O Goberno de España en funcións presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional (TC) contra a lei galega do litoral, aprobada hai tres meses, por "invadir competencias estatais" en distintos ámbitos e "incorporar de maneira unilateral o mar" ao territorio de Galicia. Así o anunciou este martes a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, tras a reunión do Consello de Ministros.
Rodríguez advertiu dun recurso contra 31 dos seus 73 artigos, o 40%, porque o Goberno central considera que "alteran e quebrantan o dominio público marítimo terrestre" do Estado e atribúen á Xunta competencias "non previstas no seu propio Estatuto de Autonomía". Deste xeito, a lei queda suspendida ata que o Constitucional non emita a súa sentenza.
O Goberno central recorre a lei galega por "invadir competencias estatais" e "incorporar de maneira unilateral o mar" ao seu territorio
A lei, aprobada no Parlamento cos votos a favor do PP e a abstención de BNG e PSdeG, foi defendida pola Xunta como unha norma clave para facilitar o desenvolvemento económico e social dos concellos litorais e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chegara a cualificala de imprescindible porque "permite que haxa vida económica". No entanto, no informe de legalidade que o Goberno galego remitira ao Parlamento, este recoñecera que a norma non regula ningunha materia "que teña unha especial e directa vinculación co desenvolvemento económico e social de Galicia" nin "especial transcendencia económico-social".
Agora, e logo do anuncio do recurso, Rueda amosou a súa "sorpresa" por unha decisión do Executivo que lle parece "unha broma" por basearse na defensa da Constitución ante unha comunidade que sempre foi "tan leal e respectuosa" e en plenas negociacións entre forzas independentistas e o PSOE para alcanzar un acordo para a investidura de Pedro Sánchez.
Rueda critica o recurso e contrapón unha Galicia "leal e respectuosa" coa Constitución coa "manga ancha para xustificar as reivindicacións do independentismo"
Xa o martes, no debate de política xeral no Parlamento, Rueda esperaba "que toda esa manga ancha que emprega o Goberno central para xustificar as reivindicacións do independentismo, non se converta nunha interpretación implacable, inxusta e partidista para intentar tombar o que saíu do Parlamento e foi avalado por ditames xurídicos independentes".
Desde o Goberno central, a súa portavoz lembrou que outras comunidades asumiron máis competencias en materia de litoral nos últimos anos "porque expresamente así o recoñeceron os seus estatutos". "Non é o caso de Galicia, que non modificou o seu Estatuto", engadiu, tras lembrar o "diálogo permanente" e os centos de acordos aos que chegou o Executivo con outras autonomías para evitar 180 recursos.
O Executivo central lémbralle á Xunta que outras comunidades asumiron máis competencias sobre o litoral "porque así o recoñeceron os seus estatutos": "Non é o caso de Galicia"
"Esta é a norma, pero cando hai excepcións, cando unha comunidade se arroga competencias que son do Estado para si, o Goberno vela polo cumprimento da Constitución e faino avalado polo ditame do Consello de Estado", detallou.
A Xunta reclamou as competencias no litoral baseándose nun informe encargado ao Consello Consultivo que lle daba o visto e prace para asumilas sen ter que modificar o Estatuto. Así, aprobou unha lexislación que tiña como un dos seus principais obxectivos dar novos usos a construcións abandonadas na costa. Na súa exposición de motivos, presentábase a norma como clave para mellorar "a sustentabilidade ambiental, social e económica" da costa galega e dedica disposicións concretas a cuestións relacionadas coa pesca, o medio ambiente ou a vivenda, ademais de instar ao impulso por parte da Xunta de novos nichos de negocio como unha rede de hoteis costeiros privados pero apoiados con fondos de recuperación da UE.
Logo, coa súa argumentación de que a lei do litoral non é tan relevante económica e socialmente, o Goberno galego quixo xustificar que non sometese o texto á consulta preceptiva que debería realizar nese caso ao Consello Económico e Social de Galicia, o ente consultivo no que están presentes patronal, sindicatos, universidades, confrarías e outras entidades de participación civil.
Agora, o Executivo central advirte que co recurso evita que se "vulnere" o réxime de protección ambiental que establece o Estado na costa e que "pode ser aumentado en termos de protección por parte das comunidades autónomas, pero nunca diminuído".
"No último momento, sen negociación previa e baseándose en informes que descoñecemos. O Goberno central prefire, unha vez máis, confrontar a deixarnos xestionar a nosa costa, para o que temos todo o dereito. A nosa Lei do litoral é boa e é leal. E así o imos defender", expresou Rueda nas súas redes sociais.
Desde o PPdeG, a súa secretaria xeral, Paula Prado, cualificou a presentación do recurso como "un novo ataque do Goberno central a Galicia" e unha "mala noticia", xa que "máis de 400 industrias dependen desa lei que aprobamos baixo unha competencia que consideramos recollida no Estatuto". Ademais, cargou contra o PSdeG, ao que considera "cómplice" e pediu ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que non "poña unha alfombra vermella" a Sánchez e defenda a legalidade da normativa.