Os mitos do proxecto Altri en Palas de Rei

Plantación de eucaliptos © ENCE

As mitomanías de ALTRI están a crear imaxinarios en confronto que é preciso desconstruír e interpretar nun escenario de axentes sociais, valores, dialécticas e intereses complexos. A continuación vou presentar 12 deses mitos e mitomanías e a súa desconstrución

O escudo municipal de Palas de Rei integra nel unha serra portuguesa. A orixe dese símbolo ten que ver coa histórica emigración de varias familias portuguesas e o seu asentamento no territorio do actual municipio. Esa memoria histórica permanece hoxe baixo a forma de alcumes aplicados a algunha familia (ex.: a casa-familia do “Portugués”). Eses portugueses trouxeron, desde o século XVIII polo menos, nova tecnoloxía, progreso, capacidade de traballo, emprego, servizo á comunidade local e sobre todo moita riqueza e benestar. Ao final acabaron por integrarse plenamente na comunidade local. 

Porén, os portugueses que están hoxe por detrás do proxecto de ALTRI en Vacariza (parroquia de Remonde, municipio de Palas de Rei, provincia de Lugo, Galiza), bautizado como “GAMA”, están lonxe de traer riqueza para a Galiza como tentarei mostrar a continuación desmontando algúns dos mitos e mitomanías do seu proxecto de “celulosa” orientada fundamentalmente a pasta de papel química (por medio de sulfatos ou kraft). Falamos aquí de mito no sentido antropolóxico como unha narración simbólica e imaxinaria que tenta explicar algo de forma contraditoria e pseudocientífica. 

E referímonos a mitomanías como ideas e relatos a cuestionar e debater criticamente porque os mitos preséntanse na forma de “verdades absolutas” e tentan resistirse á crítica e á diversidade de miradas, pero tamén á comparación coas evidencias empíricas e científicas dos seus erros e equívocos. As mitomanías de ALTRI están a crear imaxinarios en confronto que é preciso desconstruír e interpretar nun escenario de axentes sociais, valores, dialécticas e intereses complexos. A continuación vou presentar 12 deses mitos e mitomanías e a súa desconstrución: 

1- O proxecto de ALTRI non é só un proxecto portugués, é un proxecto liderado por grupos empresariais portugueses (ALTRI) e galegos (Greenalia) baixo a firma “Greenfiber S.L.” (designación igual a unha empresa estadounidense...), con apoio da consultora ACENTO, liderada polo ex-ministro socialista José Blanco (declarado “fillo predilecto de Palas de Rei” polo PP de Fernando Pensado no ano 2009...). O grupo ALTRI está liderado por Paulo Fernandes, Domingos Vieira de Matos e José Soares de Pina, e o grupo galego por Manuel García Alonso, Beatriz Mato (ex-conselleira de Medio Ambiente e con raíces familiares en Melide) e José María Castellanos. Todos eles empresarios suficientemente coñecidos en Portugal e Galicia con evidentes relacións e intereses transnacionais e multinacionais. O grupo ALTRI1 xestiona cerca de 100.000 hectáreas de eucalipto, 10 veces máis que ENCE-Pontevedra, e produce cerca de un millón de toneladas de pasta de papel anuais, a inmensa maioría para exportación a Europa e Asia, en 3 plantas (Biotek, Caima, Celbi). ALTRI presentou en 2023 en Portugal unha facturación superior aos 600 millóns de euros e un lucro de 42,8 millóns de Euros (fonte). ALTRI figura no PS-20 portugués como unha das 20 empresas con maior facturación do país. 

Escudo de Palas de Rei © Concello de Palas de Rei

2. O proxecto de ALTRI foi aprobado como proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Parlamento Galego primeiro, coa unanimidade dos tres grupos políticos representados nel, e logo polo Consello da Xunta de Galicia o 29 de decembro do ano 2022. Aínda que algúns políticos agora se desmarquen do seu apoio ou queiran negalo a realidade é que ese trámite foi consensual no parlamento galego, outros continúan a apoialo por comenencia política, e outros aplican a ideoloxía galaica do “Deus é bo e o demo non é malo”. Este efecto de división social e política vai ter un custo que teremos que avaliar detidamente durante o conflito. Polo tanto rómpese a idea estereotipada dos galegos mansos, conservadores e obedientes (“Mexan por nós e dicimos que chove!”), non é certo. 

3- O proxecto de ALTRI en Palas de Rei non é unha “industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas”, senón que as actividades previstas no proxecto en exposición pública son: “Actividade CNAE: 1711 Fabricación de pasta papeleira; 2060 Fabricación de fibras artificiais e sintéticas” (ver DOGA nº 45, 4 de marzo de 2024). É dicir, que o proxecto é unha celulosa (con 4 veces a extensión superficial e 10 veces a produción da “biofábrica” de ENCE-Pontevedra), a instalar nunha superficie de 360 hectáreas e cunha produción prevista de pasta de papel de 400.000 toneladas/ano e de 200.000 de lyocel (fibra téxtil). A pasta de papel será destinada a exportación (Portugal, EE.UU, China e Alemaña principalmente) e a fibra téxtil ás empresas de tecidos galegas, que aínda non asumiron calquera compromiso co proxecto de ALTRI. No caso de Inditex, esta empresa chegou a un acordo cunha fábrica finlandesa que produce de modo ecolóxico fibra téxtil. Por outro lado, ALTRI non ten unha patente europea para produción de lyocel como así teñen outros proxectos verdadeiramente ecolóxicos, sostibles e de economía circular en Austria e Finlandia, por exemplo. ALTRI tampouco ten un mercado interno favorable que feche o ciclo produtivo téxtil aquí na Galiza polo que a previsión é a exportación internacional dos seus produtos, que é o que fai e sabe facer en Portugal, coa conseguinte contradición do transporte non ecolóxico e mobilidade contraria aos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU) esixidos pola Unión Europea e os fondos Next Generation. O discurso “oficial” de ALTRI (selos, sustentabilidade...) esconde unha realidade que se reflexa nos informes técnicos e de impacto ambiental analizados por nós e por outros catedráticos das universidades galegas e portuguesas (Ver: proxecto e informe de impacto ambiental).

4- O mito de que está todo ben feito e atado. Os representantes de Greenfiber, promotora do proxecto desde a súa sede en Pontevedra, non teñen a día de hoxe a propiedade dos terreos onde pretenden instalar a celulosa e levan dous anos sen se comunicar cos propietarios (Familia Quintas de Melide). Isto supón unha falta de respecto polos lexítimos donos das terras e terreos, pero tamén un suspenso na xestión comercial, na xestión da comunicación e nas negociacións para compra de un dos factores de produción fundamentais para o proxecto: a terra. Xunto co traballo e os capitais (financeiro, sociais, naturais e informacionais), os recursos naturais (terra e auga do río Ulla e do río Seco) son esenciais para un proxecto deste calibre. O motivo desta carencia é que están habituados a practicar unhas políticas de top-down (arriba-abaixo), que vencen pero non convencen a toda a cidadanía. Por certo, no informe de impacto ambiental de ALTRI non hai nin un mapa con boas escalas, tal vez porque teñen medo do poder da súa representación e da visibilidade da súa proximidade ao Camiño Francés de Santiago de Compostela (que pasa a 1500 metros da fábrica proposta), patrimonio cultural da Humanidade e non de ALTRI, e primeiro itinerario cultural do Consello de Europa, entre outras distincións do noso “petróleo cultural e patrimonial”. Polo tanto, no proxecto GAMA de ALTRI hai moito de improvisación, “globos sonda”, especulación, mala xestión da comunicación e sobre todo unha petición de cerca de 300 millóns de euros de todos os europeos para un investimento con uso de moitos recursos públicos, naturais e colectivos para un beneficio privado sen un compromiso palpable de devolución á sociedade de un benestar e riqueza socioeconómica claros. 

5- O mito da grande creación de emprego do proxecto. En primeiro lugar hai que aclarar que durante a suposta construción da fábrica serían necesarios 4000 empregos, que non sabemos onde serán aloxados porque nos concellos do Alto Ulla non hai vivendas suficientes para albergar tanta xente debido a unha falta de política de vivenda máis orientada ao repoboamento rural. En segundo lugar a información vía comunicación social emitida pola empresa ALTRI desde o ano 2022 era que irían crear 2500 postos de traballo, logo empezou a baixar a cifra e hoxe en día falan en 500 empregos directos, pero o certo é que nas tres fábricas que teñen en Portugal só traballan nelas (emprego directo) menos de 800 persoas debido en parte ao forte proceso de tecnoloxización da cadea de produción. A nosa estimación é a de que finalmente os empregados acaben residindo na cidade de Lugo ou na de Santiago de Compostela, que coa autovía Lugo-Santiago en funcionamento estarán situadas a 30 minutos en coche de Palas de Rei. Unha causa disto, entre outras, será a falta de vivenda para aluguer e compra na zoa (vexan os portais Idealista e Fotocasa), polo que o efecto na riqueza da vida cotiá da zona (ex. vivenda, restauración, consumo local, impostos municipais, etc.) será posiblemente escasa.

6- O mito de que non vai ser necesario plantar máis eucaliptos, como defende CCOO Industria (ver), porque na Galiza xa hai 650.000 hectáreas de eucalipto plantados, suficientes segundo este sindicato para a produción industrial. Máis ben están nun erro de cálculo evidente, porque o que vai necesitar a celulosa de ALTRI é de 600.000 toneladas por ano de madeira de eucalipto (cerca de 7000 hectáreas por ano segundo o informe de impacto ambiental), non de outras especies. Pero non podemos esquecer que ALTRI non vai a única empresa a utilizar eucaliptos, o que obrigaría a continuar co modelo forestal do monocultivo eucalipteiro e a unha transformación radical negativa da paisaxe galega. As políticas de xestión empresarial de empresas como ALTRI en Portugal ou de ENCE en España son as de comprar e xestionar masa forestal para monocultivo de eucalipto. Polo tanto estamos fronte a un risco de mudanza na paisaxe que podería, a pesar da xestión, limpeza e coidado do monte desas empresas, diminuír a biodiversidade e aumentar máis aínda os riscos de incendios como probado cientificamente polos mellores especialistas mundiais en incendios (ex. Prof. Dr. Paulo Fernandes, UTAD, ver). Outro risco evidente é que co estímulo directo ou indirecto ao aumento da superficie de eucaliptos plantada o prezo pagado ao pequeno e medio produtor baixe, como xa ocorreu en ciclos económicos no pasado. 

7- O mito da sustentabilidade da proposta. Se ben despois de varias denuncias e condenas por contaminación do río Tejo, e informes negativos da Axencia Portuguesa do Ambiente (ex. Informe de 31 de xaneiro de 2018), a empresa ALTRI en Portugal parece enveredar por un camiño de sustentabilidade, para o cal está investindo moito capital financeiro e científico nas súas plantas portuguesas. Pero segundo fontes diversas do goberno portugués (ex. João Matos Fernandes, ex-ministro do Ambiente), dos municipios e da asociación Pró-Tejo (presidida por Arlindo Marques), o río Tejo chegou a ter un nivel de 1 sobre 10 na escala de contaminación internacional (carencia bioquímica de osíxeno), o que representa un “río morto” segundo a Ecoloxía e a Hidroloxía fluvial. No ano 2012 había censados 1091 pescadores no río Tejo, hoxe só hai 46 (fonte). Con estes antecedentes, e a grande cantidade de auga que van retirar do río Ulla no encoro de Portodemouros, 46.000 metros cúbicos por día, retornando ao río só 30.000, o que “Greenfiber S.L.” propón para Palas de Rei é máis ben un ecocidio disfrazado de sustentabilidade, unha palabra que serve para todo e para nada, pero especialmente para ocultar o que é insostible e precisa de maquillaxe e decoración (ex. discurso ALTRI sobre a pantalla forestal verde). Vexamos un pouco outro exemplo, os entre 200 e 400 camións (non hai un cálculo exacto definido) que van circular polo centro de Galiza diariamente, que enerxía utilizarán?, serán eléctricos...? e o ruído e molestia para os habitantes da zona rural e vilega? E os peregrinos? O proxecto tamén afectaría a zona de especial conservación (ZEC) da Serra do Careón, e está moi próximo dunha zona declarada Rede Natura 2000 pola Unión Europea, perpetuaría o monocultivo de eucalipto en Galiza e tería unha enorme demanda de auga do río Ulla. A consecuencia será que poñerá en risco e perigo o río Ulla e o mar de Arousa, ao ser devolta ao curso do río Ulla auga sobrante de un proceso de produción celulósica química que non sabemos aínda como vai ser tratada. O proxecto de ALTRI prevé captar 46.000 metros cúbicos de auga diarios do encoro de Portodemouros, á altura de Agolada e a 12,5 km da fábrica, e devolver augas máis arriba do encoro (a 8,8 km da fábrica) uns 30.000 metros cúbicos de auga diarios, que polos problemas demostrados en Portugal non dan moita fiabilidade e confianza técnica, social, ambiental e política. Ademais de non haber pedagoxía clara no proxecto técnico sobre as condicións de devolución e calidade da auga de retorno ao río Ulla. É dicir, non se fixeron ben os deberes esixidos pola administración pública. 

8- O mito do progreso mal entendido ou entendido de forma redutora, asociado á idea acrítica da riqueza para Palas de Rei, a comarca da Ulloa, Galiza, España e o mundo. Este mito está asociado ao estereotipo de que esta zona do Alto Ulla é unha “zona deprimida” (afirmación da “todóloga” e “opinóloga” María Méndez, Radio Galega, 26-03-2024, 8:30 horas) e despoboada. Porén, por aportar datos e luz sobre o asunto e un caso de estudo, segundo o IGE (Instituto Galego de Estatística), Palas de Rei tivo en 2020 unha PIB por habitante de 24.234 Euros, o que o sitúa na franxa dos concellos con PIB medio-alto da Galiza. Ademais é un concello que nos últimos 5 anos conseguiu atraer poboación moza para residir e traballar nel, para alén da moita xente que continúa vinculada e está censada nas cidades próximas. En Palas de Rei están instaladas empresas multinacionais como Campomaior e Jim Sports. A Ulloa é parte da DOC do queixo Arzúa-Ulloa, a segunda de maior produción de España. Tamén hai empresas de menor volume de negocios pero non menos importantes como “Castillo de Pambre” (García Baquero), Arqueixal, Milulloa, Galletas Maruxa, A Cernada, Pazo Vilane, Diqueixa, a Parada das Bestas, etc. etc. Por outro lado, vai empezar a funcionar proximamente en Palas de Rei unha fábrica de larva de mosca e insectos (“Bioflytech”, unha empresa start-up vinculada á Universidade de Alicante e hoxe do grupo Moira Capital Partners) que producirá fariña e alimento para animais, producirá 50 empregos directos e unha inversión de 20 millóns de Euros, unha feliz noticia de industrialización 4.0 para a comarca da Ulloa, cun proxecto que xerou consenso social e non oposición na comarca. Tamén deberíamos de falar dos pequenos proxectos familiares de empresas agrogandeiras e tamén as turísticas ligadas ao Camiño de Santiago e ao turismo rural. Estamos a referirnos a empresas xestionadas por persoas locais, moi ben formados, cun perfil moi innovador e dinámico que coñecen ben a economía global, que crean emprego local, de calidade, que distribúen riqueza e practican unha economía social responsable (ex. algunhas xa participaron en exposicións universais en representación de España), que teñen ambientes laborais de felicidade para os traballadores e que son responsables coa comunidade envolvente creando servizos (ex. ximnasios, instalacións deportivas... ) apoiando equipos e asociacións locais nas súas actividades culturais e sociais, etc. É dicir, son empresas con rostro humano, solidarias con responsabilidade social empresarial, con alma e que coidan moito o entorno social, cultural e humano da zona, que promoven marcas importantes e que xeran proxectos de vida de longo prazo, ben vivir, e vivir ben. Pois ben, dito isto, que nos garante que o proxecto de ALTRI terá ese nivel de RSE (responsabilidade social empresarial), ata o momento nada, pois levan dous anos sen unha comunicación transparente coas comunidades locais e cos seus representantes políticos (ex. alcaldes), aos cales infravaloran e negan información desde o principio do lanzamento do proxecto (un exercicio foucaultiano de violencia simbólica). É este o desenvolvemento do interior galego que pretendemos? É esta unha industria responsable ou hai alternativas? Creemos que si, como as que se están instalando en diversos puntos do concello de Palas de Rei. Por outro lado, as formas, que son importantes, pero tamén o fondo e o significados do seu estudo técnico e de impactos ambientais, mostran sinais de extractivismo colonial e acumulación por desposesión dos recursos naturais locais, deixando os custos negativos para o sector público e o colectivo, son esas as externalidades negativas e os custos da súa operación financeira. Que compensación ou xugo extraeremos desta laranxa? 

9- O mito de que a planta afectaría só a Palas de Rei e o centro da Galiza. A análise da circulación dos ventos galegos permite concluír que a emisión contaminante habitual nas celulosas (ex. xofre, nitróxeno, dióxido e PM5) da planta afectará a un radio de máis de 100 km, polo que cidades como Lugo, Coruña, Ourense ou Santiago de Compostela poderían sentir os seus efectos. É polo tanto un problema galego e tamén global, porque a pasta de papel producida vai ser para exportación a Europa e China, para fabricar papel hixiénico, panos de papel, folios, papel de escritorio etc. nunha sociedade en transición dixital e ecolóxica, que posiblemente prescindirá das cantidades de papel hoxe utilizadas ou apostará pola reciclaxe e reutilización como sucede nas sociedades máis avanzadas do mundo. 

10- O mito de que non vai ser prexudicial para a saúde. Vexamos a literatura científica con calma e cautela, nas bases de datos científicas PUBMED, JCR, WOS, Scopus, Scielo, etc. Na B.on aparecen 3630 traballos científicos baixo o rótulo “contaminación por celulosas”, 46 de “poluição de celulosas” e 454 baixo o rótulo “celullose polution”, pero tamén hai 422.546 cos descriptores “cellulose and health” (celulosas e saúde). Revisamos algúns resumos dos artigos e descubrimos moitos casos de estudo en diversos lugares do mundo (Chile, Arxentina, Estados Unidos...) con análises sobre efectos negativos sobre a flora, a fauna e os seres humanos (doenzas respiratorias e cancro de medula principalmente causadas polos fumes). Un risco para a saúde que debemos considerar e facernos reflexionar seriamente, porque está en xogo a nosa vida e a súa calidade. É dicir, o proxecto debería detallar que tipo de emisións vai producir baixo a máscara da sustentabilidade e dos certificados eco, que tamén se pagan... Ou tal vez o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, poderá imitar a frase de Paco Vázquez (ex-alcalde da Coruña) durante a crise do barco petroleiro Mar Egeo (3-12-1992): “Tranquilos coruñeses que el humo va para Ferrol!”. No caso de Palas de Rei sempre podería dicir: “Tranquilos palenses que o fume vai para Melide!”...

11- O mito da non afectación ao patrimonio cultural catalogado legalmente. Vexamos, o proxecto de ALTRI pretende localizarse a 1500 metros do Camiño Francés de Santiago de Compostela, e pola información técnica dispoñible creará un “skyline” con cheminea de 75 metros de altura, que terá unha pantalla forestal pero que non impedirá ver os fumes emitidos e outros. Sorpresa nosa, non hai no estudo de impacto ambiental un estudo serio do patrimonio cultural da zona próxima: Castelo de Pambre, igrexa románica de Leboreiro, Mámoas de Monte Grande, ponte medieval de Leboreiro, telleiras da Fonte do Mallo, Camiño Francés de Santiago, este último que é patrimonio mundial UNESCO e primeiro itinerario cultural europeo declarado polo Consello de Europa. Para alén diso temos patrimonio arqueolóxico importante estudado polas universidades galegas no proxecto “Bocelo” e tamén património etnolóxico como as “telleiras da Fonte do Mallo” e patrimonio natural de unha inmensa diversidade en xeoloxía, flora e fauna. A investigación científica móstranos que os peregrinos xacobeos valoran en gran estima a paisaxe do(s) camiño(s) de Santiago, polo que de instalarse o proxecto de ALTRI no entorno deste, pese ao esforzo e discurso maquillador de Greenfiber, afectaría negativamente á experiencia do peregrino, suporía un patrimonicidio e unha sombra de percepción dos riscos para a saúde importantes. Probablemente o ICOMOS, a UNESCO, o Instituto Europeo de Rutas Turístico-Culturais (Consello de Europa) deberían intervir na avaliación deste proxecto que vai afectar non só a un BIC (ben de interese cultural) senón a un patrimonio cultural europeo e mundial. 

12- Finalmente temos que considerar o mito de que os membros das plataformas cidadáns, hoxe de oposición ao proxecto, son todos do “non”, “manipulados polo BNG”, “ecoloxistas radicais”, “nacionalistas de esquerdas”, “están en contra do progreso e do desenvolvemento”, “anti-industrias”, “demagogos”, “irresponsables”, “queren vivir como nas cavernas”, “son profetas do non”, “van inhibir a chegada de inversións estranxeiras”, “son agresivos”... Son partes de discursos escoitados e recollidos de numerosos medios de comunicación radiofónicos e periodísticos no noso diario de campo das dúas últimas semanas, curiosamente por comentadores (“todólogos”) que acababan na súa inmensa maioría por descoñecer o proxecto técnico da empresa e o Alto Ulla, pero do cal falan de ouvidas con atrevemento maiúsculo, opinan pero non fundamentan e argumentan con base no coñecemento científico. Primeiro dicir, que as plataformas cidadáns (ex. Ulloa Viva) non estiveron inicialmente en contra do proxecto ALTRI, senón que mantiveron unha postura ética de dereito á información pública e á participación cidadá en proxectos vitais que afectarían á vida da terra que aman profundamente. Toda ecoloxía é política e o dereito ao ambiente saudable é un dereito humano básico (ODS da ONU), algo que non podemos negar nunha sociedade dita democrática. Polo meu traballo de campo antropolóxico na zona durante décadas podo afirmar que o perfil social destas plataformas é diverso do punto de vista profesional e político (ex. hai votantes e militantes de todos os partidos políticos). As plataformas das diferentes comarcas do Alto Ulla integran varios catedráticos universitarios de diversas áreas do saber, que buscan a verdade, e tamén empresarios de éxito recoñecido internacionalmente, que buscan o beneficio colectivo e non duns poucos. Por outro lado hai que destacar o papel da xuventude e das mulleres, empoderadas e conscientes dos riscos deste proxecto para a calidade de vida comunitaria, cunha gran formación universitaria e experiencia. È dicir, non son “galegos mansos”, tontos ou manipulables, como algúns “todólogos” dan a entender nos seus discursos mediáticos de intoxicación informativa, pero tampouco son “antisistema” ou “comunistas con rabo de demo”, senón que son persoas conscientes que pensan criticamente, que dominan as chaves da sociedade dixital actual, das redes sociais e a economía global. Propoñen alternativas ao que consideran depredación abusiva da natureza, defenden o dereito á discordancia saudable e respectuosa, practican e defenden alternativas ao desenvolvemento dun proxecto como o de ALTRI (bautizado agora como proxecto “GAMA”). En resumo, estes líderes cidadáns consideran que o proxecto ALTRI na forma actual traerá máis maleficios do que beneficios ambientais, sociais, económicos e culturais. E digo isto porque o que está en xogo para eles, e para tod@s, é algo máis que economía financeira e ecoloxía política, senón que nos xogamos o que queremos ser e o que desexamos para os nosos fillos e a nosa terra. Aqueles que non pensen nesta clave ou que queiran deixarlles estragos ambientais e patrimoniais, a HISTORIA e o futuro vainos xulgar duramente. Apliquémonos a teoría nativa do “sentidiiño” que tanto predican algúns, non é o simple lucro económico o que debe importar neste tempo Antropoceno depredador, é a identidade colectiva, o sentido de comunidade e a cidadanía global o que está en xogo. Queremos outra ENCE multiplicada por catro e por dez? Queremos seguir contribuíndo ao cambio climático? Ou queremos outra forma de produción, rexenerar o ambiente e vivir de forma máis ecolóxica, saudable e responsable? 

 

Notas

1  A Celbi e a Celtejo producen pastas papeleiras de eucalipto, por medio do proceso ao sulfato ou Kraft. No caso da Celbi (Figueira da Foz), o tipo de pasta producida destínase à produción de papeis finos de impresión e escrita, papeis para laminados decorativos e papeis destinados a servir de suporte á impresión de gran calidade. No caso da Celtejo (Vila Velha de Ródão) a pasta é para papeis W.C., panos de papel, toallas refrescantes, etc.. A Caima (Constância) produce pasta soluble, utilizando o eucalipto globulos como materia-prima, para aplicacións na industria téxtil, e tamén vende lignosulfonato de magnesio, que é maioritariamente utilizado na industria de construción como aditivo para o alcatrán - asfalto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.