con outras institucións. "Abriuse un proceso de modernización que deberia ser intensificado", sinala Bragado, que fai fincapé en dous fitos: "a loita por mellorar o financiamento e a capacidade orzamentaria e a presentación do recurso contra o decreto de plurilingüísmo", onde, di, "pode estar boa parte do desenlace destes días". 

Para Bragado o luns foi un "dia de enorme tristeza. Ferrín toma unha decisión que probablemente é liberadora para el. Apártase e outros terán que continuar a batalla". Tamén Carlos Callón salienta coma o máis positivo a pesentación do recurso e engade que "durante décadas a RAG estivo inutilizada para a defensa do galego" e que "por algo sobreviviu durante o franquismo".

Nun artigo publicado en Praza Antón Dobao salienta que "a Academia presidida por Ferrín enfrontouse argumental e xudicialmente ao goberno galego por lexislar e actuar contra a lingua" e contrapón esta política á exercida con anterioridade: "coa dimisión de Méndez Ferrín todo parece volver ó rego. A Academia saberá se lle compensa". En termos semellantes pronúnciase Xurxo Borrazás: "Cando hai tres anos a súa elección se fixo inevitábel gardáronse as navallas pero conserváronse no peto e ninguén as entregou nin deixou de afialas en privado".

O Consello da Cultura Galega emitiu este mércores un comunicado con respecto ás "insinuacións" lanzadas dende algúns ámbitos "sobre posibles interferencias ou intromisións" desta institución no traballo da Real Academia Galega afirmando que "son totalmente infundadas" e lembrando que o Plenario do CCG se "pronunciou por dúas veces, en datas recentes, sobre a situación da lingua galega, nunha Proposta institucional e nun Ditame sobre o decreto de plurilingüismo". A Comisión Executiva do CCG fai ademais "unha chamada pública a favor da actuación responsable, no ámbito das súas competencias, das institucións da cultura galega", e considera "imprescindible manter liñas de colaboración e de respeto mutuo, como o Consello da Cultura Galega vén practicando de forma sistemática desde a sua creación".

Callón salienta que "durante décadas a RAG estivo inutilizada para a defensa do galego" e reclama que a RAG "debe ser máis activa. O recurso estivo moi ben pero foi o único que fixo neste senso"

Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, fai fincapé en que sexa quen sexa o novo presidente ou presidenta da RAG, o máis importante é que "a Academia siga tendo unha posición firme na defensa da lingua e recomenda “non perder o norte. Debemos ter claro que é o fundamental e que é o accesorio. Sería lamentábel que se apartase, como fixo no pasado, dos seus labores fundacionais”. Callón reclama que a RAG "debe ser máis activa. O recurso estivo moi ben pero foi o único que fixo neste senso. Debe ter unha defensa activa da lingua como teñen as academias vasca, catalana, ou a española".

Monteagudo salienta os “acertos” da RAG “nas grandes liñas”, sobre todo na reivindicación dun financiamento xusto e no recurso presentado contra o decreto de plurilingüísmo, pero sinala “erros” na xestión interna e externa, na relación coa sociedade

Henrique Monteagudo ou Víctor Freixanes tamén valoran "positivamente" a xestión realizada por Ferrín e a súa "capacidade de representación das Letras galegas". Para Freixanes trátase "dunha decisión desproporcionada" e engade que "ninguén pediu a dimisión do presidente" e Montegudo declarou que "para o país e a cultura, sería mellor que concluíse de forma tranquila". Outros membros do plenario poñen o énfase na defensa do “traballo iniciado” e non cren que deba existir unha fenda na xestión a partir da renuncia de Méndez Ferrín pero declinan facer declaracións até a próxima xuntanza da RAG.

Monteagudo salienta os “acertos” da RAG “nas grandes liñas”, sobre todo na reivindicación dun financiamento xusto e no recurso presentado contra o decreto de plurilingüísmo, pero sinala “erros” na xestión interna e externa, na relación coa sociedade: “a Ferrín custoulle entender o seu papel institucional e tivo varios esvaróns neste senso, pequenos pero que xuntos constitúen un esvarón grande”. En canto á xestión interna, Monteagudo salienta a necesidade de que unha institución que recibe cartos públicos dea conta da súa politica de contratación e do uso dos cartos: "pedir contas é o normal non pode ser considerado unha afrenta persoal".

En canto á xestión externa, Monteagudo cre necesaria unha meirande colaboración entre as distintas entidades culturais galegas e sinala que "dende a RAG non se facilitou iso estes anos". Monteagudo cre ademais que Ferrín tivo unha reacción “absolutamente inadeacuada” ante a reivindicación dunha maior presenza das mulleres e tamén lle critica as “declaracións inapropiadas” sobre o reintegracionismo.

 

Eivas: Pluralismo e transparencia

"O feito de que non se homenaxee a Ricardo Carvalho Calero implica un certo sectarismo"

Entre as eivas na xestión sinaladas polos entrevistados destaca a petición dun meirande "pluralismo" e "transparencia". Cesáreo Sánchez sinala que “hai certas cousas que deben cambiar. A Academia debe ser transparente e plural e as diferenzas deben ser solventadas sendo conscientes de que a RAG é un símbolo do pais”. Valórase a mellora da relación con outras entidades e institucións pero bótase en falta que na Academia só estea representada unha das universidades galegas e que moitas outras entidades tampouco o estean. Carlos Callón salienta por exemplo que "o equipo que está facendo a gramática da RAG é só da USC e debe acadarse a pluralidade coa que se chegou ao consenso normativo". E Cesáreo Sanchez di que “se dende a sociedade se fan propostas para que se homenaxeen determinados autores, a RAG debe escoitar a sociedade. O feito de que non se homenaxee a Ricardo Carvalho Calero implica un certo sectarismo". E engade: "Con que criterios se exclúe?”.

Bragado: "a Academia ten que ter claro se traballa cara ao futuro cun proxecto estratéxico ou se continúa mirando o mañá de forma curtopracista"

Outra gran eiva sinalada ten que ver coa "transparencia". Neste senso Manuel Bragado indica "a falta dunha cultura organizacional e democrática, que é unha eiva xeral que ten o institucionismo en Galicia. Dende a forma de recrutar os seus membros, á forma de dar conta dos seus orzamentos, pasando pola forma de relacionarse coa cidadanía". Para Bragado á RAG "fáltalle esa cultura organizacional da sociedade en rede, pero tamén lle falta ao resto das institucións. A RAG podería ser modélica e impulsora dun novo modelo". Para Bragado o fundamental é que "a Academia ten que ter claro se traballa cara ao futuro cun proxecto estratéxico ou se continúa mirando o mañá de forma curtopracista. Se traballase cun proxecto estratéxico eses grupos ou faccións das que se fala serían pouco eficaces".

Cesáreo Sánchez: “Se queremos que a RAG forme parte determinante da sociedade na que está inserida ten que dar entrada ás mulleres"

A última eiva ten que ver coa escasa presenza de mulleres na institución, como vén sendo reivindicado. Cesáreo Sánchez reclama que “se queremos que a RAG forme parte determinante da sociedade na que está inserida ten que dar entrada ás mulleres. As mulleres son as responsables do actual florecemento da cultura galega”. De igual xeito Carlos Callón lembra que a da presenza feminina "non é unha reivindicación artificiosa" pois "as mulleres teñen un peso moi importante na cultura galega". Bragado conclúe neste senso cun desexo que é compartido por moitos: que o novo presidente sexa unha muller, "un exemplo dos elementos de innovación social aos que me refería".

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.