O 25,5% da poboación de Galicia, unha de cada catro persoas, estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social en 2023. É a porcentaxe máis alta dende 2015, cando se aprobaran os obxectivos de redución de pobreza da Axenda 2030. En termos absolutos, isto significa que algo menos de 690.000 persoas residentes en Galicia atopábanse nesa situación o ano pasado, 50.000 máis que en 2022.
Das preto de 690.000 persoas que en 2023 estaban en risco de pobreza e exclusión social en Galicia, algo máis de 384.000 son mulleres
Desas preto de 690.000 persoas que en 2023 estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social, case 305.000 eran homes (17.350 máis que no ano anterior) e algo máis de 384.000 eran mulleres (sendo 35.336 máis nesta situación en comparación cos datos do ano anterior).
O indicador AROPE, que mide o risco de pobreza e exclusión, é superior para as mulleres na súa serie histórica e aumenta agora 2,4 puntos, pois en 2023 o 27,4% das persoas en risco de exclusión eran mulleres. Con estas variacións a fenda de xénero agrándase a respecto de 2022 (pasando de 2,8 puntos a 3,9); polo que, en liña co que viña identificando este estudo en anos anteriores, segue a agudizarse a feminización da pobreza en Galicia.
Este xoves, 17 de outubro, coincidindo co Día internacional da erradicación da pobreza, EAPN Galicia, a Rede galega de loita contra a pobreza e a exclusión social presentou o XIV Informe do Estado da Pobreza en Galicia 2024 xunto á Valedora do Pobo en Santiago de Compostela. No documento apuntan que a taxa de pobreza entre as mulleres en Galicia nunca foi inferior á dos homes, algo que se repite en 2023: un 20,6% das mulleres é pobre fronte ao 18,1% dos homes.
As nenas, nenos e adolescentes galegas e galegos son agora mesmo a poboación con maior risco de pobreza e exclusión social, cunha taxa AROPE do 28,2% en 2023. O grupo das persoas menores de 18 é o máis elevado e o que máis se incrementou entre 2022 e 2023 (+3,5 puntos); seguido do das persoas de 18 a 64 anos (25,3%), que medra 1,7 puntos; mentres que a taxa máis baixa segue sendo a do grupo de 65 ou máis anos (24,5%), aínda que tamén aumenta un 1,4%.
O XIV Informe do Estado da Pobreza en Galicia 2024 indica que ter fillos é un factor de empobrecemento para as familias que residen en Galicia
Por outro lado, incrementouse a taxa de pobreza nos fogares con nenos e nenas, en 2023 o 27,1% está en risco (2,7 puntos máis que en 2022), fronte ao 24,3% que vive sen menores (1,4 puntos máis que no ano anterior). Do que se deduce, segundo o informe, que ter fillos é un factor de empobrecemento para as familias que residen en Galicia.
Xosé Cuns, director de EAPN Galicia, indicou na presentación dos datos que “o incremento da taxa de pobreza infantil vén dado de que moitos dos nenos e nenas que a experimentan pertencen a familias monoparentais (o 80% encabezadas por mulleres), un tipo de fogar no que tamén se incrementou a taxa de pobreza no conxunto do Estado, pasando do 49,2% no ano 2022 ao 52,7% en 2023”.
Máis pobreza no rural
Detéctase unha maior incidencia do indicador AROPE sobre o risco de pobreza e exclusión social nas zonas rurais que nas urbanas. Vén sendo así desde que se estuda esta cuestión, a pesar de que no ano 2021 ambos territorios quedaran igualados. O ano 2023 mostra un impacto do 26,7% da taxa de pobreza no rural (un incremento de 2,5 puntos) fronte ao 25% nas zonas urbanas, que soben 1,6 puntos tras baixar en 2022.
"O incremento da taxa de pobreza infantil vén dado de que moitos dos nenos e nenas que a experimentan pertencen a familias monoparentais (o 80% encabezadas por mulleres)"
Galicia mantense nunha posición media sobre o conxunto de comunidades autónomas, aínda que empeora a súa distancia coa media estatal. No estudo sinalan que a nivel comparativo, atendendo á evolución da tendencia entre os datos recollidos en 2023 e as primeiras cifras de referencia, Galicia é unha das nove comunidades nas que se identifica un aumento da taxa AROPE, pasando dun 24,9% no ano 2015 ao 25,5% actual (0,6 puntos máis).
A carencia ou privación material e social severa, relacionada directamente co custo da vida, aumentou en Galicia case dous puntos, pasando do 6,3% en 2022 ao 8,2% da poboación en 2023. Isto representa o valor mais alto de toda a serie histórica e tradúcese en que case 230.000 persoas en Galicia se atopan nesta circunstancia, que tamén afecta máis a mulleres que homes. Con respecto ao ano 2015 (inicio do novo período de avaliación da Axenda 2030) a taxa de privación material e social severa de Galicia duplicouse e, con respecto a 2020, cando estaba no 3,2%, vai camiño de triplicarse.
O informe completo sobre o estado da pobreza en Galicia pódese consultar no sitio web de EAPN.