Xesús Alonso Montero xa é o novo presidente dunha Real Academia Galega (RAG) que afronta o reto de recuperar "o clima de concordia" que se perdeu nos últimos tempos, sobre todo a raíz da dimisión de Méndez Ferrín e da posterior -e inédita- carreira electoral que se abriu na centenaria institución. A nova executiva aludiu en todo o momento á necesidade de "destensionar" unha situación nada cómoda para un organismo que pareceu correr un risco de ruptura que agora todos intentan apagar.
Pero a razón de ser da RAG é a lingua galega, que tamén afronta unha morea de retos, tanto pola súa feble posición como polas diverxencias evidentes que todas as institucións que velan polo idioma teñen coa política lingüística levada a cabo nos últimos anos pola Xunta de Galicia. A Mesa pola Normalización Lingüística, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) ou a Asociación Galega de Editores reflexionan sobre as prioridades da Academia en canto ao idioma.
"A RAG debe facer fronte ás institucións que atacan a nosa lingua, como a Xunta de Galicia", di A Mesa
Carlos Callón, presidente d'A Mesa, aposta por que a RAG "sexa unha ferramenta de defensa da lingua galega e faga fronte ás institucións que atacan o noso idioma", e pon "como exemplo" o Concello da Coruña, "onde ten a sede a a propia Academia", ou a propia Xunta de Galicia. Alonso Montero insistiu en que manterá o recurso contra o decreto do plurilingüismo que a institución presentou ante o Supremo e o tamén voceiro da plataforma Queremos Galego pide "que manteña unha postura activa a prol do galego".
"Iso é o máis importante, que a RAG teña un papel moito máis dinámico e de reivindicación, como por exemplo no caso do ensino infantil nas cidades, onde o 96% das escolas non imparten absolutamente nada na nosa lingua", cita como exemplo. Pola súa banda, Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, cre que a RAG "debe manter a liña de defensa do idioma" dos últimos tempos, unha actitude que lle parece "exemplar". Ademais, considera tamén que debe "enxergar un horizonte para o idioma", pero apela "á corresponsabilidade". "A construción da nación e a defensa da lingua non lle corresponde só aos académicos, senón tamén á sociedade civil, ao asociacionismo e ás plataformas a prol do idioma", engade o director xeral de Xerais, que cre que cómpre que a centenaria institución "recupere o seu plan de traballo" e "desenvolva a gramática, profundice na lexicografía, continúe os traballos no seminario de sociolingüística e mellore a súa comunicación co conxunto da sociedade".
Desde a nova executiva, insisten en que a RAG "seguirá na liña marcada en defensa do idioma" e na "concienciación na sociedade do que significa a lingua propia", pero tamén deixa claro que é preciso "levantar a hipoteca ideolóxica que lastra o idioma".
Bragado aposta por "manter a liña marcada na defensa do idioma" e apela á "corresponsabilidade" no traballo a prol da lingua
Ademais, Carlos Callón tamén vería "moi positivo" que a Academia "tivese unha postura protagonista á hora de relacionarse co sistema galego-portugués". "Alén de debates normativos, a RAG debería ter un papel moi activo na relación cos territorios do sistema lusófono; non ten moito sentido virarlle as costas", asegura.
No mesmo sentido se manifesta Miguel Penas, presidente da AGAL, que xa enviou os seus parabéns a Alonso Montero, desexándolle "o mellor" e manifestándolle a suá intención de "abrir o diálogo e vías de entendemento" coa Academia. Para a Associaçom Galega da Língua, este diálogo debería basearse nas reclamacións que se recollen na ILP popular Valentín Paz-Andrade e coa que se procura unha serie de medidas que faciliten o acceso dos galegos ao universo da lingua portuguesa e unha maior relación coa lusofonía.
"Entendemos que o idioma precisa dunha nova estratexia, pero moita esperanza non podemos ter se atendemos ás primeiras declaracións de Alonso Montero", di en referencia ás palabras do novo presidente, no que rexeitaba o achegamento á lusofonía, aínda que Miguel Penas "confía" en poder manter un encontro coa institución. "Hai académicos na nova executiva que teñen manifestado dalgún xeito o seu interese polas iniciativas da AGAL e do reintegracionismo", engade.
Precisamente, fontes da nova executiva da RAG aclaran que no seu programa xa se marca como prioridade "estreitar os lazos co mundo lusófono", unha intención que abrangue tamén a futura inclusión de académicos correspodentes na institución.
A AGAL non ve moita esperanza no achegamento á lusofonía tras as primeiras declaracións de Alonso Montero
Neste sentido, Miguel Penas cre que a RAG debería acoller no seu seo "académicos que representasen outra visión científica sobre o galego", en referencia ao reintegracionismo. "Hai profesores e estudosos da lingua que están vetados, mentres se incorporan persoas con gran currículo, pero que igual teñen menos méritos que eles", quéixase o presidente da AGAL, que lembra que este "veto" xa ten tido as súas consecuencias, como a creación dunha "Academia alternativa". "A institución debería ser única e recoller a pluralidade de opinións, incorporando incluso académicos doutros ámbitos da lusofonía non galegos", insiste.
"A última normativa foi un consenso importante e un éxito para o país; hai que avanzar nese camiño"
Tamén Carlos Callón aposta por "unha Academia máis plural e máis representativa da cultura galega", tanto na cuestión de xénero, como doutros ámbitos. "Non comprendemos que a gramática oficial non sexa consensuada tamén polas universidades de Vigo e da Coruña", asegura o presidente d'A Mesa, que aposta "por que se manteña o mesmo espírito de consenso que se deu en 2003".
Callón refírese ao cambio normativo que rematou coa concordia de hai dez anos e logo de que Alonso Montero, nunha das súas primeiras declaracións tras ser elixido presidente da Academia, asegurase que se non intenta volver á normativa de 1982 é só "polos prexuízos e inconvenientes que isto ocasionaría no ensino". "Sen ánimo de polémica, os representantes da RAG teñen que ter en conta o peso das súas palabras. A última normativa foi un consenso moi importante e un éxito para o país e hai que avanzar nese camiño", remata o presidente d'A Mesa.
Desde a nova executiva, e malia as palabras do novo presidente, aseguran que Alonso Montero "limitouse a explicar cal foi a súa posición" de hai dez anos, no momento no que se abordou o cambio normativo, pero insisten en que tamén aclarou que "a única norma que hai é a existente, froito dun consenso e que é a que hai que defender". "O asunto da normativa non está na axenda, nin moito menos", finalizan.