BNG e PSdeG afean o apoio da Xunta ás rendas altas e grandes empresas fronte "aos dereitos da maioría"

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro no Pleno deste martes 8 de outubro de 2024 CC-BY-SA BNG e PSdeG

Pontón lamenta que "o PP sempre se pon no lugar equivocado" e Besteiro di que coñece "máis xente no paro que xente que teña máis dun millón de euros"

Fronte á hora e media que o presidente Rueda dedicou este martes ao seu discurso inicial para expoñer as súas próximas iniciativas de goberno, máis as súas posteriores contrarréplicas, os grupos parlamentarios tiveron este martes só 15 minutos cada un para ofreceren as súas réplicas. Na súa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou a falta de valentía de Rueda e asegurou que "non ten proxecto de futuro nin ningunha alternativa". Segundo a nacionalista, o discurso do presidente foi "un refrito de iniciativas xa presentadas" das que só salvou as que se asemellan a propostas do BNG: "animamos a que nos siga copiando coa fundación pública para a ciencia", dixo.

Pontón no debate con Rueda CC-BY-SA BNG

Pontón lamentou o "servilismo e submisión" de Rueda "ao PP de Madrid" e asegurou que "cando ten que elixir entre o negocio duns poucos ou os dereitos da maioría, o PP sempre se pon no lugar equivocado". 

Desde o PSdeG o seu líder, José Ramón Gómez Besteiro, comezou a súa intervención lembrando os problemas que hai no país en materia de vivenda, de "xente que morre agardando polo recoñecemento da dependencia", de listas de espera na sanidade ou de transporte. O socialista contrapuxo as boas cifras económicas que se veñen rexistrando a nivel estatal coa súa visión de que "Galicia non é quen de seguir ese ritmo, perde pulo".

Besteiro durante a súa intervención no Parlamento este martes 8 de outubro de 2024 CC-BY-SA PSdeG

Besteiro lamentou que Rueda non ofrecese solucións en materia de vivenda aos "prezos imposibles para a mocidade" pero que en troques rebaixe impostos ás rendas máis altas. "Non sei que lle pasará a vostede, pero eu coñezo máis xente no paro que xente que teña máis dun millón de euros de patrimonio", sentenciou o socialista.

Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, dixo que o seu partido estará atento a que un novo modelo de financiamento dea "o maior diñeiro posible" a Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.