"Aquí pasou o que pasou". Hai case corenta anos que a célebre afirmación de Manuel Iglesias Corral sobre os anos nos que a dereita galega se traizoou a si mesma e ao seu presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, serven para resumir uns determinados feitos políticos no noso país.
O 18F "o que pasou" foi que o PP logrou a quinta maioría absoluta, a primeira con Alfonso Rueda como candidato á presidencia. E, mentres, a oposición continuará liderada por un BNG que rompeu o seu teito electoral por segunda elección consecutiva ata lograr 25 escanos nun Parlamento no que o PSdeG terá 9 deputados tras un duro descenso e onde entrou Democracia Ourensana cun representante.
Con Vanesa Vázquez e Miguel Pardo achegámonos aos barrios máis mozos do país, en Vigo e na Coruña, onde o amplo apoio do BNG levou a non pouca veciñanza a pensar, por unhas horas, que o 18F trouxera consigo o cambo político para Galicia
Pero o resultado das eleccións galegas deixou algo máis que esas relevantes cifras principais que supoñen a consecución do Goberno para o PP. Deixou, por exemplo, vitorias da esquerda en xeral e do BNG en particular nos barrios máis mozos do país. Barrios como Navia, en Vigo, ou Novo Mesoiro, na Coruña, aos que nos achegamos neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao.
Da man de Vanesa Vázquez e Miguel Pardo coñecemos un pouco máis da realidade deses barrios nos que houbo non pouca xente o pasado 18 de febreiro que, por unhas horas, chegou a pensar que a vindeira presidenta da Xunta se ía chamar Ana Pontón. Máis aínda cando principiou o reconto e nas mesas da contorna o Bloque xogaba o papel que os populares adoitan xogar no resto do país, con apoios superiores ao 40% dos sufraxios.
Navia e Novo Mesoiro son dous barrios moi parecidos, cuns 20 anos de historia e que creceron ao abeiro das últimas grandes políticas de vivenda protexida en Vigo e na Coruña, unha característica que tamén define a súa veciñanza: xente moza, nacida maioritariamente a finais dos 70 e aos 80, con fillos pequenos... E con certa experiencia na reclamación de servizos básicos como educación, sanidade ou vivenda. Son tamén dúas mostras da necesidade de poñer o foco noutro xeito de contar as cidades galegas máis alá dos sucesos, narcopisos ou protestas contra os concellos gobernados pola esquerda.
Con esta conversa completamos o percorrido por Navia e Novo Mesoiro que realizamos recentemente en Praza.gal cunha reportaxe. Con ela quixemos poñer cara, poñer voces, ás cifras, aos números e aos mapas cos que tamén estamos tentando entender mellor como votamos o 18F, todos os resultados dentro deses resultados. Dende a propia noite electoral, Marcos Pérez Pena está debullando todos eses datos e con el falamos tamén no novo episodio do Fálase.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e mais en Podgalego.