O líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, censurou este domingo que "calquera alternativa a Ferrín" á fronte da Real Academia Galega (RAG) "nace dunha operación insidiosa", aínda que deixou claro que "iso non descualifica a quen o substitúa", en alusión á elección de Xesús Alonso Montero como novo presidente da institución.
Así, o tamén voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) prefiriu non valorar a elección de Alonso Montero, pero si expresou "de maneira rotunda" a súa "solidariedade" con Xosé Luís Méndez Ferrín que, ao seu parecer, foi sometido "a unha operación de asedio que cheiraba a fedor por todas partes".
Beiras cre que Ferrín sufriu "unha operación de asedio que cheiraba a fedor por todas partes"
"Calquera alternativa a Ferrín nace dunha operación absolutamente insidiosa, pero iso non descualifica a quen substitúa a Ferrín e ao seu equipo na dirección da Academia, porque en definitiva, Ferrín tamén podía reconsiderar a súa dimisión como, por exemplo, lle reclamaban publicamente persoas como Manuel Rivas", engadiu Beiras, que cuaflicou de "exemplar" a actitude do escritor coruñés.
En canto á dimisión de Ferrín, considerouna "un síntoma dos estropicios que fai este franquismo sen Franco, mesmo nos espazos culturais do nacionalismo galego, que están tan absolutamente agredidos". "Cando un xornal como ABC, ese ao que lle abondan tres das 24 letras do alfabeto para escribir se ocupa en primeira páxina en arremeter contra o presidente Méndez Ferrín da Academia, cando nunca se ocupou da Academia, nin lle importa un nabo... É absolutamente reaccionario, antidemocrático, daquela xa me dei conta que había algo", recriminou.
Alonso Montero renega do reintegracionismo
Por outra banda, Xesús Alonso Montero aclarou que se non intenta volver á normativa de 1982 é só polos prexuízos e inconvenientes que ocasionaría no ensino. Así o asegurou o novo presidente da RAG nunha entrevista a Radio Galega, onde aclarou que "nunca" foi partidario "dos cambios da última normativa". "Gustaríame que se volvera á anterior, aínda que sei que iso sería problemático”, engadiu.
Alonso Montero non dubida en asegurar que lle gustaría volver á normativa de 1982 para o galego
“Non é nin moito menos prioritario tocarlle un pelo á normativa”, insistiu, pechando calquera porta a un diálogo co reintegracionismo e logo de que o presidente da AGAL manifestara a súa intención de dialogar co RAG. Ademais, insistiu en que a Academia manterá o resurso ante o Supremo contra o decreto.